A igrexa de Dalhem (sueco: Dalhems kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Dalhem, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia A primeira igrexa que houbo no lugar foi unha stavkirke, hoxe desaparecida. Seguiulle unha pequena igrexa de pedra, probablemente de estilo románico, que seguramente tivese un coro con ábsida. Na presente igrexa o coro e a nave son as partes máis antigas, datando do século XIII. A torre, o portal principal e a gran fiestra na fachada oeste datan do século XIV. A construción foi dirixida por monxes cistercienses da próxima Abadía de Roma. A igrexa permaneceu case inalterada dende entón sendo engadido algún mobiliario posteriormente, destacando o púlpito de madeira tallada de 1637. No ano 1899 iniciouse unha gran restauración que transformou a igrexa en gran medida.

Restauración O arquitecto e artista Axel Herman Hägg recadou cartos, tamén internacionalmente, para completar a restauración da igrexa. Os traballos continuaron durante 15 anos, ata 1914. A igrexa alterouse substancialmente tanto externamente como internamente, nun intento de facer que parecese máis medieval. A renovación considerouse notable na súa época, e fixo que a igrexa fose chamada o "santuario nacional de Gotland". No presente, a renovación foi descrita como "unha reconstrución estridente e imprecisa da Idade Media". Permanece como un interesante exemplo das ideas da conservación do patrimonio cultural prevalecentes nese momento.

Arquitectura A igrexa está formada por tres partes distintas: a torre, a nave e o coro. A torre, que ten uns 50 metros de altura, está adornada con galerías, unha influencia da arte do val do Rin, e está coroada cunha forma de agulla coñecida como temón renano. O portal principal, na fachada sur, está decorado con esculturas de pedra con motivos pouco comúns en Gotland e é do século XIV. No muro adxacente ao portal norte, hai unha tumba da anterior igrexa. O exterior foi encalado, pero durante a restauración deixouse a pedra núa.

Internamente a igrexa está dominada completamente polos cambios realizados entre 1899 e 1914, pero entre os últimos engadidos aínda hai varios elementos orixinais medievais. O igrexa ten a vidreira máis antiga de Gotland, feita por un artesán alemán, pero a ela se lle engadiron novas fiestras imitando o estilo medieval durante a restauración. Tamén sobreviven varios frescos medievais, representando por exemplo a crucifixión ao arcanxo Miguel. Porén, as paredes están dominadas polas moitas pinturas realizadas por Hägg durante a renovación. Un nicho destinado a gardar o pan e o viño da eucaristía sobrevive da anterior igrexa románica. Tamén se conserva unha cruz procesional do século XIV e unha pía bautismal do século XII, pero case todo o mobiliario restante é da restauración da igrexa.

Galería de imaxes

Notas

Dalhem