O factor de crecemento de hepatocitos (HGF) (ou factor de dispersión, en inglés scatter factor ou SF) é un factor de crecemento celular parácrino, de motilidade e morfoxénico. É segregado polas células mesenquimais e ten como diana e actúa principalmente sobre células epiteliais e endoteliais, pero tamén actúa sobre as células proxenitoras hematopoéticas e células T. Ten un importante papel no desenvolvemento de órganos embrionarios, especificamente na mioxénese, na rexeneración de órganos adultos e na curación de feridas.
Función
O factor de crecemento do hepatocito regula o crecemento celular, a motilidade celular e a morfoxénese ao activar a fervenza de sinalización da tirosina quinase despois de unirse ao receptor protooncoxénico c-Met. O HGR é segregado polas células mesenquimais e actúa como unha citocina multifuncional en células de orixe principalmente epitelial. A súa capacidade de estimular a mitoxénese, motilidade celular e invasión da matriz dálle un papel central na anxioxénese, tumoroxénese e rexeneración de tecidos.
Estrutura
Segrégase en forma dun só polipéptido inactivo e despois é clivado por serina proteases dando unha cadea alfa de 69 kDa e outra beta de 34 kDa. Unha ponte disulfuro entre as cadeas alfa e beta úneas dando lugar ao produto activo heterodimérico. A proteína pertence á subfamilia do plasminóxeno de peptidases S1, pero non ten actividade detectable de protease.
Importancia clínica
A terapia de ADN de plásmido de HGF humano de cardiomiocitos está sendo examinada como posible tratamento da enfermidade da arteria coronaria e como traramento para os danos ocorridos no corazón despois dun infarto de miocardio. Ademais dos efectos ben caracterizados do HGF sobre as células epitaliais, endoteliais e proxenitoras hematopoéticas, o HGF tamén regula a quimiotaxe de células T no tecido cardíaco. A unión do HGF o c-Met, expresado en células T, causa a regulación á alza de c-Met, CXCR3 e CCR4, que á súa vez lles dá a capacidade de migrar ao tecido cardíaco. O HGF tamén promove a anxioxénese nas lesións isquémicas. O HGF pode xogar un papel como indicador de prognóstico para a artralxia inducida polo virus Chikungunya. Os niveis altos de HGF correlaciónanse con altas taxas de recuperación.
A expresión excesiva local de HGF nas mamas foi implicada na macromastia. O HGFestá tamén implicado de forma importante no desenvolvemento normal da glándula mamaria.
O HGF foi implicado en diversos cancros, como o de pulmón, páncreas, tiroide, colon e mama.
O incremento da expresión de HGF foi asociada coas capacidades de mellora e non formación de cicatriz na curación de feridas de fibroblastos illados do tecido da mucosa oral.
Niveis de plasma circulantes O plasma de pacientes con insuficiencia cardíaca avanzada presenta niveis incrementados de HGF, o cal se correlaciona cun prognóstico negativo e un alto risco de mortalidade. O HGF circulante foi tamén identificado como marcador de prognóstico que indica gravidade en pacientes que padecen hipertensión. O HGF circulante tamén se suxeriu como posible biomarcador precoz da fase aguda da inflamación intestinal.
Farmacocinética O HGF exóxeno administrado por inxección intravenosa é eliminado rapidamente da circulación polo fígado, e ten unha vida media de aproximadamente 4 minutos.
Moduladores Dihexa é unha pequena molécula oralmente activa e penetrante centralmente que se une directamente ao HGF e potencia a súa capacidade de activar o seu receptor, c-Met. É un forte indutor da neuroxénese e está sendo estudada para a súa posible aplicación no tratamento da enfermidade de Alzheimer e a de Parkinson.
Interaccións O factor de crecemento de hepatocitos presenta interaccións co produto proteico do oncoxene c-Met, identificado como receptor de HGF (HGFR). Tanto a sobreexpresión da proteína do receptor Met/HGFR coma a activación autócrina de Met/HGFR pola expresión simultánea do ligando factor de crecemento de hepatocitos foron implicadas na oncoxénese. O factor de crecemento de hepatocitos interacciona cos glicosaminoglicanos sufatados heparán sulfato e dermatán sulfato. A interacción co heparán sulfato permite que o factor de crecemento de hepatocitos forme un complexo con c-Met que pode transducir sinais intracelulares que orixinarán a división celular e a migración celular.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Factor de crecemento epidérmico Factor de crecemento similar á insulina 1 Transición epitelial-mesenquimal
Bibliografía
Ligazóns externas
Hepatocyte growth factor en Atlas of Genetics and Oncology Páxina da UCSD Signaling Gateway Molecule en HGF
Categoría:Factores de crecemento Categoría:Citocinas