O factor de crecemento de queratinocitos ou KGF (do inglés keratinocyte growth factor), tamén coñecido como FGF7, é un factor de crecemento presente na fase de epitelización da curación de feridas. Nesta fase, os queratinocitos cobren a ferida, formando o epitelio. Está codificado no xene FGF7 do cromosoma 15 humano.

O KGF é unha pequena molécula de sinalización que se une ao receptor do factor de crecemento de fibroblastos 2b (FGFR2b). Para que ocorra a sinalización, requírese a formación dun dímero entre dous complexos FGF:FGFR que están ligados por unha molécula de heparina.

O KGF pertence á familia do FGF. Coñécense 23 FGF, e 4 receptores de FGF. A unión de FGF:FGFR é complexa e está regulada por diversos mecanismos de maneira específica de tecidos.

O FGF10 tamén se coñece como "factor de crecemento de queratinocitos 2".

Función

A proteína codificada polo xene FGF7 é un membro da familia do factor de crecemento de fibroblastos (FGF). Os membros da familia de FGF posúen amplas actividades mitoxénicas e de supervivencia celular e están implicados en diversos procesos biolóxicos, como o desenvolvemento embrionario, crecemento celular, morfoxénese, reparación de tecidos, crecemento e invasión de tumores. Esta proteína é un factor de crecemento específico de células epiteliais potente, cuxa actividade mitoxénica é exhibida predominantemente en queratinocitos pero non en fibroblastos e céllas endoteliais. Estudos feitos en ratos e ratas homólogas deste xene atoparon funcións na morfoxénese de epitelio, reepitelialización de feridas, desenvolvemento do pelo e organoxénese temperán dos pulmóns.

Interaccións

O FGF7 presenta interaccións co perlecán.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Palifermina

Bibliografía

Ligazóns externas http://www-personal.umich.edu/~lpt/fgf/1fq9_files/side.jpg http://www-personal.umich.edu/~lpt/fgf/1fq9.htm

Categoría:Factores de crecemento