A Terra () (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén chamada Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar. Tamén é o maior dos catro terrestres.
A Terra formouse hai aproximadamente 4 550 millóns de anos e a vida xurdiu uns mil millóns de anos despois. A atmosfera e outras condicións abióticas foron alteradas de forma significativa pola biosfera do planeta, favorecendo a proliferación de organismos aerobios, así como a formación dunha capa de ozono que xunto co campo magnético terrestre bloquean a radiación solar daniña, permitindo así a vida na Terra. As propiedades físicas da Terra, a historia xeolóxica e a súa órbita permitiron que a vida siga existindo. Estímase que o planeta seguirá sendo capaz de sustentar vida durante outros 500 millóns de anos, xa que segundo as previsións actuais, pasado ese tempo a crecente luminosidade do Sol terminará causando a extinción da biosfera.
A superficie terrestre ou codia está dividida en varias placas tectónicas que se deslizan sobre o magma durante períodos de varios millóns de anos. A superficie está cuberta por continentes e illas, estes posúen varios lagos, ríos e outras fontes de auga, que, xunto cos océanos de auga salgada, representan cerca do 71% da superficie e constitúen a hidrosfera. Non se coñece ningún outro planeta con este equilibrio de auga líquida, que é indispensable para calquera tipo de vida coñecida. Os polos da Terra están cubertos na súa maioría de xeo sólido (Inlandsis da Antártida) ou de banquisas (casquete polar ártico). O interior do planeta é xeoloxicamente activo, cunha grosa capa de manto relativamente sólido, un núcleo externo líquido que xera un campo magnético, e un núcleo interior sólido composto aproximadamente dun 88% de ferro.
A Terra interactúa gravitacionalmente con outros obxectos no espazo, especialmente o Sol e a Lúa. Na actualidade, a Terra completa unha órbita ao redor do Sol cada vez que realiza 366,26 xiros sobre o seu eixe, o cal é equivalente a 365,26 días solares ou a un ano sideral. O eixe de rotación da Terra atópase inclinado 23,4° con respecto á perpendicular do seu plano orbital, o que produce as variacións estacionais na superficie do planeta cun período dun ano tropical (365,24 días solares). A Terra posúe un único satélite natural, a Lúa, que comezou a orbitar a Terra hai 4 530 millóns de anos; esta produce as mareas, estabiliza a inclinación do eixe terrestre e reduce gradualmente a velocidade de rotación do planeta. Hai aproximadamente entre , durante o chamado bombardeo intenso tardío, numerosos asteroides impactaron na Terra, causando significativos cambios na maior parte da súa superficie.
Tanto os recursos minerais do planeta como os produtos da biosfera proporcionan materias primas que se utilizan para soster á poboación humana mundial. Os seus habitantes están agrupados nuns 200 estados soberanos independentes, que interactúan a través da diplomacia, as viaxes, o comercio, e a acción militar. As culturas humanas desenvolveron moitas ideas sobre o planeta, incluída a personificación dunha deidade, a crenza nunha Terra plana ou na Terra como centro do universo, e unha perspectiva moderna do mundo como unha contorna integrada que require administración.
A súa distancia media ó Sol é considerada a unidade astronómica (UA), igual a 149 597 870,69 km. Adoita redondearse a 1,5x1011 m.
Cronoloxía
Formación Os científicos puideron reconstruír información detallada sobre o pasado da Terra. Segundo estes estudos o material máis antigo do sistema solar formouse hai miles de millóns de anos, e hai arredor duns 4 550 millóns de anos (cunha incerteza do 1%) formáronse xa a Terra e os outros planetas do Sistema Solar a partir da nebulosa solar; unha masa en forma de disco composta do po e gas remanente da formación do Sol. Este proceso de formación da Terra a través da acreción tivo lugar maioritariamente nun prazo de . A capa exterior do planeta, inicialmente fundida, arrefriouse ata formar unha codia sólida cando a auga comezou a acumularse na atmosfera. A Lúa formouse pouco despois, hai uns 4 530 millóns de anos.
miniatura|esquerda|Representación gráfica da teoría do grande impacto.
A Lúa púidose formar ao mesmo tempo que a Terra e seguindo un proceso paralelo. O actual modelo consensuado sobre a formación da Lúa —elaborado por William K. Hartmann e Donald R. Davis— é a teoría do grande impacto, que postula que a Lúa creouse cando un obxecto do tamaño de Marte chamado Tea, con cerca do 10% da masa da Terra, impactou de forma tanxencial contra esta. Neste modelo, parte da masa deste corpo podería terse fusionado coa Terra, mentres outra parte sería expulsada ao espazo, proporcionando suficiente material en órbita como para desencadear novamente un proceso de aglutinamento por forzas gravitacionais, e formando así a Lúa.
Historia xeolóxica A desgasificación da codia e a actividade volcánica produciron a atmosfera primordial da Terra. A condensación de vapor de auga, xunto co xeo e a auga líquida achegada polos asteroides e por protoplanetas, cometas e obxectos transneptunianos produciron os océanos. O recentemente formado Sol só tiña o 70% da súa luminosidade actual; con todo, existen evidencias que mostran que os primitivos océanos mantivéronse en estado líquido; unha contradición denominada o «paradoxo do novo Sol débil» xa que aparentemente a auga non debería ser capaz de permanecer nese estado líquido senón no sólido debido á pouca enerxía solar recibida. Con todo, unha combinación de gases de efecto invernadoiro e maiores niveis de actividade solar contribuíron a elevar a temperatura da superficie terrestre, impedindo así que os océanos se conxelasen. Hai 3 500 millóns de anos formouse o campo magnético da Terra, o que axudou a evitar que a atmosfera fose arrastrada polo vento solar.
Propuxéronse dous grandes modelos para o crecemento dos continentes: o modelo de crecemento constante, e o modelo de crecemento rápido nunha fase temperán da historia da Terra. As investigacións actuais suxiren que a segunda opción é máis probable, cun rápido crecemento inicial da codia continental, seguido dun longo período de estabilidade. En escalas de tempo de centos de millóns de anos de duración, a superficie terrestre estivo en constante remodelación, formando e fragmentando continentes pola tectónica de placas, proceso promovido pola constante perda de calor do interior do planeta que xera movementos convectivos. Estes continentes desprazáronse pola superficie, combinándose en ocasións para formar un supercontinente. Hai aproximadamente 750 millóns de anos (Ma), un dos primeiros supercontinentes coñecidos, Rodinia, comezou a crebarse. Os continentes máis tarde recombináronse novamente para formar Pannotia, entre , e finalmente Panxea, que se fragmentou hai 180 Ma ata chegar á configuración continental actual.
Orixe e evolución da vida
A día de hoxe, a Terra proporciona o único exemplo coñecido dunha contorna que deu lugar á evolución da vida. Crese que procesos químicos altamente enerxéticos produciron unha molécula autorreplicante hai aproximadamente 4 000 millóns de anos, e entre 3 500 e 3 800 millóns de anos existiu o último antepasado común universal. O desenvolvemento da fotosíntese permitiu que os seres vivos recollesen de forma directa a enerxía do Sol; o osíxeno resultante acumulado na atmosfera formou unha capa de ozono (unha forma de osíxeno molecular [O3]) na atmosfera superior. A incorporación de células máis pequenas dentro das máis grandes deu como resultado o desenvolvemento das células complexas chamadas eucariotas.<refname="Margulis2009" /> Os verdadeiros organismos multicelulares formáronse cando células dentro de colonias se fixeron cada vez máis especializadas. A vida colonizou a superficie da Terra en parte grazas á absorción da radiación ultravioleta por parte da capa de ozono.
Na década de 1960 xurdiu unha hipótese que afirma que durante o período Neoproterozoico, dende 750 ata os 580 Ma (millóns de anos), produciuse unha intensa glaciación na que gran parte do planeta foi cuberto por unha capa de xeo. Esta hipótese foi denominada "Terra bóla de neve", e é de particular interese xa que este suceso precedeu á chamada explosión do Cámbrico, na que as formas de vida multicelulares comezaron a proliferar.
Trala explosión de vida do Cámbrico, hai uns 535 Ma, producíronse cinco grandes extincións en masa. Delas, o evento máis recente ocorreu hai 65 Ma, cando o impacto dun asteroide provocou a extinción dos dinosauros non aviarios, así como doutros grandes réptiles, excepto algúns pequenos animais como os mamíferos, que por aquel entón eran similares ás actuais musarañas. Durante os últimos 65 millóns de anos os mamíferos diversificáronse, ata que hai varios millóns de anos, un animal africano con aspecto de simio, coñecido como o Orrorin tugenensis, adquiriu a capacidade de manterse en pé. Isto permitiulle utilizar ferramentas e favoreceu a súa capacidade de comunicación, proporcionando a nutrición e a estimulación necesarias para desenvolver un cerebro máis grande, e permitindo así a evolución da especie humana. O desenvolvemento da agricultura e da civilización permitiu aos humanos alterar a Terra nun curto espazo de tempo como non o fixo ningunha outra especie, afectando tanto á natureza como á diversidade e cantidade de formas de vida.
O presente patrón de idades de xeo comezou hai arredor de 40 Ma e logo intensificouse durante o Plistoceno, hai arredor de 3 Ma. Dende entón as rexións en latitudes altas foron obxecto de repetidos ciclos de glaciación e desxeo, en ciclos de 40-100 mil anos. A última glaciación continental terminou hai 10 000 anos.
Futuro
miniatura|upright=2|center|Ciclo da vida solar.
O futuro do planeta está estreitamente ligado ao do Sol. Como resultado da acumulación constante de helio no núcleo do Sol, a luminosidade total da estrela irá aos poucos en aumento. A luminosidade do Sol crecerá nun 10% nos próximos 1,1 Ga e nun 40% nos próximos 3,5 Ga. Os modelos climáticos indican que o aumento da radiación podería ter consecuencias nefastas na Terra, incluíndo a perda dos océanos do planeta.
Espérase que a Terra sexa habitable por ao redor doutros 500 millóns de anos a partir deste momento, aínda que este período podería estenderse ata 2.300 millóns de anos se se elimina o nitróxeno da atmosfera. O aumento de temperatura na superficie terrestre acelerará o ciclo do CO2 inorgánico, o que reducirá a súa concentración ata niveis letalmente baixos para as plantas (10 ppm para a fotosíntese C4) dentro de aproximadamente 500 a 900 millóns de anos. A falta de vexetación resultará na perda de osíxeno na atmosfera, o que provocará a extinción da vida animal ao longo de varios millóns de anos máis. Despois doutros mil millóns de anos, todas as augas superficiais desaparecerían e a temperatura media global alcanzará os 70 °C. Mesmo se o Sol fose eterno e estable, o continuo arrefriado interior da Terra traduciríase nunha gran perda de CO2 debido á redución da actividade volcánica, e o 35 % da auga dos océanos podería descender ata o manto debido á diminución do vapor de ventilación nas dorsais oceánicas.