Broadcast foi unha banda inglesa de electrónica indie fundada en Birmingham no ano 1995 por Trish Keenan (voces, teclados e guitarra) e James Cargill (baixo). O grupo publicou tres álbums, ademais de varios EPs e sinxelos, sendo editado o seu primeiro álbum de estudio, The Noise Made by People, no ano 2000. O seu estilo musical mesturaba elementos do rock psicodélico estadounidense dos anos 60 con música electrónica, incorportando samples de varias fontes, gañando o status de banda de culto. Trala morte de Trish Keenan a banda non volveu a actuar, aínda que levaba xa daquela un tempo nunha paréntese na súa actividade.

Outros membros do grupo foron Roj Stevens (teclados), Tim Felton (guitarra) e os baterías Steve Perkins, Keith York, Phil Jenkins, Jeremy Barnes e Neil Bullock. No ano 2005 Broadcast era un dúo formado por Keenan e Cargill e tras a inesperada morte en 2011 da primeira, James Cargill tiña quedado como único membro de Broadcast.

Keenan finou o 14 de xaneiro de 2011, cando contaba 42 anos, debido a complicacións derivadas dunha pneumonía debida ao virus H1N1. Cargill, o único membro que quedou, dixo nunha entrevista de 2011 na revista Under the Radar que estaba a desenvolver un novo álbum de estudio de Broadcast, aproveitando gravacións feitas por Keenan pouco antes da súa morte. Máis tarde afirmou: «Trish deixou moitas gravacións, catro-pistas e cousas así, e estiven traballando con iso. É complicado, e ao mesmo tempo estou implicado niso. É marabilloso, pero tamén teño unha sensación de perda. O próximo que vou sacar con Trish vai ser máis unha sorte de monumento e tributo a ela que esa obsesión que eu adoitaba sufrir de facer álbums.» A día de hoxe, o álbum non ten sido realizado.

Broadcast figurou nos créditos da banda sonora do filme de 2012 Berberian Sound Studio, que foi publicado o 7 de xaneiro de 2013.

Warp Records reeditou toda a discografía da banda en marzo de 2015.

Discografía Álbum Ano Selo Notas The Noise Made by People 2000 Warp Records Haha Sound 2003 Warp Records Tender Buttons 2005 Warp Records Broadcast and the Focus Group Investigate Witch Cults of the Radio Age 2009 Warp Records Colaboración con The Focus Group Berberian Sound Studio 2013 Warp Records Banda sonora do filme Berberian Sound Studio

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial

Notas

Categoría:Grupos musicais de Birmingham Categoría:Grupos musicais de indie rock Categoría:Grupos musicais de dream pop Categoría:Grupos musicais de neopsicodelia Categoría:Grupos musicais de avant-pop Categoría:Grupos musicais formados en 1995