Pau Gasol Sáez, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1980, é un ex xogador catalán de baloncesto que xogou durante 18 tempadas na NBA, da que foi dúas veces campión, nos anos 2009 e 2010. Ademais gañou a Liga ACB en tres ocasións co FC Barcelona. Con 2,13 metros de estatura xogaba na posición de ala-pivote. É amplamente considerado como o mellor xogador español de todos os tempos, entre os mellores europeos que xogaron na NBA, e un dos xogadores FIBA máis determinantes da historia. Dende 2021 xoga no FC Barcelona da Liga ACB.

Foi o segundo español en xogar na NBA despois de Fernando Martín, e foi o primeiro en ser elixido para xogar un All-Star Game (Houston 2006), en disputar uns play-offs (cos Memphis Grizzlies na tempada 2003-04), e en conosegur o campionato da NBA (en 2009 e 2010 cos Lakers dos Ánxeles). Ademais foi primeiro xogador non estadounidense en ser nomeado Rookie do Ano (2002).

Gasol foi escollido polos Atlanta Hawks na terceira posición do Draft da NBA de 2001, e os seus dereitos vendidos á recentemente trasladada franquía dos Memphis Grizzlies, antigamente en Vancouver, onde xogou ses tempadas e media. No momento do seu traspaso posuía os maiores rexistros da franquía de Memphis en partidos xogados, minutos xogados, tiros de campo feitos e anotados, tiros libres feitos e anotados, rebotes totais, defensivos e ofensivos, tapóns, roubos e puntos. O 3 de febreiro de 2008 foi traspasado aos Los Angeles Lakers por Kwame Brown (número 1 do draft de 2001), Javaris Crittenton e Aaron McKie, dúas primeiras roldas dos drafts de 2008 e 2010 e os dereitos que os Lakers tiñan sobre o seu irmán Marc Gasol. Nos Lakers xogou ata 2014, pasando logo por Chicago Bulls, San Antonio Spurs e Milwaukee Bucks.

O 13 de maio de 2009 foi elixido por primeira vez na súa carreira nun quinteto ideal da NBA, concretamente no terceiro quinteto. En 2010 foi elixido por segunda vez para o terceiro quinteto, e en 2011 e 2015 foi escollido no segundo quinteto. É un dos catro únicos xogadores da historia da NBA con canto menos 20 000 puntos, 11 000 rebotes, 3 500 asistencias e 1 900 tapóns acumulados durante a tempada regular, xunto a Kareem Abdul-Jabbar, Tim Duncan e Kevin Garnett.

En febreiro de 2021, logo de 18 tempadas na NBA, e despois de case un ano e medio sen xogar, decidiu regresar ao FC Barcelona, o equipo no que debutara como profesional 22 anos atrás, para preparase de cara aos Xogos Olímpicos de Toquio, no que sería o seu último torneo como profesional. O 4 de agosto, foi elixido para formar parte da Comisión de Atletas do Comité Olímpico Internacional.

O 5 de outubro de 2021 anunciou a súa retirada como xogador profesional e, o 19 do mesmo mes, o Consello de Ministros de España, aprobou a adxudicación da Gran Cruz da Real Orde do Mérito Deportivo, sendo o maior honor ao que pode aspirar un deportista en España, e que lle foi entregada en xuño de 2022. O 30 de novembro de 2021, o Goberno de Cataluña o distinguiu coa Creu de Sant Jordi, unha das máximas distincións catalás, que se lle fixo entrega tamén en xuño do ano seguinte. En marzo de 2022, a revista Gigantes del basket, outorgoulle o ‘Gigante Leyenda’, durante a gala número 34 dos Premios Gigantes del Basket.

En xullo de 2022 se uniu á xunta directiva da Overtime Elite, un novo proxecto de desenvolvemento de xogadores en Atlanta (Xeorgia).

O 7 de marzo de 2023 Los Angeles Lakers retiraron o seu dorsal #16.

Traxectoria Primeiros anos e inicios no baloncesto Pau Gasol naceu no Hospital de la Santa Creu i Sant Pau, en Barcelona, no seo dunha familia catalá relacionada coa medicina. Aos poucos anos trasladouse a Sant Boi de Llobregat. Fillo de Marisa Sáez, médica internista e Agustí Gasol, enfermeiro. Comezou a xogar ao baloncesto nas categorías escolares da súa escola, chamada Col·legi Llor, de aí fichou polo CB Cornellà que nesa época facía funcións de canteira do FC Barcelona, onde xa lle comezou a resultar máis difícil compaxinar estudos e deporte de elite. En Cornellá, e con 1,85 m de altura, exercía ás veces de base, o que explica o control do balón que posuía.

Na tempada 1997-1998, con 16 anos, Gasol ingresou no FC Barcelona, equipo co que se proclamou Campión de España Júnior. Dende aquela, Pau comezou a ser partícipe das convocatorias coa selección española en categorías inferiores.

En 1998 a selección fíxose co Campionato de Europa Xuvenil e o trofeo Albert Schweitzer. En ambos campionatos Pau chamou a atención de varias universidades estadounidenses, que lle ofreceron bolsas de estudos para que estudara e xogara ao baloncesto nos Estados Unidos. Daquela Pau non contaba con demasiados minutos, mais a súa estatura, envergadura e coordinación foi o que chamou a atención dos olladores. Con todo, a pesar de que a proposta seducía ao español, Pau desestimou a idea para tentar triunfar en España. Unha persoa importante na toma desa decisión foi Joan Montes, quen lle asegurou a súa axuda para medrar a todos os niveis no club. Gasol debutou na Liga ACB o 17 de xaneiro de 1999 fronte o Cáceres C.B. que xogaba como local e que venceu o FC Barcelona por 92-78 nun encontro disputado no Pavillón V Centenario de Cáceres. Xogou 3 partidos máis co primeiro equipo, e o resto pasouno co equipo da Liga EBA.

Na Liga ACB Na tempada 1999-00 subiu definitivamente ao equipo da Liga ACB, mais sen gozar de excesivo protagonismo, todo o contrario que na tempada 2000-01, na que Gasol tivo que substituír o lesionado Rony Seikaly, fichaxe estrela do Barça. A súa irrupción total ten dous puntos claves: os play-offs da Liga ACB e a Copa do Rei de Málaga en marzo de 2001. En ambas competicións logrou o título (era a súa segunda tempada na ACB) e o MVP. Con todo, o equipo non puido loitar pola Euroliga logo de caer ante a Benetton Treviso nun encontro no que Gasol non puido xogar por unha apendicite.

Promediou 11,3 puntos e 5,2 rebotes en 23,8 minutos de liga regular. Co interese de varias franquías da NBA, Gasol declarouse elixible para o Draft da NBA de 2001 logo de alzarse co dobrete e, posteriormente, lograr a medalla de bronce no verán durante o Eurobasket de Turquía.

NBA Memphis Grizzlies (2001-2008) Tempada 2001-02 miniatura|Gasol, coa camisola dos Grizzlies en 2007. Os prognósticos do draft situábano entre as eleccións 10 e 15, polo que a opción que máis forza cobraba era a de quedar un ano máis en Barcelona, xa que o non saír entre os 10 primeiros supuña un impedimento económico ao non poder rescindir o seu contrato. No entanto, Pau foi elixido polos Atlanta Hawks no posto 3 do draft de 2001, sendo o xogador non formado nos Estados Unidos que máis alto chegara no draft até esa data, superado tempo despois por Yao Ming, Darko Miličić e Andrea Bargnani). Pouco despois da súa elección, Gasol foi traspasado xunto con Lorenzen Wright e Brevin Knight aos Memphis Grizzlies a cambio dos dereitos do daquela xogador franquía Shareef Abdur-Rahim e a elección 27 no draft de 2001, Jamaal Tinsley. A súa presentación oficial tivo lugar o 1 de outubro de 2001 co número 16 ás costas.

Na súa primeira tempada debutou ante os Detroit Pistons o 1 de novembro, conseguindo os seus primeiros dous puntos logo dunha asistencia de Jason Williams e un mate posterior. Acabou anotando 4 puntos. Unha lesión de Stromile Swift no cuarto partido permitiu que Pau fora titular ante os Phoenix Suns, índose ata os 27 puntos; desne entón non perdeu a titularidade no equipo.

Esa tempada tivo unha media de 17,6 puntos, 8,9 rebotes, 2,7 asistencias e 2,06 tapóns por encontro en 82 partidos, sendo o único xogador do equipo en disputar todos os partidos de liga. Números que lle valeron para conseguir o premio de Rookie do Ano por unanimidade logo de alzarse co premio de mellor novato nos meses de novembro, xaneiro e marzo. Do mesmo xeito, tamén foi incluído no Mellor Quinteto de Rookies. Liderou os novatos en puntos, rebotes, tapóns e porcentaxes de tiro. Foi o máximo anotador do seu equipo en 37 ocasións, e o máximo reboteador en 43, anotando en dobres díxitos en 72 dos 82 partidos, incluíndo 30 partidos con máis de 20 puntos e 3 con máis de 30. Participou no All Star xogando o Rookie Challenge, no que achegou 10 puntos e 7 rebotes na vitoria dos novatos.

A súa mellor actuación chegou o 5 de abril de 2002 con 32 puntos (tope en puntos nesa tempada) e 14 rebotes ante os Houston Rockets, contra quen estivo a piques de conseguir a súa primeira tripla-dobre nese mesmo mes con 18 puntos, 11 rebotes e 8 asistencias. O seu máximo reboteador estivo en 17 fronte os Orlando Magic. Para a historia tamén quedou un espectacular mate ante o seu xogador favorito, Kevin Garnett,youtube.com Video del mate de Gasol sobre Garnett (consultado agosto de 2008) quen unha xogada antes o retara aplaudíndolle na cara logo de superalo. Todo o Pyramid Arena púxose en pé a aplaudir ao español a pesar de que o partido estaba sentenciado para os Grizzlies.

O equipo logrou un balance de 23-59 nunha tempada de transición.basketball-reference.com 2001-02 NBA Season Summary, consultado xuño de 2008 A desgraza tamén se cebou cos Grizzlies, que viron caer a dous xogadores nos que había grandes esperanzas depositadas: Bryant Reeves e Michael Dickerson. Vítimas de lesións eternas, anunciaron a súa retirada do baloncesto profesional.

Tempada 2002-03 Na tempada 2002-03 mellorou lixeiramente as súas prestacións individuais con 1c puntos, 8,8 rebotes e 2,8 asistencias, xogando case un minuto menos de media, debido á política de rotacións que seguiu o novo adestrador, Hubie Brown, logo do despido de Sidney Lowe co equipo 0-8.

Un ano máis, foi o único Grizzlie en non perderse ningún partido. Rematou 9º en porcentaxe de tiro na liga (51%), 10º en dobre-dobres (32), 12º en rebotes (8,8), 14º en tapóns (1,8) e 30º en anotación (19 de media). Promediou 22,8 puntos, 10,8 rebotes e 2,5 tapóns no mes de xaneiro, igualando o seu récord en puntos en ata 3 ocasións, fronte os New York Knicks, Philadelphia 76ers e Toronto Raptors. En rebotes igualouno en 4 ocasións, e en tapóns só unha, igualando os seus 7. Participou de novo no encontro entre novatos e sophomores do All Star de 2003, mellorando nesta ocasión con 17 puntos e 11 rebotes. Posiblemente o seu mellor partido aquel ano foi ante os Boston Celtics o 3 de marzo de 2003, no que anotou 23 puntos e 17 rebotes.

O equipo volveu a naufragar con 28 vitorias e 54 derrotas, mais o rumbo da franquía cambiaría radicalmente a partir do seguinte ano.

Tempada 2003-04 Na tempada 2003-04 o equipo clasificouse por primeira vez na súa historia para os play-offs, grazas a un rexistro de 50-32 na liga regular. Coa política de Brown como principal atenuante, Pau diminuíu os seus minutos considerablemente (de 36 pasou a xogar 31,5) e polo tanto, as súas medias, 17,7 puntos, 7,7 rebotes e 2,5 asistencias. A pesar diso, liderou o equipo en anotación, rebotes e tapóns. Perdeuse o seu primeiro encontro na NBA o 5 de abril de 2004 por unha lesión no pé, poñendo fin á racha de 240 partidos consecutivos en pista, 6ª mellor racha da liga. Superou o seu récord en anotación, rebotes e tapóns. En puntos ante os Cleveland Cavaliers con 37, o 29 de novembro de 2003, en rebotes con 18 ante Los Angeles Clippers, e igualou un récord da franquía con 8 tapóns, conseguidos ante os Phoenix Suns, ademais de anotar aquela noite 17 puntos, capturar 10 rebotes e repartir 5 asistencias. Logrou acadar os 3 000 puntos o 31 de outubro de 2003 ante os Boston Celtics, e os 1 500 rebotes o 12 de novembro de 2003 fronte os Orlando Magic.

Nos play-offs caeron por 4-0 ante os San Antonio Spurs na primeira rolda, cuns números de Pau insuficientes, 18,5 puntos, 5 rebotes e 2,5 asistencias.

Tempada 2004-05