Os tenebriónidos (Tenebrionidae) son unha gran familia de escaravellos, cosmopolita, que comprende un número estimado de especies de 20 000. Os humanos espallaron certas especies por todo o mundo facendo que hoxe teñan unha distribución cosmopolita. Exemplos coñecidos son Tenebrio molitor ou Tribolium castaneum.
Taxonomía
O nome Tenebrionidae procede do nome do xénero Tenebrio, que á súa vez significa "buscador de lugares escuros" ou figurativamente 'timador'.
Moitas especies de Tenebrionidae habitan en lugares escuros. As excepcións inclúen xéneros como Stenocara e Onymacris, que son activos polo día e inactivos de noite.
A familia comprende unha variada gama de formas, polo que a clasificación presenta grandes dificultades. A seguinte lista de subfamilias foi amplamente aceptada en 2005.Bouchard, Patrice. Lawrence, John F. Davies, Anthony E. Newton, Alfred F. Synoptic Classification of the World Tenebrionidae (Insecta: Coleoptera) with a Review of Family-Group Names. ANNALES ZOOLOGICI (Warszawa), 2005, 55(4): 499-530
Alleculinae Laporte, 1840 Cossyphodinae Wasmann, 1899 Diaperinae Latreille, 1802 Lagriinae Latreille, 1825 (1820) Nilioninae Lacordaire, 1859 Phrenapatinae Solier, 1834 Pimeliinae Latreille, 1802 Stenochiinae Kirby, 1837 Tenebrioninae Latreille, 1802 Zolodininae Watt, 1974
miniatura|esquerda|Cabeza de tenebriónido
Características
Os Tenebrionidae poden identificarse por unha combinación de características, como son : Antenas de 11 segmentos que poden ser filiformes, moniliformes ou debilmente con forma de maza. O primeiro esternito abdominal é enteiro e non está dividido polas coxas posteriores. Ollos divididos por unha crista frontal. Os tarsos teñen catro segmentos no par posterior de patas e cinco nos pares anterior e medio (fórmula 5-5-4), e as garras tarsais son simples.
Bioloxía e ecoloxía
Os escaravellos tenebriónidos ocupan nichos ecolóxicos principalmente en desertos e bosques como comedores de restos de plantas. A maioría das especies son omnívoros xeneralistas, e aliméntanse de follas en descomposición, madeira podre, materia vexetal fresca, insectos mortos e fungos, sexa como larvas ou adultos. Varios xéneros, como Bolitotherus, son funxívoros especializados, que se alimentan de fungos políporos. Moitas das especies máis grandes non poden voar e as que poden facelo, como Tenebrio molitor, só o fan cando é verdadeiramente necesario, como cando se dispersan ou están malntutridos. miniatura|Larva do tenebriónido Eleodes sp. As larvas son xeralmente escavadoras, están fortemente acoirazadas e son nocturnas. Posiblemente son unha fonte importante de recursos para certos invertebrados e pequenos mamíferos. Porén, os adultos de moitas especies teñen defensas químicas e están relativamente protexidos contra os predadores. Os adultos da maioría das especies, excepto as que son pragas de cereais, teñen metabolismos lentos, e teñen vidas longas comparados con outros insectos, que van desde aproximadamente os seis meses a dous anos.
Algunhas especies viven en desertos moi secos como o de Namibia, e neles evolucionaron adaptacións para recoller pingas de auga da néboa que se depositan nos seus élitros. A medida que se acumula a auga, esta drénase fluíndo polo dorso do animal ata a súa boca, onde a tragan.
Especies notables
Os estadios larvais de varias especies críanse para a alimentación de animais insectívoros que están en catividade nos laboratorios: As larvas de Tenebrio molitor utilízase comunmente para alimentar animais amniotas terrestres de terrarios. Tribolium castaneum é un animal de laboratorio útil como organismo modelo, especialmente en estudos de conflito intraxenómico e ecoloxía de poboacións. Zophobas morio é valorado como comida para réptiles en catividade; contén menos quitina que Tenebrio molitor. As larvas de Alphitobius diaperinus son menores que as de Tenebrio molitor e, xa que logo, máis axeitadas para alimentar réptiles máis pequenos. Moitos tenebriónidos son pragas dos cereais e a fariña almacenados en silos ou outros lugares, incluíndo T. castaneum, outras especies de Tribolium como T. confusum e T. destructor, e tamén Gnathocerus cornutus. Varios xéneros, como Stenocara e Onymacris, son interesantes para facer estudos ecolóxicos de condicións áridas e as súas adaptacións asociadas. Ulomoides dermestoides, cómese na Arxentina, onde se cre que é un bo tratamento para o cancro, asma e outras enfermidades.
Galería
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Tenebrionidae.net- información e imaxes de tenebriónidos Alphitobius diaperinus. Universidade de Florida IFAS Leichenum canaliculatum variegatum, de Madagascar Universidade de Florida IFAS
Categoría:Tenebriónidos