Redondela é un filme de 1987, dirixido por Pedro Costa Musté. Reconstrúe o Caso Reace centrándose na actuación do avogado defensor e antigo líder da CEDA, José María Gil Robles. Os nomes dos protagonistas foron lixeiramente cambiados.

O caso Reace A desaparición de catro mil toneladas de aceite de oliva dos depósitos de Reace en Guixar (Vigo) provocou un dos maiores escándalos de corrupción económica e criminal do franquismo. Durante as investigacións varios implicados e testemuñas faleceron en circunstancias non aclaradas. O xuízo comezou en outubro de 1974 cunha grande expectación, en parte debido á presunta implicación de Nicolás Franco Bahamonde, irmán do dictador. O tribunal estaba presidido por Mariano Rajoy Sobredo e entre os avogados estaban os famosos José María Gil Robles, José María Stampa Braun e Gonzalo Rodríguez Mourullo.

Argumento O avogado Gil Ramos tenta aclarar ante os tribunais o roubo de catro mil toneladas de aceite dos depósitos de Acegasa, pero as persoas que poderían declarar como testemuñas morren en estrañas circunstancias.

Elenco

Patrick Newell como Gil Ramos. Carles Velat como Padín. Fernando Guillén como José Luís Peña. Elena María Tejeiro como muller de Peña. Aitana Sánchez-Gijón como Luisa Peña. Carlos Larrañaga como Arturo Méndez. Damián Velasco como Ramiro Casares. Blanca Sendino como Matilde González Prat. Agustín González Fernando González Prat. Manuel de Blas como Valladares.. Francisco Merino como Noceda. Paca Gabaldón como Yuyi.

Produción O filme rodouse en Vigo e Alcalá de Henares. Durante a rodaxe, o actor protagonista, o inglés Patrick Newell desapareceu sen deixar rastro e reapareceu unha semana máis tarde na Alemaña Occidental. Segundo o seu axente, foi a ese país por ser o primeiro voo que atopou no aeroporto, e o motivo da marcha foi unha gran presión psicolóxica polas longas xornadas de traballo e por non entender ningunha palabra de español.

O entón alcalde de Redondela, Xaime Rei, protestou polo título do filme, alegando que o seu concello non tiña nada que ver co caso.

Notas

Categoría:Filmes de 1987 Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes de España Categoría:Filmes de Galicia Categoría:Filmes rodados en Galicia Categoría:Filmes rodados en Vigo Categoría:Filmes ambientados en Galicia