Luís Antonio Cortiñas Díaz, nado en Betanzos o 3 de novembro de 1900 e finado en Concepción del Uruguay (Arxentina) o 24 de xullo de 1987, foi un avogado e político galego. Traxectoria Fillo do farmacéutico Ricardo Cortiñas Vidal e de Juana Díaz Rodríguez, e irmán de Francisco Cortiñas Díaz, foi o menor dos trece fillos do matrimonio. Estudou o bacharelato na Coruña e Dereito na Universidade de Madrid. Sendo estudante en Madrid formou parte da primeira directiva da Mocedade Céltiga (1921). Colaborou en Rexurdimento, co pseudónimo Lucordia, e A Nosa Terra e foi presidente da Irmandade da Fala de Betanzos. Asistiu á VI Asemblea Nacionalista celebrada na Coruña en 1930. Instalouse como avogado na Coruña en 1931, militou na ORGA, impartiu conferencias sobre Dereito e colaborou en La Voz de Galicia. Despois militou en Izquierda Republicana.
O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 colleuno en Carballo, onde pasaba consulta de avogado. En setembro botou unha tempada en Viveiro. En novembro foi detido en Carballo pola denuncia dun sarxento de Requetés. Procesado en outubro, impuxéronlle unha multa e embargáronlle a súa parte da casa familiar. Ingresou durante seis meses no manicomio de Conxo para eludir a cadea e a posibilidade de ser paseado. Acusado de rebelión foi xulgado na Coruña en consello de guerra o 13 de novembro de 1937.La Voz de Galicia, 14-11-1937, p. 4. Condenado a cadea perpetua, cumpriu a pena na cadea de Pamplona, onde ingresou o 15 de marzo de 1938. Foille concedida a liberdade condicional o 25 de xaneiro de 1941.Ficha en Los presos del penal de Ezcaba
Ao saír do cárcere exiliouse na Arxentina, onde tiña familia, arribando a Buenos Aires no barco Buena Esperanza o 1 de outubro de 1941. Instalouse en Concepción del Uruguay, onde traballou como avogado e fundou a Agrupación de Republicanos Españois en 1941. Na Arxentina colaborou con organizacións antifranquistas e co Centro Betanzos de Buenos Aires. Participou no primeiro Congreso da Emigración Galega. Colaborou na revista Betanzos e en Lar. Publicou en 1958 o libro Traizón consagrada. A gran derrota do pobo hispano, onde relata os acontecementos da súa detención, condena e prisión. Foi membro da loxa Jorge Washington de Concepción del Uruguay.Luis Antonio Cortiñas. Merecido Homenaje
Obras Traición consagrada (La gran derrota del pueblo hispano), 1958. Reedición en galego da Asociación Cultural Eira Vella, 2010.
Vida persoal
Casou con Manuela Lema e foi pai de Luis Manuel Cortiñas Lema.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Limiar de Xesús Torres Regueiro de Traizón consagrada. A gran derrota do pobo hispano, Asociación Cultural Eira Vella, 2010.
Ligazóns externas Eira Vella edita un libro do exiliado betanceiro Luis Cortiñas Fotografía no Arquivo Municipal de Betanzos
Categoría:Avogados de Betanzos Categoría:Irmandades da Fala
Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Masóns de Galicia Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en 1900 Categoría:Finados en 1987 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes