Thomas Isidore Noël Sankara, nado en Iako, Burkina Faso, o 21 de decembro de 1949 e finado en Uagadugú o 15 de outubro de 1987, foi un militar e político revolucionario burkinense, que foi presidente de Burkina Faso (anteriormente Alto Volta) entre 1983 e 1987. O seu carisma converteu a súa figura nun símbolo do panafricanismo e a revolución e é chamado a miúdo "o Che Guevara africano".
En 1983, un grupo de revolucionarios tomou o poder nun golpe con apoio popular, en nome de Sankara (que estaba baixo arresto domiciliario). Aos 33 anos, Sankara converteuse no presidente da República de Alto Volta. De inmediato executou programas para o cambio social, económico e ecolóxico e mudou o nome colonial do país a Burkina Faso ("país dos homes íntegros" en mossi e diula). Logrou a autosuficiencia alimenticia repartindo as terras dos líderes tribais feudais entre os campesiños, deulle prioridade á educación e á sanidade, coa construción de numerosas escolas e centros médicos e con grandes campañas de alfabetización e vacinacións contra a meninxite, a febre amarela e o sarampelo. Foi un dos primeiros líderes africanos en poñer énfase no problema da desertificación e fixo que se plantaran millóns de árbores para parar o avance do Sahel. Denunciou a precaria situación das mulleres burkinenses, instituíu un Ministerio da Muller, promoveu a contracepción, prohibiu a ablación, a poligamia e os matrimonios forzosos, animou ás mulleres a traballar fóra da casa e a ir á escola e colocou mulleres en altos cargos do goberno.
A súa política exterior centrouse no antiimperialismo e o internacionalismo e na denuncia do neocolonialismo, rompendo a relación de dependencia con Francia, a súa antiga metrópole, e evitando toda axuda estranxeira. Impulsou unha redución da débeda ilexítima e evitou o poder e influencia do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial. Estableceu relacións cos países do campo socialista e apoiou os movementos de liberación nacional de todo o mundo.
O seu goberno gozou de gran popularidade entre as clases baixas e o mundo rural pero provocou o descontento das clases altas, certos sectores do exército e gobernos conservadores veciños, así como do goberno francés. O 15 de outubro de 1987 foi asasinado nun sanguento golpe de Estado, liderado por Blaise Compaoré, en circunstancias aínda non ben aclaradas, presuntamente co apoio dos gobernos francés e marfilés.
Traxectoria
Primeiros anos Thomas Sankara naceu co nome de Thomas Isidore Noël Sankara o 21 de decembro de 1949 en Iako, no Alto Volta francés, sendo o terceiro dos dez fillos de Joseph e Marguerite Sankara. Seu pai, descendente das etnias mossi e fula, foi combatente e prisioneiro na Segunda guerra mundial, onde loitou no exército francés. Como xendarme auxiliar foi destinado a varias zonas do país, como Gaoua, onde Thomas pasou gran parte da súa infancia, e co soldo de funcionario vivían cun nivel de vida máis alto que o da maioría da poboación.miniatura|Mapa coas principais cidades de Burkina FasoNo colexio sacaba boas notas e destacaba en francés e matemáticas. Tamén ía a miúdo á igrexa onde a súa enerxía e gañas de aprender fixo que os sacerdotes o incentivasen para entrar nunha escola relixiosa, ofrecemento que aceptou nun principio, pero que rexeitou tras aprobar o exame de sexto grao da escola secular. Asistiu ao liceo Ouezzin Coulibaly en Bobo-Dioulasso, o centro comercial do país. Nesa escola fixo bos amigos, como Fidèle Too, a quen anos despois nomearía ministro ou Soumane Touré, que ía nun curso máis avanzado. Ao finalizar os estudos secundarios decidiu entrar no exército. Os militares eran populares naquel momento, pois o exército acababa de derrocar ao primeiro presidente do Alto Volta, Maurice Yaméogo, que se volvera autocrático e desprezado por gran parte da poboación. Tamén eran vistos pola mocidade intelectual como unha potencial institución nacional que podería axudar a disciplinar a ineficiente e corrupta burocracia, contrarrestar a excesiva influencia dos xefes tradicionais e en xeral axudar a modernizar o país. Ademais, a aceptación na academia militar viría cunha bolsa de estudos e Sankara non podía pagar facilmente os custos da educación posterior doutro xeito. Realizou o exame de admisión e aprobou.
Carreira militar Entrou na academia militar de Kadiogo, en Uagadugú, en 1966, con 17 anos. O alumnado da academia recibía aulas de profesorado civil en diversas materias. O director académico daquel momento era Adama Touré, que daba aulas de historia e xeografía. Aínda que era coñecido por ter ideas progresistas, non as revelaba moi a miúdo, pois podía ser perigoso nun país tan conservador social e politicamente. Só anos despois se soubo que Touré era membro do Partido Africano da Independencia, un partido marxista centrado no Senegal e con ramas en distintos países, antigas colonias francesas. Touré invitaba a algúns dos seus alumnos máis brillantes (entre eles Sankara) a discusións informais fóra das aulas nas que se debatía sobre imperialismo e neocolonialismo, socialismo e comunismo, as revolucións chinesa e soviética ou os movementos de liberación africanos, entre outros temas. Aínda que Sankara xa tiña inquietudes políticas, esta foi a primeira vez que se expuxo de maneira sistemática a unha perspectiva revolucionaria do Alto Volta e do mundo. Tamén alí cultivou a súa paixón pola música, tocando a guitarra
Tres anos máis tarde, Sankara rematou o seu adestramento militar e foi un dos dous graduados seleccionados para adestrarse como oficiais en Antsirabe, Madagascar, outra antiga colonia francesa. Cando Sankara chegou á illa en outubro de 1969 atopouse cun país moi diferente á pobre e árida nación da que viña. Madagascar estaba chea de vexetación, as principais cidades contaban con numerosos edificios e monumentos históricos e o nivel de desenvolvemento económico era notablemente maior. O adestramento na academia de Antsirabé ía máis aló do puramente militar, xa que tamén recibiu nocións de agricultura e doutras actividades. Ademais, nese período Sankara leu profusamente sobre historia e estratexia militar, e adquiriu os conceptos e ferramentas que despois usaría na súa reinterpretación da historia política burkinense. Alí leu a Marx, e segundo lle contou a un xornalista malgaxe, as obras completas de Lenin, entre as que destacou como favorita O Estado e a revolución. En Madagascar asistiu tamén á revolución que rematou co réxime de Philibert Tsiranana. Isto levouno a concibir a idea dunha "revolución democrática e popular".
Volveu ao seu país en outubro de 1973 co grao de subtenente e asignóuselle o adestramento de novos recrutas en Bobo-Dioulasso. Destacou pola súa concepción do adestramento militar. Consideraba demasiado arcaicos os programas de adestramento do momento, copiados en gran parte do exército francés da era de Napoléon Bonaparte, e introduciu o ensino sobre os dereitos e deberes da cidadanía, facendo fincapé na formación política dos soldados: "sen unha formación política patriótica, un soldado é só un criminal con poder". Foi transferido en marzo de 1974 a Uagadugú e asignado ao corpo de enxeñaría, onde puido poñer a proba as habilidades técnicas adquiridas en Madagascar. Percorría o país supervisando a construción de estradas, edificios e outras estruturas. No proceso deuse conta de que algúns oficiais do exército e funcionarios do goberno desviaban fondos, materiais e comida e que daban lucrativos traballos aos seus familiares. Criticou abertamente aos responsables destes feitos, incluídos un xeneral e o ministro de transporte (a pesar de que este último era fillo dun xefe tradicional de Téma, ao que o pai de Thomas lle debía certa lealdade). Ningún dos acusados foi castigado pero algúns oficiais de alto rango comezaron a preocuparse por ese mozo adventicio.
En decembro de 1974 loitou na breve Guerra da Franxa de Agacher, que enfrontou ao Alto Volta con Malí. Comandaba un pequeno grupo que capturou a varios soldados malianos. Gañou fama tras aparecer nos xornais como "heroe de guerra". Porén, anos máis tarde renegaría da guerra por "inútil e inxusta", un reflexo da súa crecente conciencia política. Na capital converteuse nunha figura popular, onde ademais tocaba nunha banda de jazz, chamada Tout-à-Coup Jazz, que contaba con Blaise Compaoré (ao que Sankara coñecera na guerra) como vocalista.
En 1976 converteuse no comandante do Centro de Adestramento de Comandos en Pô. Alí, Sankara tomou cada vez maior consciencia sobre o nivel de pobreza que sufría o seu pobo, un dos países máis pobres do mundo. Cada vez que viaxaba á cidade buscaba contactar con xente de ideas semellantes ás súas, algúns no exército como Blaise Compaoré e outros civís, membros de pequenos grupos de esquerdas. Estes grupos tendían a identificarse como marxistas, con membros do PAI que simpatizaban xeralmente coa URSS e coa China ou con Albania. Algúns deles pasaban moito tempo debatendo puntos de vista teóricos e non parecían moi conscientes dos problemas da xente común. Aínda que Sankara valoraba e aprendía destes debates e discusións de activistas, evitou unirse a ningún dos grupos e mantívose próximo ao seu pequeno grupo de amigos oficiais subalternos. Animábaos a relacionarse cos activistas, que ás veces visitaban o centro de adestramento de Pô. En 1978, nomeou a Blaise Compaoré subcomandante do seu centro.
Golpe de Estado de Saye Zerbo En 1980 o goberno de Sangoulé Lamizana xa levaba case unha década e media no poder e, aínda que o país gozaba dunha relativa estabilidade, realizábanse esforzos mínimos por solucionar os graves problemas económicos e sociais da poboación. Ademais a corrupción era xeneralizada nos altos postos do goberno, excepto aparentemente na figura do presidente mesmo, que incluso chegou a queixarse publicamente de que a elite gobernante interesábase moi pouco polo ben do país e moito pola "relixión do poder e o diñeiro". O 25 de novembro dese ano, un grupo de oficiais de alto rango liderados polo coronel Saye Zerbo deron un golpe de Estado. Adoptaron o nome de Comité Militar para a Mellora do Progreso Nacional (CMPRN polas súas siglas en francés), depuxeron o goberno, detiveron a Lamizana, disolveron a Asemblea Nacional, suspenderon a Constitución e prohibiron todos os partidos e actividades políticas. Zerbo citou a "erosión da autoridade do Estado" entre as razóns para o golpe e prometeu inculcar disciplina no Estado, loitar contra a corrupción e abrir investigacións polas malas prácticas do goberno anterior. O golpe tivo nun principio apoio popular e incluíu varios ministros progresistas nacionalistas que contaban co apoio dalgúns sindicatos.
Sankara non tomou parte no golpe. Aínda que el e os seus compañeiros simpatizaban coas promesas do novo goberno, desconfiaban do conservadorismo dos coroneis agora no poder, e, aínda que tiñan que acatar as súas ordes, non o apoiaron publicamente. En xaneiro de 1981 foi nomeado capitán e asignóuselle o mando da división operacional do exército. Pouco despois ofrecéronlle un posto nun ministerio pero rexeitouno. Algúns dos seus camaradas civís apoiaron a súa decisión pero outros pedíronlle que aceptase o posto, porque doutro xeito podería haber represalias contra el e os demais. Finalmente, tras varias negociacións, Sankara aceptou ser Ministro de Información con dúas condicións: que Compaoré fora o novo comandante do seu cuartel e que só sería ministro durante dous meses, ata que atopasen un substituto (finalmente alongouse ata sete meses).
Ministro de Información