Emilio Antón Miranda, nado en Ferrol o 16 de xuño de 1921 e finado en Madrid o 16 de abril de 2016, foi un militar, enxeñeiro e empresario galego.

Traxectoria Naceu nunha importante familia ferrolá: seu pai Matías Cristóbal Antón, consignatario de buques, ocupou cargos importantes na sociedade ferrolá e presidiu a Cámara de Comercio local durante case catro décadas, antes e despois da Guerra. Tamén seu avó, Emilio Antón Iboleón fora alcalde de Ferrol en tres ocasións nas primeiras décadas do século XX, e o seu outro avó, Augusto Miranda Godoy fora militar e ministro da Mariña en cinco ocasións entre 1913 e 1919.

Xusto ao remate da Guerra, en 1940, ingresou na Escola Naval Militar de San Fernando (San Fernando) e continou a carreira na Mariña a partir de 1943 na Escola Naval Militar de Marín. Nesa etapa de formación sufriu un accidente onde pereceron dous compañeiros del e el foi o único que se salvou. Vinculado á formación militar, ascendeu a alférez de navío en 1944 e posteriormemnte a tenente de navío. Cursou enxeñaría de armas navais na Armada en Madrid, e ao rematala ascendeu primeiro a comandante, en 1954, e anos máis tarde a tenente coronel, en 1963.

En 1952 entrou ao servizo persoal como asistente do tamén ferrolán Juan Antonio Suanzes, daquela xeneral inspector de enxeñeiros navais, e que acababa de ser destituído como ministro de Industria e Comercio, pero que continuara co posto de director xeral do INI. Do posto de asistente pasou, como enxeñeiro, a traballar na petroquímica daquela coñecida como Empresa Nacional Calvo Sotelo, que acabaría sendo Repsol, e onde dirixiu a instalación da planta de Puertollano. Xubilouse precisamente na planta petroquímica de Puertollano logo de desempeñar distintos postos directivos ao longo de dúas décadas.

Vida persoal Casou en 1947 con Carmen Suanzes (filla de Juan Antonio Suanzes) e tiveron dez fillos. Un dos seus irmáns foi o escritor José Luis Antón.

Notas

Categoría:Militares de Galicia Categoría:Enxeñeiros de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1921 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes