Celia Rivas Casais, nada en Calcova, Fisterra, o 26 de outubro de 1912 e finada en Fisterra o 21 de agosto de 1974, foi unha empresaria galega, recoñecida como a primeira muller camioneira de España e co-fundadora xunto ás súas irmás da empresa Fillos de Joaquín Rivas, dedicada á comercialización de peixe e marisco. Máis aló da súa calidade humana ou a transcendencia das súas accións, Celia Rivas destacou por ser unha emprendedora con gran talento para a administración de recursos. Baixo o liderado de Celia a empresa mantivo clientes en todo o territorio español e empregou a numerosos veciños da súa localidade natal durante 40 anos, chegando a ter máis de 250 traballadores, barcos de pesca, frota de transporte e diversas fábricas. Isto resulta especialmente relevante para unha vila como Fisterra, que dende os anos 30 mantén un censo de aproximadamente cinco mil veciños. Grazas á súa xestión e aos seus negocios con restaurantes de sona en Madrid e Barcelona, contribuíu de maneira notable a que hoxe se coñeza o peixe e o marisco galego como o mellor do mundo.
Traxectoria Filla do mecánico Joaquín Rivas Canosa e Josefa Casais Insua, ámbolos dous galegos emigrados, foi a cuarta de seis irmáns (Ramón, María, Palmira, Celia, Julita e Cándida), nacidos entre Buenos Aires e Galicia. Tanto ela como as súas irmás herdaron de seu pai e o seu avó o alcume de "lavancas", que continuaría coas xeracións seguintes. A súa orixe parece estar no lavanco, paxaro habitual na zona. Tras regresar de Arxentina en 1908, a familia instalouse na aldea costeira de Mallas, pertencente ao concello de Fisterra. Aínda que Celia sabía ler e escribir, descoñécese se tivo algunha vez a oportunidade de ir á escola.
Grazas ás habilidades do seu pai, que converteu en camión de caixa curta un coche accidentado, involucrouse desde moi pequena no transporte de peixe, motor da actividade económica na zona. Celia encargábase xunto ás súas irmás de contratar portes con armadores e comerciantes, ata que se viron obrigadas a substituír o vello camión por un Chevrolet de chasis longo, importado dos Estados Unidos. Joaquín Rivas vira mulleres conducindo durante a súa etapa como emigrante en Estados Unidos, e por mor dunha grave enfermidade pulmonar que lle impedía seguir encargándose das reparacións no seu taller, propúxolle á súa filla María converterse en chofer do negocio. Ante a negativa desta, Celia presentouse voluntaria. Recibiu o seu permiso de condución de primeira en 1932, examinándose na cidade da Coruña. Converteríase así na primeira muller española con carné de camión.
Traxectoria durante a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial A pesar de protagonizar múltiples incidentes con simpatizantes franquistas e socorrer tanto a detidos republicanos durante a Guerra Civil Española como a soldados da fronte aliada estadounidense durante a Segunda Guerra Mundial, Celia Rivas mantívose neutral respecto dos conflitos bélicos que viviu e non se ten constancia de que manifestara ideas políticas antes ou durante a ditadura. A biografía de Celia Rivas Casais escrita pola súa sobriña Lilí Díaz Rivas, baseada nas historias transmitidas polas súas irmás María e Julita Rivas, documenta algunhas destas situacións.
Aínda que Celia Rivas comezou a conducir o camión do negocio con dezanove anos, na España de 1932 as mulleres non alcanzaban a maioría de idade até os vinte e tres nin se lles permitía votar aínda; só podían independizarse con vinte anos se casaban ou ingresaban coma monxas. Como ningunha das irmás Rivas Casais alcanzaba a maioría de idade nin estaban casadas cando morre o seu pai, a súa nai Josefa Casais pasa a ser a administradora legal do negocio, aínda que sen ningún poder de decisión real. Celia e as súas irmás toman as rendas do negocio, e debido ao mal estado das estradas, vense obrigadas en xuño de 1936 a mudar o seu deteriorado Chevrolet por un ómnibus rosa e verde, preparado para o transporte de 50 persoas e carga. Un mes despois comeza en España a Guerra Civil. A familia decide non tomar parte por ningún dos bandos enfrontados, nun intento de continuar co seu negocio e amortizar o investimento do novo vehículo. Ao atoparse en zona de influencia franquista, o bando nacional requisa o seu ómnibus, especialmente valioso para o transporte de soldados. Co obxecto de conservar o vehículo, Celia ofrécese voluntaria para transportar os soldados, motivo polo que se lle asigna a fronte de Mérida. Pero grazas á insistencia da súa irmá María ante as autoridades militares da Coruña, danlles unha credencial que lles permite evitar temporalmente ir ás zonas de guerra, aínda que a requisa continúa. Semanas despois, un falanxista leva o ómnibus á forza, e tras empregalo durante días, estrélao e déixao abandonado. As irmás atópano, repárano e escóndeno na súa casa, usando camións de alugueiro para o negocio. Esta iniciativa traeríalles consecuencias máis tarde.
Axuda a represaliados e interrogatorios franquistas Durante as súas viaxes en camión, Celia e María Rivas socorreron a diversos autoestopistas. Algúns deles, como Xosé Cambón, facilitáronlles información coa que influíron na liberación de veciños encarcerados, e que lles permitiu transmitir mensaxes confidenciais a persoas detidas polo réxime. Pouco despois de que as irmás Rivas agochasen o seu vehículo, militares franquistas descobren a localización do ómnibus tras interceptar unha carta e requísano novamente. Máis tarde chamarían á súa irmá María para facerlle un consello de guerra. Grazas á influencia do soldado Cambón logran evitalo. María volvería ser interrogada máis tarde por comunicar información clasificada a persoas ameazadas polo novo réxime franquista.
Recuperación do camión e participación forzada na guerra Novamente grazas a Xosé Cambón, as irmás Rivas descobren o taller da Coruña no que se atopa requisado o seu ómnibus. Grazas á influencia do amigo da familia e capitán Juan Mayobre, Celia Rivas ofrécese para conducir o seu vehículo en zonas de guerra, esperando así poder recuperalo. Os franquistas aceptan e envíana xunto á súa irmá María como transportista de soldados á fronte durante o sitio de Oviedo, no que morreron máis de 17 000 persoas entre poboación civil e combatentes de ambos os bandos. Aínda que non existen rexistros que acrediten a presenza doutras mulleres condutoras durante a guerra civil española, parece razoable considerar que Celia Rivas foi tamén a primeira condutora de camións modernos que participou nun conflito bélico europeo, dado que os camións diésel non chegaron a Europa até a época de 1930, e a primeira guerra da década no continente sucedeu en España. A cambio de transportar os soldados de Franco durante varias viaxes á fronte, os nacionais permitíronlle a Celia Rivas manter o autobús, e ela aproveitouno para comerciar con produtos que abundaban en zonas de guerra pero escaseaban en Galicia. Cando terminou a guerra civil, o negocio familiar volveu centrarse exclusivamente no transporte de peixe e marisco galego a diversas zonas de España.
Recoñecemento do goberno americano durante a Segunda Guerra Mundial O 28 de agosto de 1943, un avión estadounidense Liberator B 24 estrelouse na praia de Langosteira, moi preto da casa na que vivía Celia Rivas. O aeroplano, parte do escuadrón 480 do grupo anti-submarino aliado, foi abatido por un avión alemán. Investigadores como Agustín Ruzafa Almodóvar documentaron este incidente en profundidade. Os veciños do pobo rescataron a 9 dos 10 tripulantes, e dous deles acabaron na casa Rivas. Oficialmente, a España de Franco mantíñase neutral durante o conflito, pero os soldados accidentados temían que algúns dos documentos confidenciais que viaxaban con eles puidesen chegar a mans nazis a través das autoridades franquistas. Lilí Díaz Rivas, que recolleu a historia directamente das fontes orixinais, conta no seu libro desde a perspectiva de Celia Rivas como a súa irmá facilitou a destrución dos papeis: "Cando chegaron, un dos aviadores tentou comerse uns papeis que levaba nunha carteira, pero a miña irmá Palmira, que o viu, díxolle por sinais que podía queimalos no lume. Levouno á cociña e ensinoulle o fogón, onde foi queimando un a un os papeis que traía. Cando terminou, bicáballe as mans á miña irmá, con bágoas nos ollos, agradecendo o seu xesto". O goberno estadounidense só puido decatarse deste feito a través dos propios soldados rescatados, xa que a historia non foi difundida por ningún medio. O 10 de setembro de 1943, o vicecónsul dos Estados Unidos de América en Vigo, Leon L. Cowles, enviou un documento oficial á familia, no que manifestaba "o agradecemento sincero polas cariñosas, humanitarias e desinteresadas atencións tidas por vostedes cos membros da tripulación". Lilí Díaz Rivas aínda posúe o documento orixinal. Segundo ela mesma relata, as atencións da familia Rivas cos soldados estadounidenses non foron ben vistas polas autoridades franquistas. Insinuóuselles a posibilidade de que puidesen condenalas nun consello de guerra, cousa que finalmente non ocorreu.
Recoñecementos Celia Rivas contou co respecto dos que a trataron persoalmente ou fixeron negocios con ela, pero o seu perfil humilde e o seu carácter reservado non contribuíron á difusión das súas accións até 34 anos despois do seu falecemento. O recoñecemento público da súa figura foi reivindicado pola súa sobriña Lilí, filla da súa irmá Julita Rivas, que continuou co negocio familiar tras a morte de Celia. Meses despois de retirarse, Lilí Díaz Rivas escribiu a historia da súa familia nunha edición única financiada polo goberno galego, que se esgotou semanas despois da súa publicación. O libro formou parte da exposición itinerante "Pioneiras" que visitou diferentes localidades de Galicia. "Pioneiras" inaugurouse como mostra fotográfica no I Encontro de Empresarias Galegas, e mantívose de maneira permanente en Bruxelas, enmarcada dentro do contexto da Fundación Galicia Europa. Existe un exemplar impreso na Biblioteca Nacional de España, mentres que a versión dixital do libro pode descargarse gratuitamente en formato PDF dende a web oficial de Igualdade da Xunta de Galicia. En 2011, o concello de Muxía homenaxeou a Celia Rivas na súa Galería de Mulleres, e diferentes bibliotecas escolares difundiron a súa historia. Iniciativas individuais como a de María Olga Rodríguez Díaz axudaron a difundir na rede o proxecto Pioneiras, tras o cambio de goberno en 2010 que eliminou moitas das ligazóns á campaña. En 2016, unha petición popular sometida a votación pediu ao concello de Fisterra adicar unha rúa a Celia Rivas; a súa candidatura foi a segunda máis votada. En 2018, a Real Academia Galega incluíu a Celia Rivas Casais na súa iniciativa "Primavera dss Letras" dentro da ficha didáctica "Unha muller dona do seu tempo" dedicada ao público infantil. Con motivo do Día Internacional da Muller 2018, o CEIP Profesor Albino Núñez reivindicou a súa figura. A vida de Celia Rivas Casais tamén transcendeu en diversos medios relacionados co transporte, onde adoita ocupar un lugar destacado entre mulleres importantes como Emilia Pardo Bazán, Sophie Opel ou Bertha Benz. Aínda que a historia da súa vida non se deu a coñecer no ámbito público até 2008, ano no que se iniciaron os trámites para a súa inclusión na exposición Pioneiras, Celia Rivas Casais foi un personaxe importante no proceso de emancipación da muller galega dentro do ámbito rural e unha figura clave na activación económica de Fisterra tras a dura etapa de posguerra.