Ruth Joan Bader Ginsburg, nada en Brooklyn (Nova York) o 15 de marzo de 1933 e finada en Washington, D.C. o 18 de setembro de 2020, foi unha xuíza e xurista estadounidense que destacou especialmente polo seu traballo na loita pola igualdade legal entre homes e mulleres. Dende o 10 de agosto de 1993 e ata o seu pasamento foi xuíza da Corte Suprema dos Estados Unidos, nomeada polo presidente Bill Clinton. Foi a primeira muller xudía e a segunda muller en servir na Corte, despois de Sandra Day O'Connor. En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís.
Ginsburg mantivo unha alta popularidade nos Estados Unidos. Icona da cultura pop, recibiu o alcume de "Notorious R.B.G." e estaba considerada como un símbolo da resistencia pública e da xustiza.
Primeiros anos e educación Joan Ruth Bader Ginsburg naceu en Brooklyn, Nova York, no seo dunha modesta familia xudía. Era a segunda filla de Celia e Nathan Bader. O seu pai era un emigrante xudeu de Odesa, e a súa nai naceu en Nova York de país xudeus orixinarios de Cracovia. A filla maior do matrimonio, Marylin, morreu de meninxite aos seis anos, cando Joan tiña só 14 meses. Aquela puxéralle a Joan o alcume de "Kiki", por ser unha "kicky baby", é dicir, unha bebé moi inquieta. A nai de Ruth, Celia, participou moi activamente na eduacación da súa filla, impulsándoa aos libros e ao estudo. Con todo, morreu o día antes da súa graduación debido ao cáncer.
Ruth Bader asistiu cunha bolsa á Universidade de Cornell, en Ithaca, na década de 1950. Coñeceu entón ao que foi o seu marido, Martin D. Ginsburg, aos 17 anos. Graduouse na devandita universidade en xuño de 1954, onde obtivo a súa titulación B.A. (Bachelor of Arts) cunha especialización en "Goberno". Un mes despois casou con Ginsburg e mudáronse a Fort Sill, Oklahoma, onde Martin estaba destinado como oficial da Reserva do Exército dos Estados Unidos durante a Guerra de Corea. Aos 21 anos, Ruth comezou a traballar na oficina da Administración do Seguro Social dos Estados Unidos.
No outono de 1956, Ruth matriculouse na Facultade de Dereito da Universidade Harvard, onde era unha das únicas 9 mulleres nunha clase aproximadamente de 500 homes. Cando o seu esposo conseguiu un traballo na cidade de Nova York, Ruth solicitoulle ao decano da Facultade, Erwin Griswold, a posibilidade de completar o seu terceiro ano na Facultade de Dereito da Universidade de Columbia e obter, aínda así, o título de Dereito de Harvard. Porén, o decano denegou a súa petición, polo que Ruth trasladouse á que sería a súa alma mater, a Universidade de Columbia, onde se graduou en Dereito en 1959.
Inicio da súa carreira
Os primeiros anos no mundo xurídico non foron doados para Ruth, quen tivo dificultades para atopar emprego. En 1960, o xuíz do Tribunal Supremo de Estados Unidos Felix Frankfurter rexeitou a Ginsburg para un posto de asistente legal debido ao seu xénero. Máis tarde, ese mesmo ano, Ginsburg comenzou a súa pasantía co xuíz Edmund L. Palmieri, do Tribunal de Distrito dos Estados Unidos para o Distrito Sur de Nova York, e ocupou ese posto durante dous anos.
Academia De 1961 a 1963, Ginsburg foi investigadora asociada e, posteriormente, directora asociada do Columbia Law School Project on International Procedure. Este posto permitiulle realizar unha estadía de investigación en 1962 na Universidade de Lund, na que puido coñecer de primeira man o desenvolvemento que estaba a ter no país sueco o dereito á igualdade por razón de xénero, o que supuxo unha forte inspiración para a súa traxectoria posterior.
Tras o seu regreso a Estados Unidos, Ginsburg ocupou o seu primeiro posto como profesora na Facultade de Dereito da Universidade de Rutgers, de 1963 a 1972. Naquel momento, era unha das menos de vinte profesoras de Dereito nos Estados Unidos. Alí axudou a fundar Women's Right Law Reporter, a primeira revista xurídica nos Estados Unidos centrada exclusivamente nos dereitos das mulleres.
De 1972 a 1980 exerceu como profesora de Dereito na Universidade de Columbia, converténdose na primeira muller profesora titular da institución. Tamén recibiu unha bolsa de investigación no Center for Advanced Study in the Behavioral Sciencies da Universidade de Stanford, en California, entre 1977 e 1978.
Asesoramento e litixios En 1972, Ginsburg cofundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís (ACLU), onde iniciou a súa batalla legal pola igualdade entre homes e mulleres. En 1973 converteuse na asesora xeral da sección. Como avogada, a súa labor centrouse na defensa dos casos legais en favor da igualdade de dereitos entre mulleres e homes. Liderou seis dos principais casos ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos, dos que gañou cinco.
Durante aquela etapa, a súa estratexia xurídica caracterizouse por un enfoque gradual e planificado. En lugar de impugnar de forma global todas as normas discriminatorias existentes, Ginsburg centrouse en cuestionar disposicións concretas desas normas que perpetuaban a desigualdade entre homes e mulleres. Un dos trazos máis distintivos da súa actuación foi a elección estratéxica dos demandantes. Con frecuencia representou homes afectados por normas baseadas en estereotipos de xénero para evidenciar que a discriminación non prexudicaba unicamente ás mulleres, senón que limitaba as oportunidades e dereitos de toda a cidadanía. Esa estratexia tamén se proxectou sobre a elección das súas palabras, empregando o termo xénero en lugar de sexo nos seus escritos xurídicos, ao considerar que a segunda expresión podía distraer a atención dos xuíces sobre o verdadeiro problema de desigualdade subxacente.
Un dos seus primeiros éxitos produciuse en Reed v. Reed (1971), colaborando na elaboracion do escrito presentado ante a Corte Suprema dos Estados Unidos. A sentenza dese caso declarou contraria á Constitución unha norma de Idaho que establecía unha preferencia automática a favor dos homes na designación de administradores de herzandas. Esa sentenza foi a primeira resolución do alto tribunal que aplicou ás mulleres a cláusula de igualdade de protección da Décimo Cuarta Emenda para prohibir así unha discriminación baseada no sexo.
Ao ano seguinte participou no caso Moritz v. Commissioner (1972), representando a un home solteiro ao que se lle negara unha dedución fiscal por asumir o coidado da súa nai de idade avanzada. Ginsburg argumentou na súa defensa que a norma tributaria se baseaba en estereotipos tradicionais sobre os roles familiares e conseguiu que o tribunal recoñecese o carácter discriminatorio da disposición.
En Frontiero v. Richardson (1973), no que actuou como amicus curiae, impugnou unha regulación das Forzas Armadas que permitía aos militares homes obtener determinadas prestacións familiares para as súas esposas de maneira automática, mentres que obrigaba ás militares mulleres a demostrar a dependencia económica dos seus maridos. O Tribunal Supremo declarou inconstitucional esa desigualdade de trato e fallou a favor da demandante, a tenente Sharron Frontiero.
Ese mesmo ano participou tamén nunha demanda federal contra o programa de esterilizacion forzosa de persoas con discapacidade mental de Carolina do Norte, presentada en nome de Nial Ruth Cox, unha muller que fora esterilizada de manera coercitiva nese mesmo programa baixo a ameaza de que, se non o facía, a súa familia perdería os beneficios asistenciais. Ese caso, coñecido como Roe v. Wade (1973) converteuse nun dos exemplos máis coñecidos das súas actuacións en defensa dos dereitos reprodutivos e da protección das persoas socialmente vulnerables.
Outra das súas intervencións máis destacadas produciuse en Weinberger v. Weisenfeld (1975), no que representou a un viúvo ao que se lle negaran determinadas prestacións de supervivencia da Seguridade Social reservadas exclusivamente ás viúvas. Ginsburg sostivo que a lei discriminaba tanto aos homes viúvos como ás mulleres traballadoras, xa que lles impedía ofrecer ás súas familias a mesma protección económica que os traballadores varóns. Finalmente, a Corte Suprema aceptou o razoamento e declarou inconstitucional a diferenza de trato.
En Craig v. Boren (1976), Ginsburg participou na impugnación dunha lei de Oklahoma que establecía idades mínimas diferentes para o consumo de bebidas alcohólicas segundo o sexo. A sentenza resultante marcou un fito na xurisprudencia estadounidense ao introducir o concepto intermediate scrutiny, un estándar de control constitucional máis rigoroso para examinar as normas que distinguen entre mulleres e homes.
O seu último caso ante o Tribunal Supremo como avogada foi Duren v. Missouri (1979). Nesta ocasión cuestionou un sistema que permitía ás mulleres quedar exentas do servizo de xurado pola simple solicitude. Ginsburg argumentou que esa excepción perpetuaba a idea de que as mulleres tiñan un papel secundario na vida pública e que o servizo nos xurados constituía unha responsabilidade cívica que debía ser asumida por toda a cidadanía en condicións de igualdade e que, polo tanto, non debería ser opcional para as mulleres.
Tribunal de Apelacións dos Estados Unidos Ante o crecente atraso no poder xudicial federal, o Congreso aprobou a Omnibus Judgeship Act de 1978, que aumentou o número de xuíces federais en 117 nos tribunais de distrito e en 35 nos tribunais de circuíto. A lei insistiui en garantir a presenza de mulleres e doutros grupos minoritarios entre os xuíces, tendo en conta o carácter e a experiencia dos candidatos. Ginsburg foi entrevistada polo Departamento de Xustiza dos Estados Unidos para converterse en Procuradora Xeral, pero sospeitaba que ela e o candidato afroamericano entrevistado ese mesmo día tiñan poucas posibilidades polo Fiscal Xeral Griffin Bell.
Sendo bolseira na Universidade de Stanford, en xaneiro de 1979 completou a súa candidatura ao Tribunal de Apelacións do Segundo Circuíto de Estados Unidos e do Circuíto do Distrito de Columbia. O presidente Jimmy Carter nomeouna xuíza do Tribunal de Apelacións do Distrito de Columbia, tras a vacante producida pola morte do xuíz Harold Leventhal. Foi confirmada polo Senado dos Estados Unidos o 18 de xuño de 1980 e recibiu o seu nomeamento ese mesmo día. O seu servizo rematou o 9 de agosto de 1993, debido ao seu ascenso ao Tribunal Supremo dos Estados Unidos.
Tribunal Supremo dos Estados Unidos O 22 de xuño de 1993 o presidente Bill Clinton nomeou a Ginsburg como xuíza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos tralo retiro do xuíz asociado Byron White. O Senado confirmou o seu nomeamento cunha votación de 96-3. Converteuse entón na segunda muller na historia (tras Sandra Day O'Connor) en servir neste alto órgano xudicial.
Ginsburg foi unha das principais voces do á liberal do Tribunal Supremo. Durante os seus anos no Tribunal, Ginsburg votou a favor do dereito ao aborto e da citación de dereito internacional nas opinións da Corte. Ademais, votou en contra da pena de morte e a favor dos dereitos das persoas homosexuais.
Discriminación de xénero