Jordi Sebastià i Talavera, nado en Burjassot o 23 de novembro de 1966, é un político, escritor, xornalista e profesor universitario valenciano.
Traxectoria Licenciouse en filoloxía. Elixido concelleiro da súa cidade natal en 1999 polo Bloc Nacionalista Valencià, dende 2003 exerceu como o seu voceiro na corporación municipal e asemade dende 2004 é profesor de xornalismo na Universidade de Valencia.
Logo dos resultados das eleccións municipais de 2011 que deron unha maioría de esquerdas, converteuse en alcalde o 11 de xuño de 2011 co apoio do PSPV - PSOE e mais de Equerra Unida.
O 21 de marzo de 2014 Compromís elixiuno o seu candidato ás eleccións ao Parlamento Europeo en 2014 nunhas primarias abertas nas que logrou o 48,6% dos votos contra outros catro candidatos. Encabezou logo a coalición Primavera Europea, que logrou un deputado, converténdose Sebastià no primeiro eurodeputado de Compromís .
Obra Como escritor publicou a novela Un assumpte de perifèria en 1999, que xira en torno ao xornalismo e o libro de relatos Atzucacs en 2009. No campo do ensaio publicou El parany cosmopolita. Una mirada a les arrels ideològiques de la globalizació ( 2004 ), sobre o proceso de globalización afirmando que o cosmopolitismo é un concepto exclusivo de Occidente que se está a empregar actualmente "como unha coartada para a uniformidade planetaria que Occidente puxo en marcha e que neste momento recibe o nome de globalización" . Esta publicación creou unha certa controversia, recibindo críticas moi eloxiosas e outras moi negativas, mesmo con cualificacións de antioccidental
Escribiu tamén libros xornalísticos como La conquesta del vent (2004), La bellesa industrial (2007) e La dignidat i l'aixada (2010). Como xornalista, especializouse en reportaxes sociais e gañou o premio Laia González con Murir al carrer, unha reportaxe sobre os meniños da rúa brasileiros e o Ramon Barnils con El president, la fallera, l'horta i la carretera, denunciando o tráfico de influencias e a súa relación co urbanismo valenciano, concretamente sobre a horta de Burjassot. En 2013 escribiu para a ONG Fundació Fontilles o libro-reportaxe Llàgrimes de cotó, de pols i de silenci, sobre as mulleres con lepra na India . .
En 2008 gañou o premio de narrativa curta Josep Pasqual Tirado da Deputación de Castellón pola obra Atzucacs .
Notas
Categoría:Profesores da Universidade de Valencia Categoría:Alcaldes da Comunidade Valenciana Categoría:Xornalistas da Comunidade Valenciana Categoría:Nados en 1966 Categoría:Nados en Burjassot Categoría:Escritores en lingua catalá Categoría:Escritores da Comunidade Valenciana Categoría:Europarlamentarios de España (2014-2019)