Eduardo Fernández Miniño, nado no Porriño cara a 1898 e finado no mesmo concello o 9 de agosto de 1937, foi un mecánico e político galego.
Traxectoria Mecánico no Porriño. Na ditadura de Primo de Rivera foi nomeado concelleiro suplente do Porriño en decembro de 1927, na corporación que presidía José Palacios Ramilo.El Pueblo Gallego, 7-12-1927, p. 13. Militou no PSOE e na Segunda República pasou ao Partido Comunista. En agosto de 1933 foi elixido presidente da nova sociedade de caza "Coto Cerrado del Término Municipal de Porriño".El Pueblo Gallego, 17-8-1933, p. 7. Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 foi nomeado concelleiro do Porriño.El Pueblo Gallego, 15-3-1936, p. 4. Foi vogal do Comité local pro-Autonimía do Porriño constituído en xuño de 1936 como representante comunista.El Pueblo Gallego, 24-6-1936, p. 2.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e agochouse na casa da nai. O Xulgado militar de Tui citouno para que se presentase a principios de setembro xunto con Severiano Castillo Alonso, Evaristo Freiría Fernández, Antonio Alonso Ríos, Hermenegildo Losada Loureiro, Guillermo Vicente Santiago, Manuel Romero González, Ulpiano Benito Piña, José Felipe Muñoz, Jesús González González e José Bernardo Pérez Alonso.El Pueblo Gallego, 6-9-1936, p. 8. Foi declarado en rebeldía en causa militar. Permaneceu agochado na casa da nai, nun zulo, co seu irmán Rogelio. A pesar dos continuos rexistros da Garda Civil e os falanxistas, non foron descubertos. Para intentar que descubrisen o seu agocho, os fascistas prenderon a súa muller Eugenia, a varias das súas irmás e a Alicia, a muller de Rogelio, a principios de 1937. Os entobados, ao quedar atendidos só pola nai xa maior, decidiron abandonar o zulo e marcharon a Tui, onde se ocultaron na casa de Evangelina Jaso González xunto co sobriño de Eduardo, Herminio Saavedra. Sospeitando de Evangelina, un día da Semana Santa de 1937, ao amencer, os falanxistas rodearon a casa e os agochados intentaron fuxir. Eduardo e Rogelio conseguírono, mentres Herminio torceu un pé ao caer e foi detido xunto con Evangelina. Eduardo e Rogelio escaparon por separado, Eduardo foi a Couso, na parroquia de Guláns, onde estivo protexido na casa dun matrimonio durante tres días. Alí apareceu o seu irmán e ambos decidiron agocharse na capela de San Cibrán, onde permaneceron case un mes ata a celebración da romaría a finais de maio. Foron para unha cova nos arredores do monte Faro onde a súa irmá Carmen lles levaba comida. Foi detido por falanxistas en Salceda de Caselas cando tentaba pasar a Portugal co seu irmán. Foi paseado na Insua o 9 de agosto de 1937.
Vida persoal
Casou con Eugenia Rodríguez Sequeiros, e foi pai de Antonio, Herminia e Santiago Fernández Rodríguez. Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Concelleiros do Porriño Categoría:Concelleiros de Galicia durante a II República Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados no Porriño Categoría:Finados en 1937 Categoría:Nados en 1898 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos