Toyotomi Hideyoshi (豊臣秀吉), nado o 2 de febreiro de 1537 e finado en Fushimi-Momoyama o 18 de setembro de 1598, foi un daimio do período Sengoku que unificou o Xapón. É coñecido polas súas invasións de Corea e por deixar un abundante legado cultural, incluíndo a restrición de que só membros da clase samurai puidesen portar armas. De orixe humilde, Hideyoshi converteuse nun dos homes máis importantes da época, e as súas reformas políticas pacificaron efectivamente o país e sentaron as bases do shogunato Tokugawa.
Traxectoria Mocidade Pouco se coñece con certeza sobre a vida de Hideyoshi antes de 1570, cando o seu nome comeza a aparecer en documentos e cartas que aínda se conservan. A súa autobiografía iníciase en 1577, mais nela Hideyoshi fala moi pouco sobre o seu pasado. A tradición di que naceu en Nakamura-ku, Nagoya, na provincia de Owari, fogar do clan Oda. Non tiña unha liñaxe samurai evidente; o seu pai, chamado Yaemon,Berry, Mary Elizabeth. Hideyoshi. Harvard, Cambridge (1982), páx. 8 servira como ashigaru nos exércitos de Oda Nobuhide, pai de Oda Nobunaga, ata que foi ferido en batalla e tivo que regresar aos labores de agricultura. Debido a circunstancias de nacemento Hideyoshi non tivo apelido. O nome que se lle deu na súa infancia era Hiyoshimaru (Agasallo do Sol) aínda que existen variacións sobre o mesmo.
Moitas lendas relatan que Hideyoshi foi enviado a estudar a un templo cando era rapaz, mais que renunciou ao modo de vida do templo e fuxiu na procura de aventuras. Baixo o nome de 'Kinoshita Tokichiro', uniuse ao clan Imagawa como servente do gobernador local Matsushita Kahei. De aí viaxou ata as terras de Imagawa Yoshimoto, daimio da provincia de Suruga, e serviu aí durante un tempo, ata que fuxiu cunha suma de diñeiro que lle encargara o samurai Matsushita Yukitsuna.
Comezos no clan Oda Preto de 1557 regresou a Owari e uniuse ao clan Oda como un humilde servente. Converteuse nun dos portadores de sandalias de Nobunaga, e estivo presente na batalla de Okehazama de 1560, na cal Nobunaga derrotou a Imagawa Yoshimoto e se converteu nun dos señores da guerra máis poderosos do período Sengoku. Tempo despois fóronlle encargadas tarefas máis importantes. En 1561, Hideyoshi casou cunha aristócrata chamada Nene; para ese entón a súa nai contraera segundas nupcias cun tal Chikuami, con quen tivo a Hashiba Hidenaga, o seu medio irmán.Biografía de Hideyoshi en Samurai Archives. Hideyoshi tivo moito éxito como diplomático. En 1564 conseguiu, en boa medida por medio de subornos, que un grupo de samurai se separasen do clan Saitō, da provincia de Mino; entre eles estaba o grande estratego Takenaka Hanbei. A fácil vitoria de Oda Nobunaga sobre os Saitō en 1567 debeuse en gran parte aos seus estrataxemas.
A pesar das súas orixes humildes, Hideyoshi converteuse nun dos xenerais máis distinguidos de Oda Nobunaga, e finalmente tomou o nome 'Hashiba Hideyoshi' (羽柴 秀吉). Ese nome derivábase de dous caracteres, cada un tomado dos nomes de dous dos xenerais máis importantes de Nobunaga, Niwa Nagahide (丹羽 長秀) e Shibata Katsuie (柴田 勝家). Así mesmo, Hideyoshi era unha personaxe moi pintoresca, en especial como xeneral e despois como mandatario. Baixo de estatura e delgado, os seus trazos peculiares facíano parecido a un mono, razón pola cal Nobunaga, coñecido por ser groseiro, o chamaba Saru (mono) e a «rata calva». Sobre el dicíase que gozaba bastante do licor e das mulleres, e que cando era novo facía amigos con facilidade. Tiña un sentido innato para a manipulación e para ver as intencións dos outros homes, atributos que sen dúbida o axudaron no seu ascenso a través dos rangos do clan Oda.
En 1570 mandou as tropas de Nobunaga durante a batalla de Anegawa, na cal Oda Nobunaga se aliou con Tokugawa Ieyasu para asediar dúas fortalezas dos clans Asai e Asakura.Berry (1982), páx. 45. Tres anos despois, tralo éxito das campañas contra os Asai e Asakura, Nobunaga nomeou a Hideyoshi daimio de tres distritos na parte norte da provincia de Ōmi. Inicialmente radicado na capital do clan Asai en Odani, Hideyoshi desprazouse a Kunitomo, e renomeou a cidade Nagahama en honor a Oda Nobunaga. De aí dirixiuse á cidade costeira de Imahama, onde comezou a traballar no castelo Imahama, e tomou control da próxima fábrica de armas de Kunimoto que fora establecida algúns anos atrás polos Asai e os Asakura. Baixo a administración de Hideyoshi a produción da fábrica incrementouse drasticamente.Berry (1982), páx. 54.
Ascenso ao poder O 20 de xuño de 1582 Oda Nobunaga e o seu fillo foron asasinados no templo Honnōji, en Kyoto, polas tropas de Akechi Mitsuhide, xeneral de Nobunaga. O incidente, coñecido como «incidente de Honnō-ji», trouxo consigo grandes oportunidades non só para Mitsuhide, senón tamén para Hideyoshi e o clan Mōri, dependendo de cal dos dous descubrise as noticias primeiro. A Mitsuhide convíñalle que o xefe do clan Mōri, Terumoto, fose o primeiro en decatarse, pois probablemente estaría en condicións de enfrontar e conter o exército de Hideyoshi. Non obstante, o mensaxeiro que Mitsuhide enviou coas novas da morte de Nobunaga foi capturado en menos de 48 horas e a carta que levaba con el foi entregada a Hideyoshi. Hideyoshi sabía que tiña que aproveitar a oportunidade: dos xenerais do clan Oda, só el e Shibata Katsuie, o xeneral en xefe do clan, eran capaces de tomar a iniciativa para vingar a Nobunaga. Nese momento Katsuie atopábase no medio dunha contenda co clan Uesugi na provincia de Etchū, razón pola cal tardou en enfrontar a Mitsuhide. Por outra banda, aínda que Hideyoshi estaba en condicións de chegar rapidamente a Kyoto, tiña antes que enfrontar o clan Mōri, que non estaban enterados da morte de Oda Nobunaga.
Dende abril de 1582, o clan Oda achábase en guerra co clan Mōri. Nese contexto, baixo ordes de Nobunaga, Hideyoshi emprendeu o asedio ao castelo Takamatsu, considerado unha fortaleza impenetrable. O castelo estaba defendido por Shimizu Muneharu, un dedicado guerreiro que rexeitara varios intentos de suborno. Nese tempo Hideyoshi notara que o castelo xacía sobre unha chaira baixo o nivel do mar, e ordenou que se desviasen as augas do próximo río Ashimōrigawa cara ao castelo, anegándoo. right|170px|Oda Nobunaga|miniatura Se quería aproveitar a coxuntura e chegar a Kyoto, Hideyoshi debía tomar o castelo o máis axiña posible, pois só así o clan Mōri estaría disposto a negociar. Foi entón que Hideyoshi decidiu comunicarse directamente con Shimizu Muneharu e lle prometeu que non danaría nin a súa familia nin os seus soldados se se rendía. Muneharu, quen coñecía as deplorables condicións en que se atopaban os seus soldados pola inundación do castelo, aceptou a proposta e cometeu seppuku. Hideyoshi entón apresurouse a establecer negociacións de paz cos Mori, e Terumoto acordou ceder as provincias ocupadas polo clan Oda: Hōki, Mimasaka e Bitchū.
Así, apenas dous días despois do asasinato de Nobunaga, Hideyoshi ingresou a Takamatsu e despois non tardou en realizar preparativos para avanzar cara á capital, Kyoto. Pero primeiro se dirixiu á provincia de Settsu, á que chegou tras catro días de marcha forzada. Aí tomou a Mitsuhide desprevido e derrotouno na batalla de Yamazaki. Entón os xenerais de Nobunaga reuníronse para elixir un sucesor formal para dirixir o clan. Por unha banda, o xeneral en xefe do clan Oda, Shibata Katsuie, apoiou a Oda Nobutaka como posible sucesor do seu pai. En cambio, Hideyoshi decidiu levarlle a contraria apoiando o neto máis vello de Nobunaga, Oda Hidenobu.Berry (1982), páx. 74.
O tema da sucesión foi acaloradamente debatido nas «Conferencias de Kiyosu», onde o dominio do clan Oda foi dividido entre os máis importantes xenerais; Hideyoshi recibiu as provincias de Yamashiro, Tamba e Kawachi, mentres que Shibata retivo Echizen e agregou Ōmi ao seu feudo. Takigawa Kazumasu, opoñente de Hideyoshi en Kiyosu, recibiu Ise, a cal fortificou en caso de que ocorrese unha guerra. Non se chegou a un acordo. Quizais todo o asunto fose unha simple formalidade para Hideyoshi, co fin de establecer a súa lexitimidade como sucesor de facto de Nobunaga e imporse sobre os seus opositores. Esta posibilidade pode fundamentarse nunha carta que enviou durante este período a unha das súas consortes novas, que dicía o seguinte:
Cando se gañou o apoio de dous anciáns xenerais do clan, Niwa Nagahide e Ikeda Tsuneoki, Hideyoshi fortaleceu a posición de Hidenobu e ao mesmo tempo incrementou a súa influencia dentro do clan Oda. Axiña aumentou a tensión entre Shibata e Hideyoshi, dando lugar á batalla de Shizugatake, ao ano seguinte, na cal Hideyoshi derrotou a Shibata e se estableceu como sucesor de facto de Nobunaga, á fronte do clan Oda. En 1583, Hideyoshi comezou a construción do castelo Osaka. Non obstante, Hideyoshi aínda non se consolidara no poder dentro do clan. Outro fillo de Nobunaga, Oda Nobukatsu, aínda lle era hostil. Na primavera de 1584 Tokugawa Ieyasu e Nobukatsu aliáronse e comezaron a facer declaracións difamatorias contra Hideyoshi ao mesmo tempo que pedían o apoio dos outros clans. miniatura|250px|Castelo Osaka, reconstruído trala segunda guerra mundial Ieyasu tomou a iniciativa e invadiu a provincia de Owari, mais o 7 de maio de 1584 Hideyoshi respondeu tomando o mando dun exército, que se encamiñou cara a esa provincia. Antes de que os dous bandos se enfrontasen, o xeneral Ikeda Nobuteru suxeriu a Hideyoshi que, como a maioría das tropas de Ieyasu estaban despregadas en Owari, podían atacar a provincia de Mikawa, relativamente indefensa. Consecuentemente, Tokugawa non tería outra opción máis que retirarse para facer fronte á ameaza, e nese momento Hideyoshi podería facer suficiente presión como para conseguir un arranxo. Hideyoshi aprobou o plan e enviou a Nobuteru, que se fixo acompañar polos seus dous fillos máis vellos, a levalo a cabo. Desafortunadamente para a familia Ikeda, os moradores informaron a Ieyasu dos seus movementos, e este puido organizar o seu exército para sorprendelos pola retagarda, o 15 de maio preto de Nagakute. Durante a batalla de Nagakute, Nobuteru e o seu fillo Yukisuke morreron e o exército fuxiu. Entón en vez de enfrontarse ao poderoso Ieyasu, Hideyoshi decidiu atacar o seu aliado Nobukatsu, que tiña un exército que era moito máis vulnerable. Nobukatsu sufriu unha serie de derrotas, e para decembro estaba ansioso por conseguir unha solución diplomática á crise. Finalmente asinou a paz con Hideyoshi, e Tokugawa non tivo outra opción que asinar a paz en xaneiro. Así acabou o pretexto para a guerra entre os clans Tokugawa e Hashiba. Finalmente Tokugawa consentiu en converterse en vasalo de Hashiba Hideyoshi.
Unha vez rematadas as hostilidades con Tokugawa, Hideyoshi dispúxose a consolidar os dominios do clan Oda. Como territorios persoais tomou as provincias centrais e máis importantes, mentres que nos restantes territorios designou como gobernadores tanto os antigos dependentes do clan como os seus seguidores persoais. Existía un método decidido para a maioría das súas ratificacións e recompensas, as cales eran empregadas para manter intactos os seus novos dominios. A eficacia destas disposicións quedou demostrada polo feito de que as terras dentro das fronteiras establecidas en 1584 do dominio de Hideyoshi se mantiveron virtualmente libres de rebelións ata a súa morte. Máis alá desta esfera inmediata, as relacións fortalecéronse cos clans Mōri e Uesugi; ambas as familias esencialmente convertéronse en obedientes vasalos a pesar de que eran tratados como aliados.