Ager Aketxe Barrutia, nado o 30 de decembro de 1993 en Itzubaltzeta (Getxo), é un futbolista español, que xoga como mediapunta no Johor Darul Ta'zim de Malaisia.
Traxectoria
Comezos Nacido e criado no barrio de Itzubaltzeta, en Getxo, dedicouse ao fútbol seguindo os pasos de seu pai Isaac, defensa central entre outros do Bilbao Athletic, o Arenas Club, o Mirandés ou o Basconia; e de seu irmán maior, tamén chamado Isaac e tamén futbolista.
Comezou a xogar na canteira do Arenas de Getxo, ingresando aos 9 anos no equipo alevín do Athletic Club. Subiu polas diferentes categorías inferiores ata que na tempada 2011/12 debutou na Terceira División co Basconia, segundo filial do club, co que xogou 32 partidos, marcando 6 goles. No verán de 2012 pasou ao Bilbao Athletic, da Segunda División B, conxunto adestrado por Ziganda e onde coincidiu con xogadores como Kepa, Remiro, Lekue, Yeray, Laporte ou Iñaki Williams. Nos seus primeiros partidos apenas contou con minutos, pero na segunda parte da tempada acabou sendo un titular habitual e peza importante do equipo que disputou a promoción de ascenso a Segunda. Na seguinte campaña disputou todos os partidos, marcando seis goles, tres deles de falta directa.
Athletic Club Para a tempada 2014/15 foi subido ao primeiro equipo, adestrado por Ernesto Valverde. Debutou co Athletic nun partido da Liga de Campións ante o Shakhtar Donetsk en San Mamés, substituíndo no cuarto de hora final a Iker Muniain. Acabou o encontro cunha fractura nun dedo do pé dereito que o deixou varias semanas de baixa. Sufriu ademais dúas lesións musculares durante a tempada, que completou cun total de 12 partidos e un gol, conseguido nunha vitoria ante o Elche (2-3). O 30 de maio estivo na final da Copa do Rei que o seu equipo perdeu ante o FC Barcelona no Camp Nou, aínda que permaneceu todo o partido no banco de suplentes, do mesmo xeito que uns meses despois na Supercopa de España que o seu equipo conquistou ante o propio club catalán.
A fichaxe de Raúl García complicou as súas opcións no Athletic, polo que no mercado invernal recibiu ofertas de cesións a varios equipos. Con todo, decidiuse que baixase de novo ao filial para axudalo a conseguir a permanencia na Segunda División. A pesar de xogar só a metade final da tempada, acabou como o máximo goleador do equipo, con 8 tantos, entre eles 3 de falta directa e un triplete ante a Ponferradina, pero foi insuficiente para manter a categoría. Na antepenúltima xornada de liga ante o Alavés, Aketxe sufriu unha grave lesión, ao romper o ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito. Con todo, foi elixido entre os tres xogadores revelación da categoría pola LFP.
1ª cesión ao Cádiz Tras varios meses de recuperación da súa lesión, en xaneiro de 2017 foi cedido ao Cádiz, tamén de Segunda. Xogou 18 partidos no club amarelo e marcou 5 goles, un deles na promoción de ascenso ante o Tenerife. Para a tempada 2017/18 regresou ao Athletic, pero apenas contou con oportunidades, polo que en febreiro rescindiu o seu contrato, despois de case 15 anos no club.
Toronto Xusto a continuación marchou á MLS, asinando como novo xogador do Toronto. Debutou nun partido da Liga de Campións da CONCACAF ante o Colorado Rapids e disputou un total de 14 encontros co club canadense.
2ª cesión ao Cádiz En xullo de 2018 foi cedido ao Cádiz, iniciando así a súa segunda etapa no club andaluz. En decembro desvencellouse totalmente do Toronto, co que pasou a ser xogador do Cádiz a todos os efectos. Xogou 35 partidos ás ordes de Álvaro Cervera, 21 deles como titular, e marcou 4 goles.
Deportivo da Coruña O 13 de xullo de 2019, anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, tamén de Segunda, por unha tempada con opción a unha máis. Debutou cun gol ante o Oviedo na primeira xornada de liga e tivo destacadas actuacións nos seguintes partidos. O seu rendemento baixou no segundo terzo da campaña, pero volveu ser unha peza importante trala chegada de Fernando Vázquez. Titular na gran maioría de partidos, pechou a campaña con 41 partidos e 7 tantos, sendo o máximo goleador do equipo e o xogador de campo con máis minutos, superado só polo gardameta Dani Giménez. Con todo, os seus bos números individuais non se viron acompañadas polo rendemento colectivo do equipo, que acabou descendendo á Segunda División B por segunda vez na súa historia.
Almería Tralo descenso co Deportivo, asinou por dúas tempadas co Almería, continuando así en Segunda. Xogou 29 encontros co equipo andaluz, marcando 6 goles, e disputou sen éxito a promoción de ascenso a Primeira.
Eibar No verán de 2021 desvencellouse do Almería e asinou co Eibar, da mesma categoría, club no que tamén xogara seu irmán Isaac uns anos antes. Contou con poucos minutos durante as súas dúas primeiras tempadas no club armeiro, con Gaizka Garitano como adestrador, con só 12 titularidades entre liga e Copa. Con todo, aproveitou as súas oportunidades, repartindo dez asistencias e anotando tres goles, un deles na promoción de ascenso de 2022. A súa situación cambiou drasticamente trala chegada ao banco de Joseba Etxeberria, que lle deu a titularidade dende a primeira xornada da tempada 2023/24. Xogou un total de 44 encontros ao longo da campaña, nos que marcou 13 goles, e disputou sen éxito a promoción de ascenso a Primeira.
Zaragoza En agosto de 2024, trala fin do seu contrato, fichou polo Real Zaragoza, tamén na Segunda División. A pesar de chegar como a fichaxe estrela do mercado do club, non cumpriu as expectativas, realizando unha discreta tempada, con só 2 goles en 36 partidos.
Johor Aínda que foi titular en dúas das primeiras tres xornadas da tempada 2025/26, o último día de agosto anunciouse a súa marcha a Malaisia, onde fichou polo Johor Darul Ta'zim, adestrado polo balear Xisco Muñoz e no que militan varios futbolistas españois. Na súa primeira tempada co club de Johor Bahru conquistou a Superliga de Malaisia, a Copa de Malaisia e a Copa FA de Malaisia, ademais de acadar os cuartos de final da Liga de Campións Elite da AFC e as semifinais do Campionato de Clubs da ASEAN. Disputou 31 partidos entre todas as competicións, anotando 8 goles.
Palmarés Athletic Club Supercopa de España (1): 2015.
Johor Superliga de Malaisia (1): 2025/26. Copa de Malaisia (1): 2025/26. Copa FA de Malaisia (1): 2025.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Athletic Club .
Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Baskonia Categoría:Xogadores do Bilbao Athletic Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores do Toronto FC Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores do SD Eibar Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Johor FC