A Costa da Mariña occidental é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA) que inclúe a costa da mariña lucense entre O Vicedo e Cervo e que está destinada a conservar o seu eulitoral, parte do seu supralitoral e varios illotes. A área de conservación do ZEC ocupa 491,24 ha., dos cales un 5% son mariños, dos concellos lucense de Cervo, O Vicedo, Viveiro, Xove. A área da ZEPA exclúe algún treito lo litoral no interior das rías pero inclúe máis augas abertas, chegando ás 2168.82 ha. e das cales o 83 % son en zona mariña.

Xeografía Esta costa protexida comeza na boca leste da ría do Barqueiro, decorrendo desde a praia do Vicedo Vello ata a praia de Sacido, xa no interior da ría de Viveiro. Exclúe o interior desa ría e continúa de novo no exterior do porto de Celeiro para chegar ata a punta de Meitón, en Xove. Continúa na punta Mansa ata a costa da Enseada, xa preto do porto de San Cibrao. A enseada de Regodela, que se atopa entre estes dous últimos treitos, non está dentro do espazo protexido.

Ademais do litoral descrito, o espazo inclúe varios illotes e á illa Coelleira, o illote Gaveira, o illote dos Netos, a illa do Asarón, a Ínsua do Cal e os illotes Farallóns, que son o lugar máis ao leste desta zona protexida.

Neste litoral están presentes varios esteiros, baías pouco profundas e calas. Existen varios puntos de bancos de area cubertos permanentemente ou por períodos e diversos tipos de dunas (móbiles e fixas) no litoral. Na costa existes múltiples furnas mariñas.

Fauna e flora Flora Na costa destacan os arrecifes e a vexetación perenne dos coídos e dos argazos. No litoral existen diferentes hábitats onde están presentes queirogais, tanto húmidos con Erica ciliaris e Erica tetralix como secos con Erica vagans, e matogueiras con Laurus nobilis.

En canto aos bosques, nesta costa están presentes as masas de abeneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior), así como as carballeiras galaico-portuguesas de Quercus robur e Quercus pyrenaica.

Fauna Non considerando as aves, as especies de fauna catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:

Grupo Especie Invertebrados Lucanus cervus Anfibios Chioglossa lusitanica Anfibios Discoglossus galganoi Réptiles Lacerta monticola Réptiles Lacerta schreiberi Mamíferos Lutra lutra Mamíferos Myotis myotis Mamíferos Rhinolophus ferrumequinum Mamíferos Rhinolophus hipposideros

Aves Nos illotes destacan a presenza de colonias de aves mariñas. En particular, é o único lugar de reprodución da gabita (Haematopus ostralegus) en Galicia.

As especies de aves deste espazo que se atopan no Anexo II da Directiva 92/43/EEC son:

Especie Arenaria interpres Calidris alba Calidris maritima Falco peregrinus Haematopus ostralegus Hydrobates pelagicus Larus cachinnans Limosa lapponica Phalacrocorax aristotelis Phalacrocorax carbo Pyrrhocorax pyrrhocorax Sterna hirundo Sterna sandvicensis Sylvia undata

Lexislación A "Costa da Mariña Occidental" foi declarado como lugar de importancia comunitaria (LIC) en decembro de 2004 e ascendeu a zona especial de conservación (ZEC) en marzo de 2014. O espazo natural coincide case na súa totalidade co zona de especial protección para as aves (ZEPA) da "Costa da Mariña Occidental", que se aprobou como tal en marzo de 2004.

Galería de imaxes

Notas

Categoría:Zonas especiais de conservación en Galicia Categoría:Zonas de especial protección para as aves de Galicia