Ramiro Valdés Menéndez, nado en Artemisa, antiga provincia da Habana, o 28 de abril de 1932, e finado na Habana o 21 de xuño de 2026, foi un militar e político cubano, participante na Revolución Cubana dende a acción militar que lle deu inicio o 26 de xullo de 1953, o asalto ao Cuartel Moncada.

Ostenta desde 1976 o grao militar honorífico de Comandante da Revolución ademais do título de Heroe da República de Cuba. Foi vicepresidente do Consello de Estado e do Consello de Ministros de Cuba dende 2009 a 2019. No VI Congreso do PCC, foi ratificado como membro do Buró Político.

Etapa da loita armada En 1953, aos 22 anos, uniuse a Fidel Castro no movemento armado que asaltou o cuartel de Moncada en Santiago de Cuba, para comezar a loita que derrocaría ao presidente Fulgencio Batista. Estivo entre os oito atacantes seleccionados para ocupar o posto principal do cuartel de Moncada e foi o primeiro en penetrar no cuartel, tras baixar a cadea que impediu o paso nesa zona, xunto cos seus compañeiros de equipo José Ponce e Jesús Montané. A pesar de ser un dos últimos en abandonar a frustrada acción, sobreviviu aínda que resultou ferido leve.

Foi detido días despois e xulgado polo Tribunal de Urxencia de Santiago de Cuba, encarcerado no presidio nacional da Illa de Pinos até beneficiarse da amnistía en maio de 1955. Durante este ano sufriu novamente prisión polas súas actividades revolucionarias ata que puido trasladarse a México, onde axudou a organizar e adestrar a expedición do Granma, que desembarcaría na provincia de Oriente o 2 de decembro de 1956.

Durante o desembarco foi nomeado xefe dunha das escuadras e segundo ao mando do Pelotón da Retagarda que dirixía Raúl Castro. Posteriormente foi designado segundo xefe da Columna Nº 8 "Ciro Redondo", encabezada polo comandante Ernesto Che Guevara e participou xunto a este na invasión de oriente a occidente.

É un dos tres xefes históricos da Revolución cubana que participou nas tres acciones decisivas no triunfo revolucionario de xaneiro de 1959: o asalto ao cuartel Moncada, a expedición e desembarco do iate Granma e a Invasión de oriente a occidente.

Colaboración con países veciños En xaneiro de 2010, o Presidente de Venezuela, Hugo Chávez, anunciou que Ramiro Valdés encabezaría a comisión creada polo goberno nacional, a fin de enfrontar a grave crise enerxética que vivía o país suramericano.

Condecoracións Recibiu o título de Heroe da República de Cuba.

En 2003 foi condecorado coa Medalla Conmemorativa 50 Aniversario do 26 de xullo.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Fidel Castro Raúl Castro Camilo Cienfuegos Juan Almeida Bosque Gallego Fernández

Ligazóns externas Biografía CIDOB

Categoría:Revolucionarios de Cuba Categoría:Militares de Cuba Categoría:Heroes da República de Cuba Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2026 Categoría:Nados na provincia de Artemisa Categoría:Ministros de Cuba Categoría:Políticos do Partido Comunista de Cuba