León Benavente é un grupo español de indie rock formado por músicos de diferentes lugares da xeografía española.
Formouse en 2012 coa unión de catro veteranos músicos: o vocalista e teclista galego Abraham Boba, o guitarrista murciano Luis Rodríguez, o baixista aragonés Eduardo Baos, e o batería asturiano César Verdú.
Traxectoria Os membros de León Benavente xa tiñan experiencia tocando noutros grupos: Abraham Boba publicou traballos como solista e tocaba habitualmente na banda de Nacho Vegas, banda na que Eduardo Baos e Luis Rodríguez eran técnicos, Eduardo Baos tocou en Tachenko e César Verdú foi batería en Schwarz. O nome do grupo provén dun tramo da autoestrada entre León e Benavente, bastante transitado polos catro músicos.
O primeiro traballo do grupo foi un álbum homónimo con dez cancións publicadas polo selo Marxophone en maio de 2013 tanto en CD como en vinilo. O primeiro sinxelo do álbum foi a canción "Ánimo, valiente", para o que gravaron un videoclip que se estreou o 13 de xuño de 2013 na páxina web de El País. O álbum tivo unha grande acollida e despois dalgúns concertos de presentación antes do verán, León Benavente conseguiu tocar nalgúns festivais de verán como o Sonorama ou o Arenal Sound.
O 10 de decembro de 2013 saíu á luz un EP de vinilo de 10 polgadas titulado Todos contra Todos, con novas cancións, tres propias e unha versión de "Europa ha muerto" de Ilegales". O 27 de xaneiro de 2014 púxose á venda un dobre CD edición especial que incluíu o álbum e o EP publicados anteriormente.
En abril de 2016, e tras tres anos de xira ininterrompida que os levou por toda España e fóra dela (destacando os numerosos concertos que ofreceron en México e que inspiraron o tema "Habitación 615"), publicouse o seu segundo LP, titulado simplemente “2”, xa co selo discográfico Warner. Foi gravado en Andoain e consta de 9 cancións. Publicaron tamén ese mesmo mes un sinxelo de vinilo con dous temas: "Tipo D" (incluído en 2) e "Televisión", canción na que participou Enrique Bunbury.
En 2017 pasaron a gravar os seus temas no estudo que instalou Edu Baos na súa casa, en Mozota. Alí gravaron o EP En la selva co que iniciaron unha xira por España participando en festivais como o Festival Interstellar de Sevilla, o Festival da Luz, en Boimorto ou o Festival de Cans. Durante o 2018 reduciron o número de concertos, entre os lugares nos que actuaron están o Náutico do Grove ou o Festival Cultura Inquieta de Madrid.
En 2019 publicaron o seu terceiro disco de longa duración, chamado Vamos a volvernos locos. Foi presentado nun concerto de Radio 3 o 12 de setembro e saíu á venda ao día seguinte. Conta coas colaboracións de Eva Amaral, María Arnal, Miren Iza e Sara Condado.
Membros Abraham Boba: voz e teclados. Eduardo Baos: baixo e sintetizador. Luis Rodríguez: guitarra eléctrica. César Verdú: batería e percusións.
Galería
Discografía León Benavente (2013) Todos Contra Todos (2013; EP) 2 (2016) En la selva (2017; EP) Vamos a volvernos locos (2019)
Premios
2014 - Premio El Ojo Crítico - Música Moderna 2018 - Premio Global da Música Aragonesa
Notas
Categoría:Grupos musicais de España Categoría:Grupos musicais formados en 2012 Categoría:Grupos musicais de indie rock