O cirrio das chemineas, Chaetura pelagica,Nalgunhas fontes antigas aparece a forma vencello de cheminea. Véxase: Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (3ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5, mais a RAG xa non acepta a forma vencello para referirse a este tipo de aves. é unha especie de cirrio pertencente á familia Apodidae. Esta ave está estreitamente emparentada con Chaetura vauxi e Chaetura chapmani e no pasado estes tres cirrios eran considerados conespecíficos. Non ten subespecies. Vive en América pero como ave errante pode atravesar o océano e a Galicia chegan algúns exemplares como aves accidentais raras.Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. Ch. pelagica é un paxaro gris feluxe de tamaño medio con ás delgadas e moi longas e patas moi curtas. Igual que todos os cirrios, non ten a capacidade de pousarse sobre pólas e só pode agarrarse verticalmente a superficies.

Aliméntase principalmente de insectos voadores, máis tamén de arañas transportadas polo aire. Xeralmente emparéllase para toda a vida. Constrúe un niño tipo ménsula feito de ramiñas e saliva pegada a unha superficie vertical, que adoita ser case sempre unha estrutura construída polo home, xeralmente unha cheminea, e a isto se debe o seu nome de cirrio das chemineas. A femia pon 4 ou 5 ovos brancos. As crías son altriciais e eclosionan aos 19 días e empluman un mes máis tarde. Como media viven uns 4,6 anos

Taxonomía e sistemática

Cando Carl von Linné describiu por primeira vez esta especie en 1758, deulle o nome de Hirundo pelagica, pensando que era unha anduriña. Esta confusión continuou ata o século XIX, cando os ornitólogos a chamaron "anduriña americana" (por exemplo, Mark Catesby) ou "anduriña de cheminea" (por exemplo, John James Audubon). En 1825, James Francis Stephens trasladouna xunto con outros cirrios pequenos de cola curta do Novo Mundo ao xénero Chaetura, onde desde entón permaneceu, aínda que algunhas autoridades do século XIX a asignaron a diversos xéneros hoxe obsoletos. Non ten subespecies. O seu parente máis próximo é Ch. vauxi. Os científicos cren que as dúas especies evolucionaron a partir dun antepasado común que foi obrigado a retirarse ás esquinas sueste e suroeste de Norteamérica polo avance glacial. Ao quedaren separados durante milenios por un vasto casquete de xeo, os superviventes evolucionaron dando lugar a dúas especies, que están aínda separadas por unha ampla área que cruza a parte media do continente. Tamén está estreitamente emparentado con Ch. chapmani. No pasado as tres especies eran ás veces tratadas como unha soa especie.

O nome do xénero Chaetura é unha combinación de dúas palabras do grego antigo: chaite, que significa 'seda, pelo' ou 'espiña', e oura, que significa 'cola'. Esta é unha axeitada descrición da cola da ave, xa que os talos das dez plumas da cola (rectrices) rematan en puntas saíntes agudas. O nome específico pelagica deriva da palabra grega pelagikos, que significa "do mar". Pénsase que isto é unha referencia ao seu estilo de vida nómade e non unha referencia ao mar, unha teoría reforzada pola asignación do nome específico sinónimo pelasgia (pola tribo nómade dos Pelasgos da antiga Grecia) a esta mesma especie feita por outros ornitólogos.

Descrición

É un cirrio de tamaño medio que mide de 12 a 15 cm de longo. cunha envergadura de 27 a 30 cm e un peso entre 17 e 30 g. Os sexos son idénticos en plumaxe, pero os machos son como media algo máis pesados que as femias. A plumaxe do adulto é de cor olivácea feluxe escura polas partes superiores e marrón por debaixo, cunha mitra e unhas plumas cobertoiras da parte superior da cola lixeiramente máis claras, e unha gorxa significativamente máis clara. As súas partes superiores son as máis uniformemente coloreadas de entre todos os cirrios do xénero Chaetura, e mostra pouco contraste entre o dorso e a mitra. O seu peteiro é negro, como tamén os pés e patas. Ten o iris marrón escuro. A plumaxe dos xoves é moi similar á dos adultos, pero con extremos abrancazados ata as partes externas das plumas secundarias e terciarias.

Ten unhas ás estreitas, curvadas e longas, que se estenden uns 3,8 cm alén da cola cando están pregadas. As puntas das ás son agudas, o que lle axuda a diminuír as turbulencias de aire (e, por tanto, o arrastre) durante o voo. O seu úmero (óso da parte interna da á) é bastante curto, mentres que os ósos en posición máis distal da á son alongados, unha combinación que lle permite bater as ás moi rapidamente. En voo mantén as ás ríxidas, alternando entre batidos rápidos e vibrantes e planeos máis longos. O seu perfil de voo é moitas veces descrito como un "cigarro con ás", unha descrición utilizada primeiramente por Roger Tory Peterson. Aínda que a ave a miúdo parece bater as ás asincronicamente durante o voo, os estudos fotográficos e estroboscópicos demostran que as bate ao unísono. A ilusión de que non é así aumenta polo seu tipo de voo moi errático e rápido, con moitos cambios súbitos de dirección.

As súas patas, igual que as dos outros cirrios, son moi curtas. Os pés son pequenos pero fortes, con dedas moi curtas que acaban en garras curvas afiadas. As dedas son anisodáctilas, é dicir tres dedas cara a adiante, e na maioría das aves unha traseira, pero neste cirrio a deda traseira (o hálux) pode xirar cara a adiante para conseguir un mellor agarre. A diferenza das patas e pés da maioría das aves, os deste cirrio non teñen escamas, senón que están cubertos de pel lisa.

A súa cola é curta e cadrada, e mide só de 4,8 a 5,5 cm de lonxitude. As súas dez plumas da cola teñen talos que se estenden uns 1,3 cm por detrás das últimas barbas da pluma, acabando en puntas ríxidas e agudas. Isto axuda ás aves a sosterse en superficies verticais.

Ten uns ollos grandes e moi metidos mas cuncas. Están protexidos por pequenos grupos de plumas tipo sedas negras e rexas, que están localizadas diante de cada ollo. O cirrio pode cambiar o ángulo destas plumas, co que pode reducir o resplandor cegador da luz. É unha ave hipermétrope e, como algunhas aves de presa, é bifoveal, é dicir, cada ollo ten unha fóvea temporal e outra central. As fóveas son pequenas depresións na retina nas que a agudeza visual é máxima, e contribúen a que a súa visión sexa especialmente aguda. Como a maioría dos vertebrados, pode enfocar ambos os ollos á vez; pero pode tamén enfocar un só ollo independentemente.

O seu peteiro é moi pequeno, cun culmen que mide só 5 mm de longo. Porén, a abertura máxima da súa boca é enorme, estendéndose por detrás baixo os ollos. A diferenza de moitas aves insectívoras, carece de sedas na base do peteiro.

Especies similares

É unha especie moi similar á estreitamente emparentada Chaetura vauxi, pero é algo máis grande, con ás e cola relativamente máis longas, e batidos alares máis lentos e unha maior tendencia a planar. Adoita ser máis escuro no peito e mitra que Ch. vauxi, aínda que hai certo solapamento en cor na plumaxe. Pode ser un 30 % máis pesado que Ch. vauxi, e as súas ás, que son proporcionalmente máis estreitas, mostran unha protuberancia pronunciada nas secundarias internas. Ch. pelagica é máis pequeno, máis claro e de cola máis curta que Cypseloides niger. En América Central, é moi similar a Chaetura chapmani, pero é máis claro (oliváceo mate en vez de negro brillante) e ten un contraste máis forte entre a súa gorxa clara e o resto das partes inferiores que o seu parente, que é máis uniforme en cor.

Distribución e hábitat miniatura|Os Ch. pelagica, como este nunha cheminea en Missouri, Estados Unidos, póusanse comunalmente cando non están en período reprodutor.

Ch. pelagica é un visitante reprodutor moi esperado en gran parte da metade leste dos Estados Unidos e zonas do sur do Canadá, que migra a América do Sur para pasar o inverno. É un visitante estival raro no oeste dos Estados Unidos, e foi rexistrado como ave errante en Anguila, Barbados, Groenlandia, Xamaica, Portugal, Galicia, os Estados Unidos e as Illas Virxes Estadounidenses. Encóntranse en campo aberto, sabanas, ladeiras boscosas e bosques húmidos.

Os terreos de invernada de Ch. pelagica non se descubriron ata 1944, cando se recuperaron aneis de aves aneladas en América do Norte no Perú.

Comportamento

É unha especie gregaria e raramente se ve soa. Xeralmente caza en grupos de dous ou tres, migra en bandadas pouco compactas de 6 a 20 exemplares e (unha vez que remata a estación reprodutora) dorme en enormes pousadeiros comunais constituídos por centos ou miles de individuos. Igual que todos os cirrios, é unha ave moi aérea e só raramente se ve pousada descansando. Bebe en voo, pasando a rentes da superficie da auga co bico aberto. Tamén se baña en voo, planeando sobre a tona da auga e tocando brevemente nela co seu peito, e elévase voando despois, sacudindo as plumas mentres se afasta. Foi rexistrada por pilotos que voaban a quilómetro e medio de altura, e un foi vista a 2200 m de altura. Non pode pousarse e sosterse ergueito como a maioría das aves, senón que se agarra a superficies verticais. Se é molestado cando está descansando, Ch. pelagica golpea fortemente as súas ás contra o corpo unha ou dúas veces; fai isto no lugar onde está ou se cae uns metros máis abaixo. Este comportamento pode orixinar un son forte parecido que lembra un trono cando se molesta a un grupo grande que estaba descansando. Crese que este son é a forma que ten a ave de asustar a potenciais predadores.

Alimentación

Como todos os cirrios, esta especie aliméntase en voo. Segundo algúns estudos o 95% do seu alimento son insectos voadores, como diversas especies de moscas, formigas, avespas, abellas, aleiródidos, áfidos, cocoideos, plecópteros e efémeras. Tamén come arañas que se transportan polo aire á deriva colgadas dos seus fíos. É un importante predador de especies que son pragas, como a formiga Solenopsis invicta (unha especie invasora) e o gurgullo Sitona hispidulus. Estímase que unha parella de adultos que teña que alimentar tres crías consome o peso equivalente a polo menos o de 5000 a 6000 insectos do tamaño dunha mosca doméstica ao día. Como moitas especies de aves, este cirrio regurxita periodicamente masas compostas polas partes indixeribles dos insectos que come.

Durante a estación reprodutora, polo menos a metade das súas incursións para alimentarse fainas nun raio de 0,5 km do seu niño; porén, este pode ser ás veces de ata 6 |km. Aínda que persegue e atrapa a maioría do seu alimento polo aire, unha parte tamén a captura na follaxe das árbores; a ave paira preto do final das pólas ou bótase desde niveis máis altos do dosel superior. Xeralmente voa bastante alto, aínda que descende durante o tempo chuvioso ou frío. Cando se alimenta, aparece regularmente en pequenos grupos e ás veces caza xunto con anduriñas, especialmente as anduriñas Hirundo rustica e Progne subis, formando bandadas mixtas de alimentación. Hai polo menos un rexistro dun caso en que un Ch. pelagica intentou roubar unha libélula que capturara unha anduriña Progne subis, e foi observado perseguindo outras P. subis. En xeral, aliméntase polo día e permanece activo ao inicio do serán. Porén, non hai rexistros, especialmente durante os períodos de migración, de que se alimenten de noite á luz de edificios iluminados.

A especie mostra dous picos de aumento de peso durante o ano: un ao inicio da estación reprodutora e outro máis alto pouco antes de que empece a migración ao sur en outono. Ten o peso máis baixo normalmente durante a estación reprodutora, cando empeza a completar a muda da plumaxe. O aumento de peso que experimenta antes da migración é menor que o dalgúns paseriformes, o que suxire que debe alimentarse en ruta en varios puntos en que fai escala.

Reprodución