A acuaporina 2 ou AQP2 é unha proteína que funciona como canle acuosa que se encontra nas membranas apicais das células principais dos condutros colectores dos riles e en vesículas intracelulares localizadas na célula. No ser humano está codificada polo xene AQP2 do cromosoma 12.

Regulación

É a única acuaporina regulada pola vasopresina. A función básica da acuaporina 2 é reabsorber a auga da urina, cando está sendo retirada do sangue polos riles. A acuaporina 2 encóntrase nas células epiteliais do ril e xeralmente está dormente en membranas de vesículas intracelulares. Cando se necesita, a vasopresina únese ao receptor de vasopresina da superficie celular, activando así unha vía de sinalización que causa a fusión de vesículas que conteñen acuaporina 2 coa membrana plasmática, polo que a acuaporina 2 pode ser utilizada pola célula. Esta acuaporina é regulada de dúas maneiras pola hormona peptídica vasopresina: Regulación a curto prazo (minutos) polo tráfico de vesículas de AQP2 á rexión apical, onde se fusionan coa membrna plasmática apical. Regulación a longo prazo (días) por un incremento na expresión do xene AQP2.

Esta acuaporina é tamén regulada pola inxestión de comida. O xaxún reduce a expresión desta acuaporina independentemente da vasopresina.

Importancia clínica

As mutacións nesta canle acuosa están asociadas coa diabetes insípida nefroxénica, que pode herdarse como carácter autosómico dominante ou recesivo. As mutacións no receptor da vasopresina causan un fenotipo similar ligado ao cromosoma X.

O litio, que se adoita utilizar para tratar o trastorno bipolar, pode causar diabetes insípida adquirida (caracterizada pola excreción de grandes cantidades de urina diluída) ao diminuír a expresión do xene AQP2.

A expresión do xene AQP2 increméntase en condicións asociadas coa retención de auga como o embarazo e a insuficiencia cardíaca.

Notas

Véxase tamñen Outros artigos Acuaporina

Bibliografía

Ligazóns externas GeneReviews/NCBI/NIH/UW entrada sobre a diabetes insípida nefroxénica

Categoría:Proteínas integrais de membrana