Pedro Areal Abreu, nado en Tui o 31 de agosto de 1967, é un deportista e policía galego que compite en piragüismo na modalidade de maratón.

Gañou cinco medallas no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón e foi seleccionado para dous Xogos Olímpicos, 1992 e 2000. Ademais, con 19 vitorias, é o piragüista máis laureado do Descenso Internacional do Sella, xunto a Bienvenido Pérez.

Traxectoria Comezou a súa carreira deportiva no Club Kayak Tudense e en 1984 logrou unha medalla de prata no Campionato de Europa de Piragüismo Júnior celebrado en Múnic, na categoría de C-2 1000. Na mesma categoría logrou unha medalla de prata nos Xogos Mediterráneos de 1991 xunto ao medallista olímpico Narciso Suárez. Ese mesmo ano participou, tamén con Narciso, no Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en París, finalizando en sexta posición no C-2 1000 metros.

Xa no Club Breogán do Grove logrouse clasificar para os Xogos Olímpicos de Barcelona 92 na categoría C-2 1000 formando parella con Narciso Suárez, pero finalmente non puideron competir debido a problemas físicos. En 1994 foi o primeiro piragüista español en gañar unha medalla nun Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón, xunto a Bienvenido Pérez, ao remataren terceiros. Era ademais a súa primeira participación. Repetiron medalla de bronce no seguinte mundial, en 1996, en Suecia. En 1997 participaron no Campionato de Europa, celebrado en Pavia, rematando en cuarta posición. Na seguinte cita mundial, en 1998 en Cidade do Cabo, quedaron á porta das medallas, na cuarta posición. A partir dese momento o Mundial pasou a celebrarse cada ano, e en 1999 en Győr, Areal formou parella con Bernardo Merchán no C-2 rematando en sétima posición. Foi seleccionado para os Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney, mais quedou no banco de suplentes.

No Mundial de 2001 celebrado no Reino Unido pasou a competir individualmente, no C-1, logrando subir ao podio en terceira posición. Repetiu resultado na mesma categoría no seguinte mundial, celebrado en Zamora, sumando a súa cuarta medalla nos mundiais. En 2003, participou no Campionato de Europa celebrado en Gdánsk, pero non puido rematar a súa carreira. Ese mesmo ano, no mundial de Valladolid rematou en quinta posición e en 2004, en Bergen, sexto.

Tras varias edicións ausente volveu ao mundial en 2008, na cita celebrada na República Checa, onde finalizou en sétima posición. No mundial de 2011, en Singapur, volveu á categoría C-2, formando parella con Tono Campos, e rematando en quinta posición.

En 2018, competiu no Campionato de Europa celebrado en Metković na categoría C-1, chegando á meta en oitava posición. En 2019, con 52 anos, volveu participar nun Mundial, na China, formando parella co catro veces campión do mundo pontevedrés, Óscar Graña. Finalizaron en quinta posición, nunha carreira na que o ouro foi para os tamén galegos Tono Campos e Diego Romero Fraga.

Ademais dos seus éxitos internacionais, participou numerosas veces no Descenso Internacional do Sella, tanto en C-1 como en C-2, logrando a vitoria da súa categoría en 19 edicións, o que o converte no deportista máis laureado desta competición, xunto a Bienvenido Pérez.

Recoñecementos En 2012 o Concello de Tui homenaxeou a Pedro Areal e a outros cinco deportistas olímpicos de Tui (Enrique Míguez Gómez, José Ignacio Bugarín, Jacobo Moroño, Jesús González Álvarez e Frank Casañas) nun acto no que se lle puxo a unha das rúas da vila o nome "Rúa Olímpicos Tudenses" e no que se inaugurou un monumento cos seus nomes, ampliados en 2016 coa inclusión de Óscar Carrera

En 2018, Areal e Bienvenido Pérez recibiron o Premio Valores do Sella, como os dous deportistas máis laureados da competición.

Palmarés internacional Campionato MundialAnoLugarMedallaEvento1994Ámsterdam () BronceC21996Vaxholm () BronceC22001Stockton-on-Tees () BronceC12002Zamora () BronceC12003Valladolid () BronceC1 Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Pedro Areal en CanoeResults.eu .

Categoría:Nados en Tui Categoría:Nados en 1967 Categoría:Piragüistas de Galicia