Donatella Francesca Versace, nada en Reggio Calabria o 2 de maio de 1955, é unha deseñadora de moda e empresaria italiana. É a directora creativa de Versace, división de Capri Holdings. Versace foi fundada polo seu irmán Gianni, e trala morte deste en 1997, Donatella herdou o 20% da compañía, converténdose na directora executiva. Versace foi vendida a Capri Holdings en 2018, aínda que Donatella continúa involucrada nela.
Traxectoria Primeiros anos e familia Donatella Versace naceu en Reggio Calabria, a máis nova de catro irmáns. O seu pai, Antonio, era vendedor e a súa nai, Francesca, era costureira. A súa irmá máis vella, Tina, faleceu con doce anos dunha infección por tétano mal tratada. O seu irmán, Santo, herdou o 30% de Versace trala morte de Gianni, e a filla de Donatella, Allegra, herdou o 50%.
Carreira na moda A mediados da década de 1970, Donatella seguiu o seu irmán máis vello, Gianni Versace, para dedicarse ao deseño de roupa de punto en Florencia. Planeaba traballar para o seu irmán no departamento de relacións públicas, mais, segundo ele dixo, era máis valiosa como "musa e crítica". A través da súa proximidade ás empresas do seu irmán, entrou no mundo da moda. Na década de 1980, Gianni lanzou un perfume dedicada a ela, Blonde, e deulle a súa propia marca, Versus, que Gianni dirixiu para ela ata a súa morte.
O 18 de xullo de 1998, un ano e tres días despois da morte de Gianni, Donatella Versace montou o seu primeiro espectáculo de alta costura para o Versace Atelier no Hotel Ritz de París. Construíu a pasarela sobre a piscina do hotel, como fixera o seu irmán cada tempada, aínda que nesta ocasión empregando cristal.
Donatella deseñou campañas publicitarias para Versace que incluíron a Jennifer Lopez, Madonna, Courtney Love, Christina Aguilera, Jonathan Rhys Meyers, Demi Moore, Nicki Minaj e Lady Gaga e converteu a Beyoncé e a January Jones como imaxes da marca.
A súa popularidade aumentou cando deseñou o vestido verde, tamén coñecido como "Jungle-Dress" ("Vestido-Selva"), que levou Jennifer Lopez na 42.ª cerimonia dos premios Grammy en 2000.
Donatella tamén deseñou o resort chamado Palazzo Versace Australia en Gold Coast, Queensland (Australia), que abriu en setembro de 2000.
Donatella tamén tivo un importante papel no deseño do Palazzo Versace Dubai, segundo hotel Palazzo Versace, aberto en novembro de 2016.
Entre outubro de 2002 e xaneiro de 2003, os vestidos máis coñecidos de Gianni e Donatella foron exhibidos no Victoria and Albert Museum de Londres.
Vida persoal Versace e o seu ex marido, o modelo estadounidense Paul Beck teñen unha filla, Allegra Versace Beck (nada o 30 de xuño de 1986), e un fillo, Daniel Versace (nado en 1989). Cathy Horyn describiu a visita ao seu apartamento en Milán en 1996: "Era un lugar luxoso, o salón feito con impresións de Versace, mai tamén era un fogar bonito e feminino".Orixinal en inglés: "It was a lavish place, the living room done in Versace prints, but it was also a beautiful and feminine home." Donatella durante un tempo tomou drogas e foi unha fervente fumadora.
O seu irmán Gianni Versace foi asasinado o 15 de xullo de 1997, no exterior da súa Casa Casuarina, tamén coñecida como Mansión Versace, en Miami. Como consecuencia do enormemente publicitado crime, a maioría da familia Versace, incluída Donatella, mudouse temporalmente a un resort privado no Caribe.
Con só once anos, Gianni persuadiuna para que tinguise o seu cabelo de loiro porque el era un gran seguidor da cantante italiana Patty Pravo.
Na cultura popular Versace fixo aparicións en moitos filmes relacionados coa moda e a súa industria, como Zoolander. Noutros filmes, incluído o éxito de 2006 The Devil Wears Prada, menciónase o seu nome.
Versace foi parodiada en varias ocasións por Maya Rudolph en Saturday Night Live.
Na serie de ABC Ugly Betty, unha personaxe ficticia chamaba "Fabia", interpretada pola actriz Gina Gershon, é unha parodia de Donatella. Gershon tamén interpretou a Versace como protagonista no telefilme de Lifetime House of Versace, estreada en 2013.
Lady Gaga escribiu para ela a canción "Donatella", publicada no álbum de 2013 Artpop. O argumento da segunda temporada da serie de televisión American Crime Story conta o asasinato do irmán de Donatella, Gianni Versace. Na serie foi interpretada por Penélope Cruz.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina oficial de Versace
Categoría:Nados en Calabria Categoría:Nados en 1955 Categoría:Deseñadores de moda Categoría:Empresarios do sector téxtil