David Mascato García, nado no Grove o 13 de outubro de 1975, é un fisioterapeuta e deportista galego retirado, que competiu en piragüismo nas modalidades de augas tranquilas e maratón. Foi tres veces subcampión do mundo e disputou dous Xogos Olímpicos (Sydney 2000 e Atenas 2004), nos que conseguiu dous diplomas olímpicos.
Traxectoria Comezou no piragüismo aos 11 anos, cando probou ese deporte no Club Breogán do Grove. Gustoulle e deixou os outros deportes que practicaba. En 1993 foi campión do mundo júnior en Copenhague nos C1 1000 metros e subcampión en C2 1000 metros, e en 1997 foi cuarto no C1 500m dos Xogos Mediterráneos celebrados en Bari. Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas de 1994, en Cidade de México, onde finalizou en oitava posición na proba de C1 1000 metros. Catro anos despois, no Mundial de Szeged, logrou un quinto posto no C2 1000 metros, formando parella co tamén grovense Alfredo Bea.
Ao ano seguinte gañou a súa primeira medalla internacional, no Campionato de Europa de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Zagreb, ao finalizar terceiro xunto a Bea no C2 500m, mentres que nos 1000 metros remataron quintos. Tamén quintos chegaron á meta no C2 1000 do Mundial dese mesmo ano, en Milán, mentres que foron cuartos nos 500.
No Europeo do ano 2000, en Poznan, participaron en tres distancias do C2 (200, 500 e 1000 metros) rematando en sétima, oitava e novena posición respectivamente. Ese ano participou nos seus primeiros Xogos Olímpicos, en Sydney. Competiu xunto a Alfredo Bea no C2 nas distancias de 500 e 1000 metros, logrando un diploma na primeira delas, ao finalizaren en cuarto lugar, ás portas das medallas.
En 2001 competiu en catro categorías no Europeo celebrado en Milán. Logrou dúas medallas xunto a Alfredo Bea: unha prata en C2 1000 e un bronce en C2 500. Ademais competiu nesas mesmas distancias no equipo de C4 formado por eles dous máis David Cal e José Manuel Crespo, finalizando en sétima e sexta posición. No Mundial dese ano, en Polonia, volveu colgarse outra medalla, unha prata no C2 1000 metros. Ao ano seguinte participou no Europeo en Szeged e no Mundial en Sevilla, sen lograr subir ao podio e obtendo tres quintos postos.
En 2003 quedou cun sexto e un sétimo posto no Mundial de Gainesville, nos Estados Unidos. Ademais de en augas tranquilas, ese ano participou na modalidade de maratón, logrando xunto a Bea en Valladolid a medalla de prata no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón. Ao ano seguinte participou nos seus segundos Xogos, en Atenas 2004. Rematou cun sétimo posto no C2 1000, mentres que nos 500 metros non logrou meterse na final.
A súa seguinte medalla chegou en 2008, no Mundial de maratón celebrado na República Checa, onde gañou o bronce formando parella con Ángel Rivademar. Ao ano seguinte, co mesmo compañeiro gañou a prata no Campionato Europeo de Piragüismo en Maratón, en Polonia, ao chegaren á meta segundos por detrás de Óscar Graña e Ramón Ferro. Repetiron prata no Mundial dese ano en Portugal. En 2010 competiu no Europeo de Augas Tranquilas celebrado na localidade asturiana de Trasona, no equipo de C4 formado por el, Tono Campos, Diego Romero e Damián Ramos. Finalizaron en sétimo lugar.
Vida persoal Diplomouse en Maxisterio en Educación física e obtivo o Grao en Fisioterapia da Universidade de Vigo. Está casado coa piragüista Teresa Portela, seis veces olímpica e medallista en Toquio 2020, xunto á que rexenta unha clínica de fisioterapia no Grove. Teñen unha filla, Naira, nada en 2014.
Recoñecementos En 2010 foi galardoado coa medalla de bronce da Real Orde do Mérito Deportivo. En 2011 foi nomeado fillo predilecto do Grove.
Palmarés internacional
+Piragüismo en augas tranquilas Campionato do Mundo Ano Lugar Medalla Competición 2001 Poznan () Prata C2 1000 m Campionato de Europa Ano Lugar Medalla Competición 1999 Zagreb () Bronce C2 500 m 2001 Milán () Bronce C2 500 m 2001 Milán () Prata C2 1000 m
+Piragüismo en maratón Campionato do Mundo Ano Lugar Medalla Competición 2003 Valladolid () Prata C2 2008 Týn nad Vltavou () Bronce C2 2009 Crestuma () Prata C2 Campionato de Europa Ano Lugar Medalla Competición 2009 Ostróda () Prata C2
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Alfredo Bea
Ligazóns externas
Ficha de David Mascato no sitio web do Comité Olímpico Español . David Mascato en CanoeResults.eu . David Mascato en Sports Reference . Lista de medallistas olímpicos e mundiais no piragüismo (1936-2007): 1ª parte, segunda parte . Federación Internacional de Piragüismo (en inglés).
Categoría:Nados no Grove Categoría:Nados en 1975 Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2000 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2004