O Aup d'Ueis (Alpe d'Huez en francés) é unha estación de inverno dos Alpes, situada sobre os antigos pasteiros da viliña de Ueis, no departamento de Isère. Desenvolveuse a partir dos anos 1930. Nela instalouse en 1936 a primeira remonta mecánica de tipo telesquí. Entre as particularidades da estación débese destacar a existencia dunha pista, a Sarenne, de 16 km, que desce dos 3 300 m aos 1 500 m.
Historia O territorio de Aup d'Ueis estivo ocupado dende a Idade Media, e baseaba a súa economía na explotación dunha mina de prata. Tamén foi nesta viliña onde o botánico Gaston Bonnier encetou a súa Flora de Francia en 1871.
Deporte
Esquí A estación do Aup d'Ueis forma parte dun dos maiores espazos esquiábeis de Francia. Ten 10.000 hectáreas, das que en 800 se pode practicar o esquí, cun desnivel de 2230 m entre o Cumio do Lago Branco a 3 327 m e o Enversin d'Oz, a 1 100 m. Ten 84 remontas mecánicas, de diversos tipos. Hai nas súas instalacións 121 pistas sinaladas, das que 38 son verdes, 32 azuis, 34 vermellas e 17 negras (entre as que se atopa a ementada Sarenne). A cobertura da neve garántena 770 canóns, que chegan a 62 km de pista.
Ciclismo A subida ao Aup d'Ueis é unha das tiradas clásicas do Tour de Francia, moi interesante tanto para os ciclistas de competición como para os espectadores. A suba ten uns 14 quilómetros de lonxitude, cunha pendente media do 8% e que chega ata o 12% nalgunhas partes. A estrada que leva do Bourg d'Oisans ata o Aup d'Ueis está composta por 21 ramplas numeradas para que servisen nun comezo de referencia ás máquinas ripaneves. A suba está preparada para os ciclistas afeccionados, que poden acreditar o seu percorrido clicando unha tarxeta ao comezo e ao final da costa.
A primeira vez que chegou o Tour de Francia ata acó foi no ano 1952, cunha vitoria de Fausto Coppi, pero non foi ata os anos setenta cando a suba se converteu nunha tirada inescusábel do percorrido da rolda gala no seu treito alpino. Estes foron os seus vencedores: 2006 : Franck Scleck (Luxemburgo) 2004 : Lance Armstrong (Estados Unidos) 2003 : Iban Mayo (Euscadi) 2001 : Lance Armstrong (Estados Unidos) 1999 : Giuseppe Guerini (Italia) 1997 : Marco Pantani (Italia) 1995 : Marco Pantani (Italia) 1994 : Roberto Conti (Italia) 1992 : Andrew Hampsten (Estados Unidos) 1991 : Gianni Bugno (Italia) 1990 : Gianni Bugno (Italia) 1989 : Gert-Jan Theunisse (Países Baixos) 1988 : Stephen Rooks (Países Baixos) 1987 : Federico Echave (España) 1986 : Bernard Hinault (Francia) 1984 : Luis Herrera (Colombia) 1983 : Peter Winnen (Países Baixos) 1982 : Beat Breu (Suíza) 1981 : Peter Winnen (Países Baixos) 1979* : Joop Zoetemelk (Países Baixos) 1979* : Joaquim Agostinho (Portugal) 1978 : Hennie Kuiper (Países Baixos) 1977 : Hennie Kuiper (Países Baixos) 1976 : Joop Zoetemelk (Países Baixos) 1952 : Fausto Coppi (Italia)
* ''en 1979 chegaron ao cumio dúas tiradas distintas do Tour
Ligazón externa
Web oficial do Aupe d'Ueis
Categoría:Estacións de esquí de Francia Categoría:Tour de Francia