Manuel Antonio Pérez Sánchez, máis coñecido como Manoel Antonio ou Manuel Antonio, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados (Rianxo) o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego en lingua galega, o máximo representante do movemento vangardista na literatura galega. Asistiu á II Asemblea Nacionalista en Compostela (1919), á III en Vigo (1921) e á IV en Monforte (1922). Mantivo arreo fortes conviccións, intentando casar o anarquismo individualista co galeguismo independentista e chamou á defensa radical do monolingüismo en galego. En 1922 publicou, xunto a Álvaro Cebreiro, o manifesto vangardista "Máis alá!", crítico coa literatura que consideraba retrógrada e propia doutras épocas. Participou no consello de redacción da revista Ronsel.
En vida unicamente publicou o poemario De catro a catro (17 de marzo de 1928), obra fundamental na lírica galega do século XX. Este libro foi concibido durante as súas travesías polo Atlántico e o Mediterráneo, como piloto de navío en prácticas no pailebote Constantino Candeira. Escribiu tamén Con anacos d´o meu interior, Foulas, Sempre e mais dispois e Viladomar, publicados postumamente, en 1972, baixo o título Poesías I, nunha edición de Domingo García-Sabell.
Entre as súas influencias literarias estiveron Vicente Huidobro, Gerardo Diego, Arthur Rimbaud, Jules Supervielle e Guillaume Apollinaire. Tamén estivo atento ás repercusións culturais das novas teorías científicas (coma a Teoría da Relatividade de Einstein).
Encádrase habitualmente a figura e a obra de Manuel Antonio na chamada Xeración de 1925, que outros estudosos definen como Novecentistas, Xeración de 1922 ou tamén Vangarda plena.
Foille dedicado o Día das Letras Galegas no ano 1979.
Traxectoria biográfica Manuel Antonio naceu no seo dunha familia conservadora, fillo de Ramón Pérez e Purificación Sánchez Vázquez. Os avós maternos foron Gregorio Sánchez Triñanes (natural de Boiro) e María Vázquez Seco, tíos e padriños do crego Valentín Losada Vázquez.
Aos dous anos foi vivir a Padrón por causa da tuberculose do pai, quen morrería cando Manuel Antonio tiña catro anos. Viviu primeiro na casa da avoa materna e despois co seu tío crego José Sánchez Vázquez, sochantre na igrexa de Iria.
Cando en 1918, durante a primeira guerra mundial, Alemaña atacou barcos franceses, Manuel Antonio e mailo seu curmán Roxelio pedíronlle ao embaixador francés na Coruña que os alistase na Lexión Estranxeira. Ante a negativa deste, decidiu ir el mesmo a Francia. Porén, foi detido na fronteira e pasou uns días no cárcere. miniatura|De esquerda a dereita: Manuel Antonio, Manuel Rodríguez Castelao, Rafael Dieste, José Losada Castelao e Laureano Lorenzo, en 1920. Residiu en Santiago desde 1914 para estudar o Bacharelato e en 1919 trasladouse a Vigo para cursar a carreira de Náutica, que rematou en 1923. Chegou a matricularse ese ano na Facultade de Filosofía e Letras da universidade compostelá, pero non chegou a rematar os estudos.
Entre 1926 e 1927 fixo as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do pailebote Constantino Candeira, con Augusto Lustres Rivas como capitán. A el dedicoulle De catro a catro, poemario concibido durante as travesías no barco.
En 1928 e 1929 fixo tres viaxes a América a bordo do buque neerlandés Gelria, En 1929 desembarcou en Cádiz polo agravamento da tuberculose que padecía, da que só sabían unhas poucas amizades. O 28 de xaneiro de 1930 faleceu na parroquia de Asados.
Formación, compromiso e actividade literaria
Primeira xuventude As primeiras ensinanzas recibiunas no ambiente familiar, conservador e relixioso, contra o que xa dende ben novo combateu o seu espírito inquedo. Con once anos, durante unha estadía en Cangas de Morrazo co seu parente Valentín Losada, escribiulle unha carta á súa nai. Comunicoulle a decisión de non seguir a carreira eclesiástica e matriculouse en 1913 no Instituto de Santiago para estudar o bacharelato. Alí viviu a partir de 1914 durante o curso escolar.
Compostela quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comezou a militancia no galeguismo e o republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que compartía o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, quen o animou a participar na vida literaria e política dende a mocidade. miniatura|Casa museo de Manuel Antonio Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Porén, as cuestións políticas e literarias atraíano cada vez máis. Adoptou sempre unha actitude radical e rebelde, oposta ao ambiente en que pasou a infancia. Viviu e participou con intensidade o momento social e político. A súa primeira rebeldía é contra o carlismo e, por extensión, a xermanofilia.
Do anticaciquismo ao nacionalismo. Iniciación editorial En 1918, con dezasete anos, enviou os seus primeiros poemas a revistas e xornais. Chegou a manter unha polémica co director da revista compostelá Suevia sobre a calidade das súas coposicións. Pouco a pouco comezou a tomar conciencia na loita anticaciquil que espallaba o agrarismo e fixo dos seus poemas unha arma de loita, mesmo en contra da ideoloxía familiar. De feito, por ese motivo algunha vez solicitou que ao pé do poema só constasen as súas iniciais.
En 1919 enviou un soneto a La Redención, "O sol d'a liberdade". O director rexeitouno porque os versos empregados non eran hendecasílabos, conforme os canons clásicos. Con todo, aconselloulle seguir escribindo textos en prosa de contido civil e animouno no seu interese polo movemento agrarista. Dende ese momento, as súas preocupacións centráronse na loita anticaciquil, no nacionalismo e mais na súa produción literaria, integramente en galego, agás uns poucos poemas iniciáticos. miniatura|300px|Asistentes á IV Asemblea Nacionalista. Entre outros: Castelao, Ánxel Casal, Antón Losada Diéguez, Antón Villar Ponte, Manuel Antonio, Roberto Blanco Torres e Otero Pedrayo.
Correspondencia con Castelao e Risco Tamén en 1919 Rafael Dieste e Manuel Antonio escribíronlle a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para que mediase entre eles e Vicente Risco. Risco era recoñecido como o guieiro teórico do grupo Nós e mais da mocidade con inquedanzas nacionalistas e literarias, ao ser o máis informado das novidades artísticas que se estaban a dar en Europa. Foi tamén o ourensán quen lle enviou noticia a Manuel Antonio dos movementos de vangarda en Europa e en España.
Porén, Risco estaba pouco convencido do interese desas correntes para a literatura galega, malia escribir o primeiro poema futurista en galego en 1920. Así, recomendoulle a Manuel Antonio que reparase en aspectos, ao seu ver, importantes para a nova literatura galega, como o folclore.
Sobre este aspecto, Manuel Antonio mantivo ampla correspondencia con Castelao. Deste xeito, tentou examinar a maneira máis axeitada de incluír elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo, o saudosismo portugués ou os haiku xaponeses. Castelao recomendoulle a procura dun estilo de seu, sinxelo, non marcado por escolas literarias.
Un lector ávido. A radicalidade política e literaria A súa información literaria e política procedía, amais, dun amplo abano de lecturas. Recibía case todas as publicacións literarias e galeguistas do momento, entre elas A Nosa Terra, Nós, Céltiga, La Centuria ou Alfar. Tamén intercambiaba recomendacións e libros coas súas amizades, con quen combinaba figuras clásicas con outras máis modernas.
Desde o punto de vista das influencias, tivo especial relevancia La poésie d'aujourd'hui, un nouvel état d'intelligence (1921), de Jean Epstein. Está obra maniféstase de xeito singular no proceso de supresión da secuencia espazo-temporal, aspecto que Manuel Antonio levou adiante nas páxinas de De catro a catro.
En 1919, por consello do seu curmán Roxelio, comezou os estudos de Náutica en Vigo, unha cidade que describira parodicamente:
Porén, nesta cidade tivo a ocasión de participar na III Asemblea Nacionalista en 1921 e coñecer en persoa as figuras máis sobranceiras do galeguismo, entre eles Risco, co que unicamente mantivera correspondencia. Dela saíu fortemente combativo e convencido polo ideario nacionalista.
Este feito provocoulle discusións cos seus amigos da infancia, Roxelio e mais Dieste, por non adoptaren un compromiso tan radical coma o seu. ISBN 84-9749-506-6. Comezou a cartearse con Victoriano Taibo, esteticamente continuador da liña tradicional de Ramón Cabanillas, mais que soubo recoñecer e admirar a poética do rianxeiro e a súa novidade. Así o demostraba unha carta na que lle pedía información sobre a poesía moderna. miniatura|Cadro de persoal de Ronsel A partir de 1921 Manuel Antonio comezou unha intensa actividade literaria. Colaborou en xornais e revistas, entre elas a betanceira Rexurdimento (na que participaran Cabanillas, López Abente, Victoriano Taibo etc.) ou a coruñesa Alfar, na que participaban importantes vangardistas da literatura española. Tamén formou parte do consello de redacción da luguesa Ronsel.
En 1922 publicou, xunto con Álvaro Cebreiro, o manifesto "Máis alá!", que eles mesmos espallaron por Galicia e o estranxeiro. Este manifesto é o único que aparece como tal na literatura galega da época. Con todo, houbo outros artigos asinados polo autor, como "Prólogo de un libro de poemas que ninguén escribeu" (1924)Publicado no xornal Galicia, de Vigo, o 25 de xullo de 1924 ou "Fatiguémonos" (1926), aparecidos en Galicia. Diario de Vigo. "Máis alá!" foi un auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, representado daquela polas Irmandades da Fala. Dende o colectivo viuse nel un ataque político concibido por Antón Villar Ponte, mais non desatou unha polémica da intensidade que esperaban os seus autores.
Da vangarda á soidade. Prosas e traducións. Últimos anos Xa feita a carreira de Náutica e á espera das prácticas, seguía a actualidade literaria a través da prensa. Lía case todas as revistas publicadas en Galicia e mais algunhas estranxeiras. Tamén intercambiaba lecturas coas súas amizades, pois non formou parte activa dos parladoiros literarios. Estes eran máis propios da cidade ca dunha vila mariñeira coma Rianxo, "onde non tiña xa con quen compartir inquedanzas artísticas" (dille a Dieste nunha carta que "Rianxo segue a disputarlle a Roma o nome de Cidade Eterna").
1928 foi o ano de publicación do seu único libro en vida, De catro a catro. Nel participaron Dieste, quen xestionou as cuestións editoriais, e mais Carlos Maside como ilustrador.
Máis descoñecida, por breve, fragmentaria ou inacabada, é a prosa do autor rianxeiro, sempre incisiva, novidosa (trata temas pouco habituais, como o suicidio na emigración) e cun afán case obsesivo polo rigor. Para Manuel Antonio resultaba do maior interese a cuestión lingüística, en especial o léxico; dedicou horas de observación e de estudo ao vocabulario do ambiente marítimo, Participou, ademais, na polémica entre os defensores dunha ortografía máis etimolóxica —próxima ao portugués— e outra máis fonética e sinxela, tomando intenso partido, por esta última.
Cómpre rexistrar, finalmente, a súa actividade como tradutor ao galego desde o francés ou o inglés. Aínda que escasa, é moi significativa polos autores escollidos (Rimbaud, Mallarmé, Apollinaire, Edgar Allan Poe).
A soidade vital do poeta, da que dan fe tanto os propios textos creativos coma os diarios de navegación, foise acentuando. Xa non enviaba poemas á prensa con tanta frecuencia e a súa produción literaria última escolleu construírse amodo, dunha maneira coidada e persoal. Intensificouse o individualismo na vida e na obra: a súa particular imaxe externa, arredada dos convencionalismos burgueses, mostrábase máis achegada ao mariñeiro que ao literato de cenáculo.
Problemas de fixación textual. Significación posterior