House, tamén coñecida como House, M.D., é unha serie de televisión estadounidense emitida orixinalmente na cadea Fox durante oito tempadas, dende o 16 de novembro de 2004 ata o 21 de maio de 2012. O protagonista da serie é o doutor Gregory House (Hugh Laurie), un xenio da medicina pouco convencional e misántropo que, malia a súa dependencia de ós calmantes, lidera un equipo de diagnose no hospital ficticio Princeton–Plainsboro de Nova Jersey. A idea para a premisa da serie partiu de Paul Attanasio, mentres que David Shore, acreditado como o creador da serie, foi o responsable principal da concepción do personaxe protagonista. Outros dos produtores executivos da serie foron Katie Jacobs e o director de cinema Bryan Singer. A serie rodouse na súa maioría no distrito Century City do condado dos Ánxeles.
Durante a serie House adoita enfrontarse cos seus compañeiros de profesión, incluíndo co seu propio equipo médico, xa que as súas hipóteses sobre as doenzas dos pacientes baséanse en percepcións sutís ou controvertidas. O seu incumprimento das normas e procedementos do hospital lévao con frecuencia a manter conflitos coa administradora do hospital, a doutora Lisa Cuddy (Lisa Edelstein), mentres que o seu único amigo verdadeiro é o doutor James Wilson (Robert Sean Leonard), xefe do departamento de oncoloxía. Durante as tres primeiras tempadas o seu equipo de diagnóstico está formado polo doutor Robert Chase (Jesse Spencer), a doutora Allison Cameron (Jennifer Morrison) e o doutor Eric Foreman (Omar Epps). Ó fin da terceira tempada o equipo disólvese. Foreman volve de novo ó equipo e House realiza unha selección gradual de tres novos membros para o equipo: a doutora Remy "Thirteen" Hadley (Olivia Wilde), o doutor Chris Taub (Peter Jacobson) e o doutor Lawrence Kutner (Kal Penn). Mentres tanto Chase e Cameron continúan realizando aparicións en distintos papeis dentro do hospital. Kutner falece nun dos últimos capítulos da quinta tempada. Nun dos primeiros capítulos da sexta tempada Cameron marcha do hospital e Chase volve ó equipo de diagnóstico. Thirteen toma unha excedencia durante a maioría da sétima tempada, sendo substituída pola estudante de medicina Martha M. Masters (Amber Tamblyn). Cuddy e Masters marchan antes da oitava tempada, na que Foreman pasa a ser o novo administrador do hospital e as doutoras Jessica Adams (Odette Annable) e Chi Park (Charlyne Yi) únense ó equipo de House.
House estivo entre as 10 series de maior audiencia nos Estados Unidos dende a súa segunda tempada ata a cuarta. Distribuída e emitida en 66 países, House foi o programa de televisión de maior audiencia no mundo no ano 2008. O 8 de febreiro de 2012 a Fox anunciou que a oitava tempada, entón aínda en progreso, sería a última da serie. A serie obtivo numerosos premios televisivos, incluíndo cinco premios Emmy, dous Globos de Ouro, un premio Peabody e nove premios People's Choice Awards.
Argumento xeral O doutor Gregory House, interpretado coma un misántropo xenio da medicina, lidera un equipo de diagnose médica no hospital Princeton-Plainsboro de Nova Jersey. A maioría dos episodios tratan sobre a diagnose dun paciente principal e comezan cunha apertura en frío nun escenario externo ó hospital, amosando os eventos previos ó comezo dos síntomas do paciente. O episodio tipo segue as accións do equipo no seu intento de diagnosticar e tratar a doenza do paciente, e habitualmente non o conseguen ata que a condición do paciente chega a un estado crítico. Os pacientes tratados adoitan ser casos que outros doutores non diagnosticaron con certeza, e House rexeita de forma rutineira os casos que non considera interesantes. A liña argumental tende a centrarse nas súas teorías e prácticas médicas pouco convencionais, e nas reaccións do resto de personaxes a estas, no canto de centrarse nos detalles dos tratamentos.
O equipo emprega o método de diagnóstico diferencial, listando as posibles etioloxías nun taboleiro branco, procedendo a riscar a maioría deles seguindo razoamentos lóxicos para a súa eliminación, na maioría de ocasións por parte de House, ata quedar co máis plausible. Habitualmente o diagnóstico está errado polo menos nunha ocasión, polo que o paciente recibe tratamentos inútiles ou prexudiciais, provocándolle novas complicacións que segundo a súa natureza fornecen novas probas valiosas para o equipo e eventualmente axúdanlles a dar co diagnóstico correcto. House adoita chegar ó diagnóstico correcto aparentemente do nada, habitualmente inspirado por un comentario ou observación superficial doutra das personaxes. Os diagnósticos utilizados na serie varían dende doenzas relativamente comúns ata doenzas moi raras.
O equipo ten que facer fronte a dificultades no diagnóstico derivadas dos propios pacientes, que lles agochan síntomas, circunstancias e historias persoais, polo que House adoita proclamar durante as deliberacións en equipo as frases "O paciente mente" () ou "Todo o mundo mente" (). Este tipo de suposicións guían as súas decisións e diagnósticos, utilizando métodos pouco convencionais ou incluso ilegais de forma rutineira, como por exemplo entrar sen permiso nas casas dos pacientes para investigalos. Debido a que gran parte das súas hipóteses están baseadas en epifanías ou percepcións controvertidas, adoita ter problemas para obter o permiso do seu superior para realizar o tratamento correspondente que considera necesario, que agás na última tempada é a administradora do hospital, a doutora Lisa Cuddy. Isto acentúase nos casos en que os tratamentos propostos teñen un alto grao de risco ou son eticamente cuestionables. Son habituais os desacordos entre House e o seu propio equipo, e especialmente coa doutora Allison Cameron, cuns estándares de ética médica máis conservadores que os do resto de personaxes.
Ó igual que o resto de doutores do hospital, House ten que tratar tamén a pacientes de atención primaria na clínica do hospital. Estas tarefas realizadas de forma reticente xunto cos seus creativos métodos para evitalas constitúen unha subtrama recorrente, servindo habitualmente como alivio cómico para a serie. Durante o seu traballo na clínica House desconcerta ós pacientes con observacións inoportunas sobre as súas vidas persoais, prescricións excéntricas e tratamentos pouco ortodoxos. Porén, tras parecer pouco atento ás súas queixas, déixaos impresionados con diagnósticos rápidos e precisos. As analoxías con algúns destes casos sinxelos na clínica axúdanlle en ocasións a solucionar o caso principal do seu equipo.
Un dos elementos importantes da trama é o consumo de Vicodina por parte de House para tratar a dor que sofre debido a un infarto no seu cuadríceps cinco anos antes do comezo da primeira tempada da serie, que lle obriga tamén a utilizar un bastón. No 11º episodio da primeira tempada, titulado "Detox", House admite que é un adicto á Vicodina, mais afirma que non ten un problema porque di que as pílulas "axúdanme a facer o meu traballo, e quítanme a dor". A súa adicción dá lugar a que os seus colegas, a doutora Cuddy e o doutor James Wilson, lle animen a ir a unha clínica de rehabilitación en varias ocasións. Cando non ten acceso á Vicodina ou experimenta unha dor moi intensa, automedícase con outros narcóticos analxésicos como a morfina, a oxicodona, ou a metadona. House adoita beber alcol cando non está de servizo médico, e clasifícase a si mesmo como un "gran bebedor". Cara a fin da quinta tempada House comeza a sufrir alucinacións, e tras eliminar outros posibles diagnósticos determina xunto a Wilson que a súa adicción á Vicodina é a causa máis probable destas. Tras rexeitar isto durante un breve período de tempo, no capítulo final da quinta tempada ingresa voluntariamente no hospital psiquiátrico Mayfield. No primeiro episodio da sexta tempada House sae de Mayfield coa súa adicción baixo control. Porén, no 15º episodio da sétima tempada, titulado "Bombshells", House recibe a nova de que Cuddy posiblemente ten cancro de ril provocado pola Vicodina, e acaba por recaer de novo na súa adicción.
Elenco e personaxes
Nome Representado por OcupaciónTempadas1 2 3 4 5 6 7 8 Dr. Gregory House Hugh Laurie Especialista en doenzas infecciosas, nefrólogo e xefe do departamento de medicina diagnóstica colspan="8" Dra. Lisa Cuddy Lisa Edelstein Endocrinóloga, administradora do hospital colspan="7" Dr. Eric Foreman Omar Epps Neurólogo, medicina diagnóstica, administrador do hospital colspan="8" Dr. James Wilson Robert Sean Leonard Xefe do departamento de oncoloxía colspan="8" Dra. Allison Cameron Jennifer Morrison Inmunóloga, medicina diagnóstica colspan="6" Dr. Robert Chase Jesse Spencer Cirurxián, médico intensivista, cardiólogo, xefe do departamento de medicina diagnóstica (final da serie) colspan="8" Dr. Chris Taub Peter Jacobson Cirurxián plástico, medicina diagnóstica colspan="3" colspan="5" Dr. Lawrence Kutner Kal Penn Especialista en medicina deportiva, medicina diagnóstica colspan="3" colspan="2" colspan="2" Dra. Remy "Thirteen" Hadley Olivia Wilde Internista, medicina diagnóstica colspan="3" colspan="5" Dra. Martha Masters Amber Tamblyn Doutora en Matemáticas aplicadas e Historia da arte, estudante de medicina colspan="6" Dra. Jessica Adams Odette Annable Doutora dunha clínica penitenciaria, medicina diagnóstica colspan="7" Dra. Chi Park Charlyne Yi Neuróloga, medicina diagnóstica colspan="7" Personaxes principais
Durante a tirada da serie seis dos actores recibiron a acreditación de protagonistas, todos eles representando doutores que traballan no hospital ficticio Princeton-Plainsboro de Nova Jersey. O doutor Gregory House (Hugh Laurie), o personaxe principal que dá título á serie, dirixe o departamento de medicina diagnóstica do hospital. House descríbese a si mesmo coma "un diagnosticador certificado cunha dobre especialidade en doenzas infecciosas e nefroloxía". O doutor James Wilson (Robert Sean Leonard), o único amigo verdadeiro de House, é o xefe do departamento de oncoloxía do hospital. A endocrinóloga Lisa Cuddy (Lisa Edelstein) é a administradora do hospital e a xefa de House. House mantén unha relación complexa con Cuddy, e as súas interaccións adoitan involucrar un alto grao de insinuacións e tensión sexual. No sexto episodio da quinta tempada, titulado "Joy", Cuddy e House bícanse por primeira vez na serie. A súa relación física non progresa durante a quinta tempada. No episodio final desta tempada House pensa que mantivo unha relación sexual con Cuddy, pero isto resulta ser unha alucinación provocada pola súa adicción á Vicodina. No episodio final da sexta tempada Cuddy revélalle a House que está namorada del. Os dous bícanse e acordan tentar sacar adiante a súa relación como parella. Durante a sétima tempada House e Cuddy procuran que a súa relación funcione, mais no último episodio desta tempada rematan a súa relación de forma efectiva.
O equipo de diagnóstico orixinal de House está composto polo neurólogo Eric Foreman (Omar Epps), o intensivista Robert Chase (Jesse Spencer) e a inmunóloga Allison Cameron (Jennifer Morrison). No episodio "Family" da terceira tempada Foreman anuncia a súa dimisión, dicíndolle a House: "Non quero converterme en ti". No episodio final desta tempada House dille a Chase que ou ben aprendeu todo o que podía, ou non aprendeu nada, e despídeo do equipo. Cameron, que durante a tempada desenvolve unha afinidade con Chase, dimite xusto despois. Isto deixa a House sen un equipo para o comezo da cuarta tempada.