dereita|miniatura|Casa natal en Casdemiro. Frei Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro, nado en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar), o 8 de outubro de 1676 e finado en Oviedo o 26 de setembro de 1764, foi un relixioso bieito, escritor e pensador galego. Xunto co valenciano Gregorio Mayans e os portugueses António Nunes Ribeiro Sanches e o Marqués de Pombal, constitúe a figura máis destacada da primeira Ilustración na Península Ibérica.

Escribiu unha serie de ensaios baixo o título de Teatro crítico universal (1726-1764), considerados como a obra cume da Ilustración en lingua castelá.

Traxectoria

Era fillo primoxénito dunha familia fidalga, o seu pai foi Antonio Feijoo Montenegro e Sanjurjo e a súa nai María de Puga Sandoval Novoa e Feijoo. Logo de facer os estudos primarios no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, pouco antes de facer os 14 anos ingresou na Orde de San Bieito, polo que tivo que renunciar aos seus dereitos como morgado. Ordenouse como sacerdote no mosteiro de San Xulián de Samos, e estudou Teoloxía na Universidade de Salamanca. Foi profesor durante oito anos no mosteiro de San Salvador de Lérez, catro anos como pasante e catro como titular. Acadou mediante oposición unha cátedra na Universidade de Oviedo. En Oviedo residiu dende 1709, no colexio bieito de San Vicente.

Obra

Feijoo está considerado o primeiro ensaísta da literatura en lingua castelá, e un dos pioneiros xunto a Gregorio Mayans da considerada Primeira Ilustración Española, desde 1737 até pouco despois da morte de Fernando VI. Amais, está considerado precursor das ideas de frei Martín Sarmiento.

Non publicou as súas obras até 1725, e fíxoo en forma de coleccións de opúsculos polémicos que chamou discursos (de discorrer, disertar libremente). Neste xénero intégranse os oito volumes (118 discursos), máis un suplemento adicional do Teatro crítico universal (coa acepción de teatro como «panorama» ou visión xeral de conxunto), publicados entre 1726 e 1739. Doutra banda, están os cinco volumes das Cartas eruditas y curiosas, publicadas entre 1742 e 1760 e compostas por 166 ensaios máis curtos. Amais, cómpre sumar un tomo extra de Adiciones publicado en 1783 e a súa copiosa correspondencia privada.miniatura|Placa no Mosteiro de Lérez. Nos Discursos varios en todo género de materias para desengaño de errores comunes trata temas de distintas ciencias e actividades humanas e, polo seu propósito de discorrer acerca das falsas crenzas e as supersticións, entre outros erros difundidos no pobo, chamáronlle "o desenganador das Españas". Polo seu carácter enciclopédico, esta obra insírese na tradición das misceláneas, ao estilo da Silva de varia lección de Pero Mexía (século XVI)."Benito Jerónimo Feijoo". Microsoft Encarta 2009 Biblioteca Premium (DVD). Microsoft Corporation. 2009 .

A súa obra espertou curiosidade, pois foi traducida ao francés, inglés, italiano e alemán. miniatura|Unha estatua de Feijoo, 1947, obra de Asorey, preside o claustro grande de Samos. Os seus discursos provocaron rexeitamento entre as comunidades tomista e escolástica, con críticas de Ignacio de Armesto Osorio, Francisco de Soto Marne, Salvador José Mañer e Diego de Torres Villarroel entre outros. Porén, foi defendido polo doutor Martín Martínez e os frades Isla e Martín Sarmiento, amais do propio rei Fernando VI, que mediante un real decreto de 1750 prohibiu que se lle atacase.

Consideracións sobre a igualdade de xénero Feijoo defendía a igualdade do home e da muller e a súa figura é clave na historia dos dereitos da muller na España do século XVIII. O XVI discurso "Defensa da muller" publicado no primeiro volume do Teatro Crítico Universal de 1726 está considerado como o primeiro tratado feminista español. Mestura os criterios de corte racionalista, propios da primeira xeración ilustrada á que pertence, con outros criterios tradicionais baseados no argumento da autoridade utilizando numerosas referencias eruditas. Cuestiona a opinión común e a misoxinia da época sobre a inferioridade da muller, defende a igualdade intelectual entre homes e mulleres, a dignidade moral da muller e o seu dereito a acceder ao coñecemento científico e á alta cultura.

O texto comeza con estas palabras:

Consideracións sobre o galego e portugués Ademais de ser un precursor das ideas de frei Martín Sarmiento en canto ás ideas ilustradas sobre a Ciencia e a Ilustración, é tamén, no referido ás cuestións filolóxicas, e un dos precursores do Rexurdimento pola súa defensa da dignidade da lingua galega. Consideraba o galego e o portugués linguas de seu, non dialectos do castelán, con orixe no latín, e constituíndo unha unidade lingüística.

Sepultura e máscara funeraria Xerónimo Feijoo foi sempre de saúde delicada, con catarros frecuentes, febres e, probablemente, reumatismo.Gregorio Marañón daba por feito que padeceu de tuberculose desde a infancia (Museo Arqueolóxico de Ourense). Nos últimos anos sufría xordeira e unha importante pérda de visión, e necesitaba axuda para moverse. En marzo de 1764 agravouse bruscamente o seu estado e, aínda que saíu do perigo, xa nunca se recuperou totalmente.

Trala súa morte, o 26 de setembro, foi soterrado na actual igrexa de Santa María la Real de la Corte (Oviedo), non sen antes facerlle unha máscara mortuoria en cera. Deste molde, o escultor Bernardo de la Meana fixo varios positivos en xeso, un dos cales presidiu o túmulo durante os actos fúnebres. A familia de Feijoo doouno ó Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se expón na actualidade. Outra copia quedou no Mosteiro de San Vicente (de Oviedo), onde viviu case toda a vida, e hoxe exponse na Real Academia da Historia (Madrid); deste exemplar fíxose unha nova copia que hoxe se conserva no Museo de Pontevedra..

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía

, Mari (2012). "Benito Jerónimo Feijoo Montenegro" Álbum da Ciencia. Consello da Cultura Galega.

, R. (1972). El padre Feijóo. Su vida, doctrina e influencias. Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo . , E. "Benito Jerónimo Feijóo y Montenegro Puga" Diccionario Biográfico Español, RAH .

Outros artigos

Anselmo Feijoo Montenegro Plácido Feijoo Montenegro Séculos Escuros Literatura galega dos Séculos Escuros Ligazóns externas

Obras de Benito Jerónimo Feijoo Galiciana. Biblioteca de Galicia. Obras de Benito Jerónimo Feijoo Biblioteca Digital Hispánica. BNE . "Benito Jerónimo Feijóo y Montenegro" Encyclopædia Britannica Online . "Benito Jeronimo Feijoo" Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes . "Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro" Gran Enciclopèdia Catalana .

Categoría:Nados en 1676 Categoría:Finados en 1764 Categoría:Nados no Pereiro de Aguiar Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Historiadores de Galicia Categoría:Ensaístas de Galicia Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Beneditinos de España Categoría:Filósofos de Galicia Categoría:Séculos Escuros Categoría:Ilustración (corrente intelectual) Categoría:Día da Ciencia en Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Salamanca Categoría:Profesores da Universidade de Salamanca Categoría:Catedráticos da Universidade de Oviedo Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público