O armorial de Zürich () é un armorial realizado contra 1340 presumibelmente no que hoxe é o leste de Suíza, dentro ou preto do actual cantón de Sankt Gallen. Consérvase no Museo Nacional Suízo de Zürich.
Historia e características O documento foi propiedade do naturalista e historiador zuriqués Johann Jakob Scheuchzer (1672-1733). A súa historia previa é descoñecida. Foi entregado á biblioteca da cidade de Zürich polo sobriño de Scheuchzer en 1750. En 1860, a Antiquarische Gesellschaft de Zürich e o heraldista Heinrich Runge publicaron unha edición facsimilar.
O armorial de Zürich é unha das coleccións de armas sobreviventes máis antigas e importantes da máis baixa nobreza do Sacro Imperio Romano Xermánico. Céntrase xeograficamente na máis grande Suabia, incluíndo a área do lago Constanza, a Suíza xermanófona, Alsacia e Baden.
Consistía en catro tiras de pergamiño, cada unha dun largo de 12,5 cm e unha lonxitude combinada de catro metros. Unha das catro partes perdeuse; nas tres tiras de pergamiño sobreviventes represéntanse, pintados por ámbalas caras, un total de 450 escudos de armas e 28 bandeiras de bispados e mosteiros alemáns. Cada escudo leva unha cimeira que adoita repetir o motivo do escudo, característica propia da heráldica alemá. Os outros 109 escudos representados na parte perdida sobreviven en copias do orixinal, incluída unha na biblioteca dos condes de Königsegg-Aulendorf en Aulendorf e outra realizada por Hans Conrad Bernhauser (1698-1761) e conservada na Biblioteca Central de Zürich.
Galería de imaxes
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Armoriais