Giovanna Botteri, nada en Trieste o 14 de xuño de 1957, é unha xornalista italiana.
Traxectoria Filla do xornalista Guido Botteri, exdirector da RAI Friuli-Venezia Giulia , e de nai montenegrina , licenciouse en filosofía pola Universidade de Trieste, e logo doutorouse en historia do cine na Sorbona de París.
Empezou a colaborar en revistas de filosofía como Aut Aut e Alfabeta e a partir de 1983 nos xornais Il Piccolo e Alto Adige para pasar en 1985 a traballar para a RAI de Trieste, primeiro na radio e máis tarde na televisión. En maio de 1986 fixo un especial con Margherita Hack para RAI 3, e logo colaborou con Michele Santoro no programa Samarcanda. En decembro de 1988 entrou na redacción internacional do telexornal TG3 .
Como enviada especial e correspondente seguiu numerosos e importantes eventos internacionais: en 1991 o colapso da Unión Soviética e o inicio da guerra de independencia en Croacia, de 1992 a 1996 a guerra en Bosnia e o asedio en Sarajevo onde, xunto con Miran Hrovatin, filmou o lume da Biblioteca Nacional, o masacre de Markale e o de Srebrenica. Estivo en Alxeria, Suráfrica, Irán e Albania, onde seguiu a rebelión en Vlorë en 1997 para despois documentar a guerra en Kosovo e entrar en Peć canda o exército italiano en 1999. Nese ano volveu traballar con Santoro para Circus e en 2000 para Sciuscià .
Tras seguir o contracumio do G 8 de Xénova en 2001 estivo en Afganistán ata o derrocamento do réxime talibán e, como correspondente do TG2 e do TG3, en Iraq antes e durante a segunda guerra do Golfo . En outubro de 2002 seguiu as inspeccións das Nacións Unidas ás prisións iraquís e, xunto con Guido Cravero, filmou en exclusiva mundial tanto o inicio dos bombardeos en Bagdad o 20 de marzo do 2003 como a chegada dos tanques dos Estados Unidos o 9 de abril. De 2000 a 2004 dirixiu a edición nocturna do TG 3 e entre 2005 e 2006 a edición principal, a das 19:00 horas, e de 2007 a 2019 foi correspondente nos Estados Unidos. Dende o 1 de agosto de 2019 é correspondente da RAI na China, centrando as súas reportaxes e novas dende finais de decembro de 2019 na pandemia coñecida como COVID-19, causada polo virus SARS-CoV-2.
Nota
Categoría:Correspondentes de guerra Categoría:Nados en Trieste Categoría:Nados en 1957 Categoría:Xornalistas de Italia