O Rally Mil Vistas foi unha proba de rally que se celebrou anualmente entre 1990 e 1994 no concello de Muros e nos arredores, organizada por Senra Sport. A primeira edición celebrouse co nome de Rally da Coruña resultando gañador Germán Castrillón cun Ford Sierra Cosworth, pasando a chamarse nas seguintes edicións "Rally Mil Vistas". Era puntuable para o Campionato de Galicia de Rally.

Historia En 1990 a Escudería Centollo, que viña organizando o Rally da Coruña dende os anos 60 cedeulle os dereitos de uso do nome a Senra Sport, o equipo fundado por Manuel Senra pouco antes, que deste xeito pasou a organizar o rally en Muros, aínda que co nome de 18º Rally da Coruña. Ademais de por Muros, aquela primeira edición discorreu polos concellos de Carnota, Dumbría, Mazaricos e Vimianzo, resultando gañadores Germán Castrillón e Estrella Castrillón a bordo dun Ford Sierra Cosworth, mentres que Manuel Senra e José Maceiras remataban segundo co seu Peugeot 205 GTI e o lucense José Luis Montero cun Lancia Delta Integrale completaba o podio. Ademais con esta vitoria, Castrillón lograba os puntos necesarios para proclamarse campión galego por primeira vez na súa carreira.

En 1991 a proba pasou a chamarse Rally Mil Vistas, facendo referencia ás vistas paisaxísticas que posúe a contorna no que se celebraba. Germán Castrillón, que acudiu ao rally con José Manuel López Castrillón como copiloto, substituíndo a súa tía Estrella Castrillón que se recuperaba aínda do grave accidente sufrido no 27º Rally Rías Baixas, volveu lograr a vitoria, facilitada polos problemas dos seus principais rivais: Manuel Senra, que estaba marcando os mellores tempos nos primeiros treitos, tivo que retirarse despois de que o seu Peugeot 309 GTI quedase sen presión do aceite, mentres que o Citroën AX Sport de Arturo Rial e Mario Pazos caeu ao río, tendo que saíren polo portón traseiro. A pesar do seu abandono, o rally serviulle a Rial para proclamarse campión galego por segunda vez, xa que o seu principal rival no campionato, Antonio Garrido, non acudiu á proba. Javier Piñeiro e Carlos Cascallar ocuparon o segundo caixón do podio, mentres que Miguel Dopico e Álvaro Louro fixeron o propio no terceiro.

O Rally Mil Vistas de 1992 foi a derradeiro cita da tempada e chegouse a el co título xa decidido a favor de Castrillón, polo que este preferiu non participar. Sen o seu máximo rival, Manuel Senra, de novo co 309 GTI, logrou a vitoria comodamente por diante dos Citroën AX Sport de Javier Paz e Juan Carlos Táboas, nunha carreira marcada polas malas condicións meteorolóxicas, que provocaron numerosos abandonos e problemas aos participantes.

A edición de 1993 estaba programada inicialmente para outubro pero problemas burocráticos fixeron que se adiase ata decembro, pechando deste xeito a tempada 1993. Germán Castrillón logrou a súa terceira vitoria, esta vez conducindo un Ford Escort Cosworth, co que lle sacou máis dun minuto a Miguel Dopico, que levaba un coche do mesmo modelo, e máis de dous minutos ao leonés Roberto Méndez, sobre un Renault Clio 16v. Senra, que foi segundo gran parte do rally, tivo que abandonar a falta de catro treitos pola rotura dun palier.

En 1994 celebrouse a quinta e derradeira edición do rally. Nesta ocasión, na que destacaron as ausencias de Germán Castrillón e Manuel Senra, a vitoria foi para Miguel Dopico, seguido por Arturo Rial e José María Magdaleno.

Palmarés AnoEdiciónPilotoCopilotoVehículoCampionato199018º Rally da Coruña Germán Castrillón Estrella CastrillónFord Sierra CosworthGalicia19912º Rally Mil Vistas Germán Castrillón José M. López CastrillónFord Sierra CosworthGalicia19923º Rally Mil Vistas Manuel Senra José MaceirasPeugeot 309 GTI 16vGalicia19934º Rally Mil Vistas Germán Castrillón Estrella CastrillónFord Escort CosworthGalicia19945º Rally Mil Vistas Miguel Dopico Álvaro LouroFord Escort RS CosworthGalicia

Notas

Véxase tamén Outros artigos Rally da Coruña Rally Botafumeiro

Ligazóns externas Estatísticas do Rally Mil Vistas .