A hiperostose cortical infantil, tamén coñecida como enfermidade de Caffey ou síndrome de Caffey-Silverman é unha displasia ósea do grupo das hiperostoses. Caracterízase por un crecemento exacerbado das corticales dos ósos longos en forma de reacción perióstica, de causa non filiada. Foi descrita en 1930 por Roske e posteriormente caracterizada por Caffey e Silverman en 1945.

Epidemioloxía Esta síndrome ten unha prevalencia baixa, afectando aproximadamente a 48/100000 nados vivos. Afecta por igual a doentes de ambos os sexos de até tres anos de idade.

Clínica Esta enfermidade afecta preferentemente aos ósos longos, afectando a diáfise dos mesmos e respectando metáfise e epífise. O cadro clínico cursa habitualmente coa aparición de dor de inicio brusco asociado a tumoración palpable na zona do óso afectado, non relacionado con traumatismos ou sobreesforzos previos. Os doentes poden presentar febre e alteracións analíticas inespecíficas.

Diagnóstico O diagnóstico realízase mediante a historia clínica e un estudo de radioloxía convencional.

Evolución Na maior parte dos casos a hiperostose cortical infantil resólvese espontaneamente, non precisando tratamento médico ou cirúrxico, salvo analxesia.

Notas

Categoría:Traumatoloxía