Ana María Ulla Miguel, nada en Vigo en 1965, é unha astrofísica galega, escritora e profesora na Universidade de Vigo.
Traxectoria Ana Ulla comezou a carreira de Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou os tres primeiros cursos,e logo especializouse en Astrofísica na Universidade de La Laguna, onde tamén realizou a súa formación doutoral. Entre 1988 e 1995, ocupou diversos postos de investigación e docencia na Universidade de Tromsø (Noruega), o Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental (Madrid), a Axencia Espacial Europea (ESA), ou o Instituto Niels Bohr de Copenhague. Posteriormente, foi contratada posdoutoral no Instituto de Astrofísica das Canarias (IAC), traballando para o proxecto "Infared Space Observatory" da ESA.
Desde 1997 é profesora do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, sendo a investigadora principal do Grupo AS1 de Astronomía e Astrofísica da UVIGO dende a súa creación no ano 2005 ata outubro de 2017. Forma parte do equipo galego da misión Gaia, da Axencia Espacial Europea (ESA), na que participan máis de 450 científicos e enxeñeiros doutros 23 países co obxectivo de elaborar un mapa preciso en 3D da Vía Láctea. Ademais, é integrante do padroado da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura que xestiona o Observatorio Astronómico de Forcarei.
Obra literaria e divulgativa Ademais da súa actividade investigadora no ámbito da astrofísica, Ana Ulla desenvolveu tamén unha faceta como autora e editora de obras de divulgación científica e literatura relacionadas coa astronomía, en lingua galega e castelán.
En 2009 participou como coautora na obra colectiva Contos e coplas de estrelas, editada pola Universidade de Vigo e polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), na que contribuíu coa adaptación dun conto popular e con varias cancións relacionadas coa temática astronómica.
En 2010 foi coautora do libro de divulgación científica La ciencia del cielo, publicado pola editorial ENOR e traducido ao portugués como A ciência do céu.
En 2014 editou o libro de relatos Os contos da Astronomía na palleira, resultado dun obradoiro de astronomía organizado pola Universidade de Vigo, no que tamén participou como autora co conto A galaxia María.
En decembro de 2015 publicou a súa primeira novela infantil, Desde el jardín, las estrellas, ilustrada por Rita Landeiro e editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. A obra emprega unha narración de ficción para introducir nocións básicas de astronomía, astrofísica e bioloxía entre o público novo.
Posteriormente publicouse unha edición anotada e ampliada da obra, acompañada de propostas de actividades educativas orientadas á divulgación científica e á aprendizaxe interdisciplinar.
Publicacións seleccionadas
Contos e coplas de estrelas (2009), obra colectiva editada pola Universidade de Vigo e o CSIC. La ciencia del cielo / A ciência do céu (2010), obra colectiva de divulgación científica publicada por ENOR. Os contos da astronomía na palleira (2014), libro de relatos editado por Ana Ulla. Desde el jardín, las estrellas (2015), novela infantil de divulgación científica.
Recoñecementos En febreiro de 2014 recibiu, ex aequo con Minia Manteiga, o premio “Galega destacada 2013” concedido pola Asociación Diálogos 90. Tamén foi galardoada co recoñecemento "Muller Científica 2020" que outorga o IES Val Miñor.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Mulleres ninguneadas na Ciencia no programa Vivir Aquí da TVG Que facemos? A astrofísica e o Observatorio Astronómico de Forcarei
Categoría:Físicos de Galicia Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1965 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de La Laguna Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Astrofísicos Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Vigueses distinguidos