Alberto González Fernández, alcumado Camba, nado en Pontevedra, é un ex piloto de automobilismo galego. Especialista en carreiras de montaña, é o piloto máis laureado do Campionato de Galicia de Montaña, con sete títulos (cinco consecutivos entre 1978 e 1982 e dous máis en 1985 e 1986) e dous subcampionatos. Logrou 77 vitorias absolutas e disputou tamén probas de rally, proclamándose en 1977 e 1978 subcampión de Galicia de Automobilismo. Traxectoria Recibiu o alcume de "Camba" por ser o segundo apelido de seu pai, que era dono dunha autoescola e tiña competido en automobilismo e motociclismo. Debutou no Rally Rías Baixas de 1972, a bordo dun Seat 1430 e competiu posteriormente cun Seat 600 cun motor de 1800. Comezou a correr logo con fórmulas, primeiro cun Hispakart 1430, co que logrou a súa primeira vitoria na Subida ao Veral de 1976 e logo cun Selex Fórmula 1800, co que gañou o seu primeiro Campionato de Galicia de Montaña en 1978. Ese ano gañou ademais o Rally de San Telmo, en Tui, cun Alpine A110 1800 e rematou segundo no Campionato Galego de Automobilismo, só por detrás de Pío Alonso. Revalidou o título de montaña os catro seguintes anos cun Selex 2000.

Entre as súas vitorias destacan entre outras as cinco que conseguiu na Subida a Almofrei, tres na Subida á Falperra e tres no Campionato de Velocidade Cidade da Coruña.

Na Subida a Carballo de 1987 logrou a súa última vitoria, a número 77 da súa carreira. En agosto dese ano disputou a súa última carreira, na Subida a Almofrei, puntuable para o Campionato de España, onde rematou en quinta posición. Tras esa carreira retirouse da competición, dedicándose a dirixir a autoescola que fundara seu pai.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Instagram de Alberto González Camba

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Nados en Pontevedra