Francisco José Gómez Pallas, nado en Caracas o 18 de marzo de 1969, é un piloto galego de motocrós.
Disputou en nove ocasións o Rally Dakar.
Traxectoria Naceu na capital de Venezuela, fillo de emigrantes galegos, e alí aos 6 anos subiu por primeira vez a unha moto, unha Bernelli de 50cc. Aos 7 anos trasladouse coa súa familia a Galicia, instalándose primeiro en Ponteceso e finalmente en Bértoa, Carballo.
Foi campión galego de motocrós na categoría de 80cc en 1985 e de 125cc en 1987, e subcampión de 250cc en 1991, 1992 e 1993, e correu ademais durante anos no Campionato de España. Dedicouse profesionalmente á carpintería metálica, rexentando xunto a seu irmán unha empresa deste eido en Bértoa.
No ano 2000 correu por primeira vez o Rally Dakar, a bordo dunha Honda, conseguindo completalo no posto 88º. Durante os seguintes anos volveu disputar a carreira en varias ocasións (2003, 2005, 2006, 2007 e 2009) conseguindo chegar á meta en 2006 e 2009. Tras varios anos de ausencia volveu na edición de 2018, conseguindo completar o rally por cuarta vez. En 2024 disputou o seu oitavo Dakar, converténdose no primeiro piloto español en correr a proba cunha moto eléctrica. Na penúltima xornada sufriu un espectacular accidente que partiu a súa moto en dous. Con todo, a organización premiouno polo seu rendemento nos días previos, dándolle por completado o rally.
Tras non participar en 2025, regresou ao Dakar para a edición de 2026, correndo cunha moto do equipo Arctic Leopard na categoría Mission 1.000, destinada a vehículos eléctricos. En dita categoría, na que participaron un total de sete pilotos (seis en moto e un en camión), Gómez Pallas conseguiu dúas vitorias de etapa e acabou o rally na segunda posición (só por detrás do camión MAN de Jordi Juvanteny), sendo o primeiro dos seis pilotos de motos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Jorge Prado Rubén Fernández García
Categoría:Nados en Caracas Categoría:Nados en 1969 Categoría:Pilotos de motocrós de Galicia