Os Chicago Bulls son un equipo profesional de baloncesto estadounidense con sede en Chicago, Illinois. Os Bulls xogan na División Central da Conferencia Leste da National Basketball Association (NBA). Fundados o 16 de xaneiro de 1966, o equipo ten a súa sede no United Center, pavillón que comparte cos Chicago Blackhawks da National Hockey League (NHL). A época máis esplendorosa do equipo foi a década de 1990, sendo durante esta época unha das máis importantes dinastías da historia da NBA, gañando seis campionatos entre 1991 e 1998. Todos estes títulos foron conseguidos grazas á achega de membros do Salón da Fama como Michael Jordan, Scottie Pippen e o adestrador Phil Jackson. Os Bulls son a única franquía da NBA en gañar máis dun campionato sen perder nunca unha final.
Os Bulls gañaron un total de 72 partidos durante a fase regular da temporada , o que supón un récord da NBA, sendo ademais o único equipo da historia en gañar 70 ou máis partidos nunha soa campaña. Moitos especialistas e analistas consideran os Bulls de 1996 como un dos mellores equipos da historia da competición. En 2015, os Bulls son a terceira franquía máis valiosa da NBA de acordo á revista Forbes, cun valor estimado de 2.000 millóns de dólares e uns beneficios durante a temporada de aproximadamente 65 millóns. Michael Jordan e Derrick Rose son os dous xogadores da franquía que teñen gañado o título da MVP da NBA.
Historia Primeiros anos Os Chicago Bulls son o terceiro equipo NBA que pasa por Chicago, despois dos Packers/Zephyrs e dos Stags (1946-1950). Hoxe, os Bulls aínda xogan coa camisola azul e vermella dos Stags ás veces. A franquía formouse na tempada 1966-1967, e xa inmediatamente mostrou boas maneiras conseguindo o mellor balance da historia dun equipo debutante na NBA, cualificándose para os playoffs. Durante as súas dúas primeiras tempadas, a meirande parte dos partidos na casa foron xogados no International Amphitheatre, antes de mudarse ó Chicago Stadium definitivamente en 1994. Nos seguintes anos, a directiva dos Bulls dedicaría o seu tempo a montar un cadro de xogadores competitivo, aínda que nunca chegaron ó máis alto. Na década dos 70, os Bulls caracterizábanse por ser un equipo duro e moi defensivo, construído ó redor de Jerry Sloan, un defensor moi rochoso, dos alas Bob Love e Chet Walker, do base Norm Van Lier e do pivote Tom Boerwinkle. Aínda así, o equipo só gañou un título de división, e nunca acadou as finais da liga.
A finais da década dos 70 e a principios dos 80, o equipo chegou ó teito da liga. Artis Gilmore, conseguido a través dun draft de dispersión da ABA en 1976, liderou a un equipo que incluía tamén ó base Reggie Theus e ós alas David Greenwood e Orlando Woolridge. Despois de que Gilmore fora trocado polo pivote Dave Corzine dos San Antonio Spurs, os Bulls xa tiñan un alto poder ofensivo centrado en Theus, ó que despois se unirían Quentin Daly e Ennis Watley. Malia todo iso, os resultados seguían a ser decepcionantes, polo que a directiva decidiu cambia-lo rumbo e intercambiou a Theus na tempada 1983-84.
A chegada de Jordan No verán de 1984, a fortuna do equipo cambiou para ben cando conseguiron a terceira posición no draft dese ano, despois dos Houston Rockets e dos Portland Trail Blazers. Despois de que os Rockets elixiran a Hakeem Olajuwon, e os Blazers a Sam Bowie, os Bulls escolleron ó escolta Michael Jordan, procedente da Universidade de North Carolina. Jordan redefiniría o baloncesto e reescribiría o libro dos récords, converténdose no mellor xogador de tódolos tempos.
O equipo, sendo o novo dono Jerry Reinsdorf e Director xeral Jerry Krause, decidiu reconstruírse ó redor de Jordan. Este xogador clave na historia dos Bulls rompería varios récords da franquía no seu ano de rookie en anotación (terceiro na liga) e roubos (cuarto na liga), e conduciría ó equipo de novo ós playoffs. Gañou nesa tempada o premio ó Rookie do Ano e foi incluído no segundo equipo de xogadores NBA.
Na pretempada, o equipo asinou ó base John Paxson e elixiu no draft ó ala-pivote Charles Oakley. Xunto a Jordan e a Corzine, daríanlle a meirande parte do poder atacante ós Bulls nas dúas tempadas seguintes. Ó principio da tempada Jordan esnaquizábase un pé, motivo polo cal a franquía fichou a lenda da NBA George Gervin, que contribuíu sobre todo en anotación, rematando como segundo máximo anotador do equipo por detrás de Woolridge. Jordan recuperouse para os playoffs, cando se enfrontaron dende a oitava praza ós Boston Celtics, que conseguiran un balance de 67-15 na tempada regular, liderados por Larry Bird. Aínda que os Bulls foron barridos, Jordan logrou supera-lo récord de anotación nun único encontro en playoffs, con 63 puntos no segundo partido das series, o que provocou que Bird chamarao God disguised as Michael Jordan. (Deus disfrazado de Michael Jordan).
Na tempada 1986-87 Jordan continuou o seu asalto ós libros de récords, liderando a liga en anotación con 37.1 puntos por partido, e sendo o primeiro Bull nomeado no primeiro equipo da NBA. Pero os Bulls foron de novo barridos polos Celtics nos playoffs. Na seguinte tempada, a 1987-88, Kreuse elixiu en oitava posición do draft dese ano ó pivote Olden Polynice e no décimo posto ó ala-pivote Horace Grant, e no mesmo día do draft Polynice foi trocado polo ala Scottie Pippen, elixido polos Seattle SuperSonics. Con Paxson e Jordan no xogo exterior, Brad Sellers e Oakley nos postos de ala, Corzine na pintura, e cos rookies Pippen e Grant salindo dende a bancada, os Bulls fixeron moito balbordo, gañando 50 partidos e acadando as semifinais da Conferencia Leste, caendo derrotados alí contra os que despois serían os gañadores da conferencia, os Detroit Pistons, en cinco encontros. Jordan foi nomeado ese ano MVP da NBA nese ano, sería a primeira das cinco veces que o gañou.
A tempada 1988-89 foi a segunda seguida de grandes movementos en pretempada. O ala-pivote Charles Oakley, que liderou a liga no total de rebotes nos anos 87 e 88 foi trocado polo pivote Bill Cartwright procedente dos New York Knicks e por unha elección no draft utilizada para elixir o pivote Will Perdue. O novo quinteto titular formado por Paxson, Jordan, Pippen, Grant e Cartwright tardou algún tempo en acomodarse, pero remataron a tempada nas finais da Conferencia Leste, onde perderon contra os que logo serían os campións da NBA, os Detroit Pistons, en seis partidos.
Na 1989-90, Jordan foi o máximo anotador da liga por cuarta tempada consecutiva, e por fin entrou no equipo do All-Star por primeira vez xunto a Scottie Pippen. Tamén houbo trocos na bancada, xa que Doug Collins foi substituído polo seu asistente, Phil Jackson, quen trouxo ó equipo a Tex Winter, un especialista no triángulo ofensivo característico de Jackson. Os Bulls tamén elixiron no draft de 1989 ó pivote Stacey King e ó base BJ Armstrong. Con estas pezas adicionais e o quinteto inicial do ano anterior, os Bulls volveron ás finais de conferencia e volveron perder contra os Pistons, pero esta vez conseguiron forza-los sete partidos.
Primeiros tres títulos Xa na tempada 1990-91, os Bulls esquecéronse das escusas e encararon o ano cunha misión definida. Fixeron o récord da franquía en encontros gañados con 61. Nos playoffs arrasaron, barrendo ós Pistons nas finais de conferencia e nas finais da NBA gañaron a uns Lakers liderados por Magic Johnson en cinco partidos, sendo o derradeiro da serie o 12 de xuño de 1991. Michael Jordan gañou os títulos de MVP das finais e da tempada regular, e o seu quinto título seguido de máximo anotador.
Os Bulls gañaron o seu segundo título consecutivo na tempada 1991-92 despois de esnaquiza-lo récord de vitorias da franquía con 67. Nas finais gañáronlle a Clyde Drexler e os seus Blazers en seis encontros. Jordan volveu gaña-los títulos de MVP das finais e da tempada regular, e o seu sexto título seguido de máximo anotador.
Na 1992-93 os Bulls fixeron o que ningún dende aqueles lendarios Celtics da década dos 60 gañando tres títulos consecutivos, enfrontándose na final ós Phoenix Suns, que tiñan ó MVP da liga regular, Charles Barkley. O tiro gañador de John Paxson deulles ós Bulls a vitoria no sexto partido disputado en Fénix por 99-98. Jordan foi de novo MVP das finais despois de establecer un novo récord de puntos nun encontro da final. Ademais, tamén empatou con Wilt Chamberlain co seu sétimo título de máximo anotador.
Xa no verán, Jordan asombrou a toda a comunidade baloncestística anunciando a súa retirada, só uns meses despois da morte do seu pai. Scottie Pippen pasou a lidera-los Bulls, xa que nas tempadas anteriores demostrárase un dos mellores xogadores na liga. Recibiu axuda de Horace Grant e de BJ Armstrong, que nesa tempada foron All-Stars por primeira vez. Tamén eran pezas do equipo Cartwright, Perdue, o base Pete Myers e o rookie de Croacia Toni Kukoč. Pero malia a asombrosa tempada regular que fixeron os Bulls, gañando 55 partidos, nos playoffs caeron en segunda rolda contra os Knicks, cunha polémica incluída no quinto partido tras unha falta pitada polo árbitro Hue Hollins.
A volta de Jordan En 1994, os Bulls perderon a Horace Grant e a Bill Cartwright, que marcharon coma axentes libres, pero conseguiron ó base All-Star Ron Harper. Con estes movementos, os Bulls tiñan a Armstrong e a Harper no xogo exterior, Pippen e Kukoč nas alas e Perdue na pintura. Tamén contaban co tirador especialista Steve Kerr, con Myers, e cos pivotes Luc Longley e Bill Wennignton. Pero mentres estaban a xoga-la liga, o 17 de marzo de 1995 recibiron a mellor noticia posible: Jordan volvía dende o retiro. Pronto estivo de novo entre os mellores da liga, anotando 55 puntos contra os Knicks no seu quinto partido dende a súa volta, e liderou ós Bulls ó quinto posto da conferencia, gañando na primeira rolda dos playoffs ós Charlotte Hornets. Pero xa en segunda rolda non foron capaces de derrotar ós que despois serían os campóns da conferencia, os Orlando Magic de Horace Grant e Shaquille O'Neal. Cando Jordan volveu ós Bulls, inicialmente levaba o dorsal 45 (que tamén foi o seu dorsal cando xogaba nos Birmingham Barons, un equipo de béisbol das ligas menores afiliado ós Chicago White Sox, por mor da retirada do seu dorsal trala súa primeira marcha. Pouco despois volveu ó 23 a cambio dunha multa.
Na pretempada, BJ Armstrong marchou por mor dun draft de expasión, pero Krause fixo un movemento maxistral, mandando a Will Purdue ós San Antonio Spurs a cambio de Dennis Rodman, especialista reboteador con catro títulos nese apartado. Cun quinteto inicial formado por Harper, Jordan, Pippen, Rodman e Longley, e quizais a mellor bancada da liga con Kerr, Kukoč, Wennington e os alas Randy Brown e Jud Buechler, os Bulls experimentaron unha das meirandes mellorías no balance na historia da liga, pasando dun 47-35 a un 72-10, que aínda segue a se-lo mellor balance da historia. Jordan gañou o seu oitavo título de mellor anotador, Rodman o seu quinto título de máximo rebotador seguido, e Kerr liderou a liga en triplas. Ademais, Jordan logrou a "Tripla Coroa" co MVP da tempada regular, do All-Star e das finais. Krause gañou o premio ó Executivo do Ano, Jackson ó Adestrador do Ano e Kukoč foi o Sexto Home do Ano. Por se fora pouco, Pippen e Jordan entraron no primeiro equipo da NBA, e ámbolos dous máis Rodman entraron no mellor equipo defensivo. O equipo gañou o seu cuarto anel ante os Seattle SuperSonics de Gary Payton e de Shawn Kemp.
Os Bulls repetiron os bos resultados da tempada anterior na 1996-1997, empatando o segundo mellor balance da historia da liga cun 69-13 e gañando o seu segundo anel consecutivo, o quinto en total, contra os Utah Jazz de John Stockton e Karl Malone. Jordan conseguiu o seu segundo título de máximo anotador consecutivo e o seu noveno en total, e Rodman o seu sexto título seguido de máximo rebotador.