A eparquía ou diocese de Przemyśl foi unha xurisdición ortodoxa mencionada por primeira vez a comezos do século XIII, como unidade administrativa da metrópole de Kíiv da Igrexa ortodoxa de Constantinopla. A sé existiu até 1691, cando aceptou definitivamente a Unión de Brest e pasou a formar parte da Igrexa greco-católica.
Historia Foi unha das primeiras sés episcopais en Galicia, segundo varias fontes, fundada en 1026, ou en 1087, ou entre os anos 1117 e 1128. En calquera caso, o primeiro bispo do que se ten noticia foi Antonii Andreikovych, cuxo nomeamento está aosciado co reinado en Galicia de Mstislav o Valente; isto permitiría datar máis tarde o estabelecemento dun bispado, entre 1219 e 1220.
Inicialmente, a eparquía formaba parte da metrópole de Kíiv; porén, entre 1302 e 1332, entre 1337 e 1347, e entre 1371 e 1401, formou parte da metrópole de Galicia.
En 1422 o bispo Illia Isaiia foi o primeiro bispo en empregar o título de Przemyśl e Sambir; a diocese de Sambir existía dende o século XIII, e pouco máis tarde as sés foron unidas, pero o título dobre non se empregou até o pontificado de Illia. O seu sucesor, o bispo Atanasii Drohoiovskyi, opúxose á Unión de Florencia.
En 1596 o bispo Mykhailo Kopystenskyi asinou a declaración da Unión de Brest, mais posteriormente botouse atrás e foi excomungado polo metropolita de Kíiv Michal Rahoza. O seu sucesor, Atanasii Krupetskyi, si foi partidario da Unión, pero os ortodoxos elixiron entón a outro bispo e expulsaron a Atanasii, o que provocou que durante arredor dun século conviviran as dúas xurisdicións (grecocatólica e ortodoxa). En 1668, o bispo coadxutor ortodoxo Yurii Hoshovskyi pasou a vivir en Sanok, polo que os bispos pasaron a tomar o título de Przemyśl, Sambir e Sanok. O último bispo ortodoxo foi Inokentii Vynnytskyi, quen traballou dende a súa elección pola unión, e que o 23 de xuño de 1691 asinou a acta de unión.
Episcopoloxio
Notas
Categoría:Antigas divisións territoriais ortodoxas Categoría:Divisións territoriais ortodoxas en Polonia Categoría:Divisións territoriais ortodoxas en Ucraína Categoría:Divisións territoriais da Igrexa ortodoxa de Constantinopla Categoría:Eparquías ortodoxas