Elvis Aaron Presley, máis coñecido por Elvis Presley ou polo seu nome de pía Elvis, e como o Rei do Rock and Roll, ou simplemente o Rei, nado en Tupelo, Mississippi, o 8 de xaneiro de 1935 e finado en Memphis, Tennessee, o 16 de agosto de 1977, foi un cantante e actor norteamericano. Está considerado como unha das máis significativas iconas culturais do século XX.

Cando tiña 13 anos, trasladouse coa súa familia a vivir a Memphis, Tennessee. A súa carreira musical comezou en 1954 cando gravou para Sun Records co produtor Sam Phillips, quen quería levar o son da música afroamericana a unha audiencia máis numerosa. Acompañado polo guitarrista Scotty Moore e o baixista Bill Black, Presley foi un pioneiro do rockabilly, un estilo de tempo rápido impulsado por un constante ritmo que consiste nunha fusión de música country e rhythm and blues. En 1955, o batería D. J. Fontana uniuse ao grupo para completar a formación clásica do cuarteto de Presley, e RCA Victor adquiriu o seu contrato nun acordo disposto polo coronel Tom Parker, quen sería o seu representante durante máis de dúas décadas. O primeiro disco sinxelo de Presley foi Heartbreak Hotel, lanzado en xaneiro de 1956 e que chegou a ser número un nos Estados Unidos. Cunha serie de aparicións exitosas nas cadeas televisivas e gravacións que chegaron ao máis alto das listas, converteuse na figura líder do novo son popular do rock and roll. As súas enérxicas interpretacións das cancións e o seu estilo sexualmente provocativo no escenario, combinado cunha singularmente potente mestura de influencias da música negra nunha época de loita polos dereitos civís da poboación afroamericana, fixérono enormente popular e controvertido.

En novembro de 1956, estreouse no cine na película Love Me Tender. Alistado no servizo militar en 1958, relanzou a súa carreira dous anos máis tarde con algúns dos seus maiores éxitos comerciais. Porén, fixo poucos concertos en vivo e, guiado por Parker, dedicou gran parte da década de 1960 a facer películas en Hollywood e álbums de bandas sonoras, moitas delas amplamente criticadas. En 1968, logo de sete anos sen concertos en vivo, reapareceu no escenario no aclamado programa especial televisivo Elvis, que o levou a dar un amplo número de concertos en Las Vegas e a unha serie de xiras moi rendibles. En 1973, Presley foi o protagonista do primeiro concerto dun artista solista que foi emitido vía satélite para todo o planeta, Aloha from Hawaii. Anos de abuso de medicamentos receitados comprometeron seriamente a súa saúde, morrendo repentinamente en 1977 na súa mansión de Graceland cando tiña 42 anos.

Presley é un dos máis célebres e influentes músicos do século XX. Logrou o éxito comercial en moitos xéneros, incluíndo pop, country, blues e gospel. É o cantante solista con máis vendas en toda a historia da música gravada. Ganou tres premios Grammy e recibiu outro pola súa carreira artística cando tiña 36 anos, e está en múltiples salóns da fama musical. Cando morreu vendera 200 000 000 de discos e conseguira 129 discos de ouro. Interpretou 31 filmes, relacionados case todos eles co mundo da canción.

Traxectoria Inicios miniatura|175px|Disco de vinilo co tema «Blue Moon of Kentucky», gravado por Elvis en 1954 na compañía Sun Records. Fillo de obreiros, pouco despois de trasladarse os seus pais a Memphis comezou a traballar como camioneiro nunha empresa de material eléctrico. Desde neno xa se interesaba pola música, actuando no coro parroquial e ben cedo xa aprendera a tocar a guitarra e cantaba temas de blues e rhytm e blues.

En 1954 como regalo para a súa nai gravou, pagando catro dólares, unha canción na casa discográfica Sun Records, propiedade de Sam Phillips, quen se interesou por el e o contratou para a súa compañía. O 6 de maio de 1954 gravou o seu primeiro disco That´s All Right, que axiña se converteu nun éxito local en Memphis. Combinando estilos negros co country, cancións gravadas na Sun como Good rockin´ tonight ou Baby let´s play house inauguraron un novo xeito de interpretar e vocalizar e constitúen unha das raíces do nacente rock and roll. Ademais da radiodifusión, foi a maneira de moverse no escenario o que fixo de Elvis un escandaloso xove intérprete que chamou a atención do futuro manager o Coronel Tom Parker. Este conseguiu que a RCA pagase 35.000 dólares para facerse co cantante. Así, o 10 de xaneiro de 1956 trasladouse a Nashville para gravar cos membros do seu grupo: o guitarrista Scotty Moore, o baixo Bill Black e o batería D.J. Fontana. O 28 de xaneiro irrompería no espectáculo Stage Show dos irmáns Dorsey na cadea de televisión CBS, impactando ao gran público americano con temas negros como Shake, Rattle and Roll.

Grandes éxitos miniatura|175px|Ed Sullivan con Elvis Presley en Nova York o 26 de outubro de 1956. miniatura|175px|Fotografía promocional da película Jailhouse rock. En xaneiro de 1956 conseguiu o seu primeiro número un en vendas durante 27 semanas por Heartbreak Hotel. Nese ano serían tamén número un varios temas como Hound Dog (durante tamén 27 semanas) así como os seus dous álbums Elvis Presley e Elvis que incluían versións clave na historia do rock and roll como Blue Suede Shoes, One-Side Love Affair ou Rit it up. Os shows televisivos de Milton Berle, Steve Allen, os irmáns Dorsey e Ed Sullivan bateron récords de audiencia coa súa presenza e os concertos comezaron a ser multitudinarios en dimensións sen precedentes. O 9 de setembro de 1956 a súa actuación no show de Ed Sullivan acadou unha audiencia do 82,6% e foi visto por máis de 60 millóns de persoas.

O escándalo medraba ao mesmo ritmo que o éxito: Ben Gross do Daily News escribía que Elvis levaba a cabo unha exhibición suxestiva e vulgar, tinguida de niveis de salvaxismo que debería ser exclusivo... dos prostíbulos. Jack Gould no New York Times comparaba o movemento frenético do seu corpo co repertorio das explosivas bailarinas das pasarelas de cabaré. Un xuíz de Jacksonville, Florida ordenoulle non moverse sensualmente no escenario e en nalgunhas tomas de televisión filmábaselle de cintura para arriba. Ed Sullivan, que declarara que xamais o convidaría ao seu prestixioso programa e que non o tocaría nin cun pau longo, acabou ofrecendo 50.000 dólares pola súa presenza.

Nese ano debutou tamén como actor en Love me tender, un filme ambientado na Guerra de Secesión polo que cobrou 100.000 dólares. Ao terceiro día da súa estrea o 10 de novembro, xa se cubriran os gastos de produción. Nos seguintes doce anos interpretou uns 30 filmes, con períodos de tres películas por ano xa sen pretensións artísticas nin musicais e ao ditado dunha doada rendibilidade.

En 1957 reafírmase como o ídolo da xente nova e o intérprete máis popular do rock and roll cun álbum número un durante 29 semanas (Loving You) e catro sinxelos nese mesmo posto, entre os que salientan Jailhouse Rock e All Shook Up, que foron tamén número un no Reino Unido xunto co LP citado.

Un álbum de cancións de Nadal reinterpretadas con acentos de blues chegou tamén ao número un ese ano: Elvis´ Christmas album.

A película Jailhouse rock, que supuxera un investimento de 400.000 dólares, acadou un beneficio de 4 millóns. Hoxe en día figura entre os filmes incluídos no National Film Register para a súa preservación polo seu significado cultural, histórico e estético.

Servizo militar e retorno miniatura|200px|Elvis prestando xuramento na súa incorporación ao servizo militar en 1958. Entre 1958 e 1960 cumpriu co servizo militar en Alemaña, deixando unha película (King Creole) e varias cancións gravadas que lle permitiron continuar no cume (Hard Head Woman, Big Hunk o´Love e Don´t foron números un, One Night e I Need Your Love Tonight fórono no Reino Unido, ademais do álbum da devandita obra cinematográfica). Temas da película citada como o propio King Creole ou Trouble converteríanse en clásicos do rock de ámbito internacional.

Ao seu retorno aos Estados Unidos decantouse por outros estilos musicais -country, gospel, canción lixeira e mesmo napolitanas- conseguindo catro números un en sinxelos e a mesma posición para o álbum G.I.Blues, banda sonora dunha película que cambiaba a imaxe de heroe marxinal por un xovial soldado americano de servizo en Alemaña. En maio de 1960 o show televisivo de Frank Sinatra foi líder de audiencia (share do 42%) co especial Welcome Home Elvis, o que supuxo a posta en escena da acollida do deostado roqueiro na sociedade ben pensante americana. Isto cerraba a operación de mercadotecnia que acompañou ao seu servizo militar.

En 1961, o álbum Something for Everybody sumaría un novo número un.

No Reino Unido o citado álbum G.I. Blues, así como Elvis is Back e "Pot Luck" acadarán o número un, ao igual que varios sinxelos; así, en 1960 foi número un It´s Now or Never e en 1961 catro máis: Are You Lonesome Tonight, Wooden Heart, Surrender e Little Sister/(Marie´s the Name) His Latest Flame.

Carreira en Hollywood miniatura|175px|Juliet Prowse e Elvis Presley nunha imaxe publicitaria do filme G.I. Blues. Elvis tentou ser un actor serio con películas como Flaming Star, un western antirracista que foi prohibido en Suráfrica e que non acadou o éxito do desenfadado G.I. Blues. O notable posto 12 na Variety´s weekly list non foi o suficientemente satisfactorio para o seu representante.

O Coronel incidiu na teima de converter ao cantante rebelde e lascivo nun artista respectable para todos os públicos edulcorando a súa imaxe mediante infinidade de películas soamente comerciais e a abandonando paulatinamente o rock. Con todo, desta época son versións discográficas tan célebres como a de Fever ou Are you lonesome tonight.

O punto de inflexión sería o abandono dos concertos e a película Blue Hawai (1961) cun enorme éxito en portelos de eido internacional que marcaría un novo rumbo na súa carreira alleo á evolución do rock e o pop. A partir dese momento ensaiaríase repetidamente a mesma fórmula, distante das modas musicais da xente máis nova e con guións buscadamente intranscendentes. Os primeiros anos, a estratexia comercial do Coronel Tom Parker tivo éxito. Algunhas bandas sonoras das películas acadaron o número un nas listas de albumes como foi o caso da propia Blue Hawai (1961) e Roustabout (1964). Tamén en 1964 Viva Las Vegas, xa en pleno reinado dos Beatles, supuxo aínda o súa mellor recadación en portelo, mesmo logrando desprazar ao filme do grupo británico A Hard Day´s Night. Foi tamén significativo que a canción Blue Chritsmas acadara o número un na Chritsmas Chart.

Pola súa parte no Reino Unido, segue dominando as listas de vendas. En 1962 acadan o número un catro singles: Rock-A-Hula Baby/Can´t Falling in Love, Good Luck Charm, She´s not You e Return to Sender.

Porén, a partir de 1965 a rutina de Hollywood e ausencia de calidade cinematográfica e musical fai que a súa popularidade decaia notablemente. Só a volta ás súas raíces de música negra bríndalle algúns éxitos como o single Crying in the Chapel ese mesmo ano ou o álbum How Great Thou Art en 1967 co que obtería o primeiro dos seus Premios Grammy. Pola contra, nin sequera películas cunha crítica musical aceptable como Speedway (1968), coprotagonizada por Nancy Sinatra, acadarían máis que moi mediocres posicións tanto en portelo (posto 40 en Varity´s year-end) como en vendas da banda sonora (Let Yourself Go foi número 22 no Reino Unido).

Final miniatura|175px|Fotografía de Elvis, en 1970. A finais dos 60 tentou recobrar a popularidade anterior, que tan só conseguirá puntualmente co show televisivo coñecido como o Come Back Special e con temas como High heel sneakers, If I can dream (1968), In the Ghetto, Don´t Cry Daddy ou Suspicious Mind (1969). Ese ano, o álbum From Elvis in Memphis foi número un no Reino Unido despois de sete anos sen que un LP seu acadara esa posición no importante mercado británico.