miniatura|300px|Iolao e Heracles, nun mosaico romano do s. I (Ninfeo de Anzio)

Na mitoloxía grega, Iolao era o fillo de Ificles e Automedusa, sobriño de Heracles e un dos compañeiros deste (nalgúns episodios da vida deste, Iolao aparace conducindo o carro que leva a Heracles). Para Plutarco e Eurípides puido ser un amante de Heracles.

A lenda conta que a esposa de Zeus, Hera (que perseguía ás amantes e fillos de Zeus), mandou a Heracles un ramo de loucura, e nese estado este matou os seus fillos, e mais dous dos fillos de Ificles, o seu irmán. Ificles conseguiu salvar a Iolao e á esposa de Heracles, Mégara.Hixino dá outra versión, segundo a cal Heracles matou ós fillos e tamén a Mégara (Hixino: Fábulas mitológicas 32, 1-2.).

Tras matar os fillos recuperou a razón e, ó ver o crime cometido, Heracles exiliouse e cedeu a Mégara a Iolao, coa que este tivo unha filla, Leipéfile, que significa "Amor da abandonada", en clara referencia á actuación de Heracles.

miniatura|300px|Iolao axuda a Heracles a acabar coa Hidra de Lerna

Formou parte da expedición dos Argonautas de Xasón (Hixino: Fábulas 14, 22; aínda que Pseudo-Apolodoro non o inclúe entre eles) e na partida de caza do xabaril de Calidón (Hixino: 173, 2; pero Pseudo-Apolodoro tampouco o cita, aínda que si ó pai de Iolao, Ificles).

Iolao acompañou a Heracles a matar a Hidra de Lerna, no contexto dos doce traballos que este tivo que realizar ó mandado do seu tío Euristeo para poder ser purificado tralo asasinato dos seus fillos. A Hidra tiña a propiedade de rexenerar as súas múltiples cabezas se eran cortadas, polo que, mentres Heracles as ía cortando, Iolao ía cauterizando o corte do pescozo con tizóns sacados dun bosque próximo ó que prendeu lume. Por esta axuda recibida, Euristeo non considerou válido este traballo na conta dos dez que debía realizar.

Tamén acompañou a Heracles na expedición que este organizou para roubar as vacas de Xerión e axudouno na loita mantida con Cicno, fillo de Ares.

Nos primeiros Xogos Olímpicos instaurados por Heracles, Iolao participou e ganou conducindo un carro tirado polos cabalos do heroe. Tamén nos xogos fúnebres celebrados en honor de Pelias.

Posteriormente volveu xunto a Heracles pouco antes da morte deste e algunhas fontes din que foi el quen prendeu a pira funeraria na que se inmolou o heroe, aínda que se adoita atribuír esta acción a Filoctetes, un dos compañeiros de Heracles.

Á morte de Heracles e para axudar ós Heráclidas, conduciu a moitos deles a Sardeña, especialmente a moitos dos fillos que tivera aquel coas cincuenta fillas de Tespio, co encargo de crear alí unha colonia; outras fontes din que foi alá por encargo de Heracles. Iolao conquistou as mellores terras da illa e civilizou ós seus habitantes, fundando diversas cidades coa axuda de Dédalo, polo que chegaría a ser adorado na illa. Tamén foi a Sicilia (aínda que outras fontes afirman que morrera en Sardeña) e fundou novas cidades e santuarios en honor a Heracles divinizado.

Euristeo prohibiu o regreso a Tirinto de Alcmena (a nai de Heracles), de Ificles e mais de Iolao (xa na vida do heroe, prohibiulle regresar aínda despois de cumprir os doce traballos). A maiores, obrigou ós reis de Corinto e de Traquis que os acolleran, a expulsalos, polo que tiveron que refuxiarse en Atenas. Tamén esixiu ó rei de Atenas que os expulsase da cidade, pero os atenienses negáronse. Euristeo declaroulles a guerra pero foi derrotado e tivo que fuxir. Foi perseguido por Hilo, o fillo máis vello de Heracles, que lle deu alcance e o matou, aínda que Píndaro (Píticas, IX, 79) conta que foi Iolao quen o matou. Respecto a estes feitos, dise que Iolao pediu a Zeus que lle permitira recuperar a súa forza da xuventude durante só un día (ou só unha hora), para poder axudar á súa familia. Foille permitido e puido volver para matar a Euristeo.

Ovidio di que este don lle foi concedido por Hebe, deusa da xuventude Lémbrese que Heracles, tras morrer e ascender ó Olimpo, casou coa deusa Hebe..

Canto ás circunstancias da morte de Iolao na Guerra de Troia, hai, como resulta habitual, diferentes versións. Existía un oráculo que auguraba a morte ó primeiro que desembarcara, e foi Iolao quen o fixo, para estimular ós seus compañeiros. Morreu axiña por unha frecha de Heitor.

Mesmo se fala de que Iolao foi á guerra acompañado por Heracles, pero esta tradición está desacreditada porque Heracles xa morrera moito antes da guerra. Homero, que na súa Ilíada constitúe a principal fonte literaria desta xesta épica, non o menciona.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981. HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009. OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Categoría:Heracles