Antón Corral Martínez, nado na Coruña o 11 de xullo de 1936, é un gaiteiro e artesán de instrumentos musicais galegos.

Traxectoria Antón Corral entrou en contacto coa música na escola, no colexio Santo Anxo de Lugo, onde aprendeu solfexo e comezou a tocar a bandurra. Naceu así o seu interese polos instrumentos tradicionais nos que continuou formándose a través de Antonio Sandar, compoñente do grupo Os Amigos de Lugo, co que aprendeu a tocar a gaita e o clarinete. A súa primeira actuación foi cun grupo de rapaces chamado Os Garabullos do Alto. Durante o servizo militar tocou o clarinete na banda militar. Logo de licenciarse meteuse de cheo no mundo da gaita, e tocou cos Modernos e Os montes, ámbolos dous de Lugo, cos que tivo máis participación. Paralelamente, tocaba coa Sección Femenina e impartía clases de gaita en Cantigas e Frores. miniatura|Gaita feita por Antón Corral.|260x260px Deixou de traballar como axente comercial por problemas de saúde e, animado polo veterano gaiteiro cuntiense coñecido como O Patelas, comezou o seu labor como artesán en 1974 en Lugo de xeito autodidacta. En 1979 pasou a Ortigueira chamado pola Escola de Gaitas. Debido á falta de apoios económicos trasladouse novamente a Lugo, onde tentou formar un equipo con antigos alumnos como Carracedo, Ramón Casal, e o seu fillo Carlos Corral. Alí formaron un taller de artesáns chamado Soutelo de Montes, xa que a intención de formar unha cooperativa non prosperou. En 1983 trasladouse a Vigo para dirixir o Obradoiro-Escola de instrumentos da Universidade Popular de Vigo até o ano 2000 momento no que se retirou deixando a cargo do obradoiro ao seu fillo Carlos Corral. Neste obradoiro acadáronse importantes avances na organoloxía das gaitas: novas tonalidades, melloras no timbre e na afinación dos punteiros etc, e alí se formaron pasaron destacados artesáns e gaiteiros como Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño ou Anxo Pintos. Cos alumnos da escola, Antón Corral formou no 1984 o grupo Xarabal, unha das primeiras bandas de gaitas galegas.

Xa retirado abriu un obradoiro en Tui, no que continúa traballando xunto ao seu neto Ramón Corral.

Premios e galardóns

Premio Artesán distinguido outorgado por La obra sindical de artesanía (Madrid, 1977). Premio Deseño do Ateneo de Ourense (Ourense, 1983). Premio Reconquista de Vigo concedido polo Concello de Vigo (1990). Premio Gaita de Ouro do Ateneo de Ferrol (Ferrol, 1996). Premio da crítica musical. Círculo Ourensán de Vigo (Vigo, 2001). Premio Vigués distinguido, outorgado polo Concello de Vigo (2001). Premio Opinión, outorgado pola Asociación de Gaiteiros Galegos (2009). Premio Recuncho da palleta, do programa da Radio Galega Lume na Palleira (2010). Premio da música Var con V, concedido polo Var con V de Moaña (2013). Premio Honorífico Martín Códax da Música (Pontevedra, 2016). 2025: Premio da Cultura Galega en Iniciativas en prol do Patrimonio.

En xaneiro de 2018, no Teatro Municipal de Tui celebrouse unha gala en homenaxe a Anto Corral, na gala participaron algúns dos seus antigos alumnos como Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos, Pancho Álvarez, xunto a banda de gaitas Xarabal, o grupo Santa Columba de Ribadelouro, e as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e Arume de Malvas. Nese mesmo ano pronunciou o pregón das festas patronais de Tui.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas

Antón Corral - TVG (Alalá nº 73 - 2008)

Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Lutieres Categoría:Gaiteiros de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1936 Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia Categoría:Zanfonistas Categoría:Vigueses distinguidos Categoría:Personalidades da artesanía