Peter Seeger, universalmente coñecido como Pete Seeger, nado en Nova York o 3 de maio de 1919 e finado o 27 de xaneiro de 2014 en Beacon, estado de Nova York, foi un musicólogo e cantante folk norteamericano. Considerado un dos pioneiros da música folk e tamén da música de protesta dos cantautores nos anos cincuenta e sesenta, pertenceu ós Almanac Singers e máis tarde ó cuarteto The Weavers, que conseguiu facer popular a música folk nos circuítos comerciais.
Traxectoria
Carreira Estudou xornalismo en Harvard e durante anos buscou nos arquivos e bibliotecas dos Estados Unidos cancións tradicionais, rescatándoas e creando novos temas baseados na música tradicional, ademais de seguir o camiño iniciado por xente como Woody Guthrie. Son cancións súas as xa míticas "Where Have All the Flowers Gone?", "If I Had a Hammer" e "Turn, Turn, Turn", que foron gravadas por multitude de artistas, tanto de folk como doutros estilos.
Política Activista de esquerda durante toda a súa vida e membro do Partido Comunista dos Estados Unidos de América, compareceu diante o Comité de Actividades Antiamericanas e alí defendeuse acompañado polo seu banxo ofrecéndose a cantar para eles dixo "Teño cantado para moitas audiencias. Teño cantado en xunglas de vagabundos e cantei para os Rockefeller. Nunca me neguei a cantar para ninguén. Esa é a única resposta que podo dar. Estou orgulloso de ter cantado para os estadounidenses de todas as tendencias políticas".
Familia Era fillo de Constance de Clyver Edson e de Charles Seeger, un coñecido pacifista e musicólogo estadounidense, e sobriño de Alan Seeger, un poeta de guerra estadounidense de ascendencia alemá que loitou contra o Imperio alemán na Primeira guerra mundial e morreu en combate o 4 de xullo de 1916, durante a ofensiva do Somme, servindo na Lexión Estranxeira francesa. Foi pai de Mika Seeger e parella de Toshi Seeger. Pete Seeger era irmán dos tamén músicos folk Peggy Seeger e Mike Seeger.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Macartismo Alan Seeger Woody Guthrie Bob Dylan
Ligazóns externas Páxina cunha mostra das gravacións orixinais de Seeger, versionadas por Springsteen no seu último disco
Categoría:Personalidades do folk Categoría:Activistas dos Estados Unidos de América Categoría:Cantantes de Nova York Categoría:Marxistas Categoría:Nados en Nova York Categoría:Nados en 1919 Categoría:Finados en 2014 Categoría:Estadounidenses de ascendencia inglesa Categoría:Lista negra de Hollywood