O Vira é un baile solto característico do norte de Portugal. Bailase tamén en Galiza onde se conservou principalmente na comarca da Limia.
Características O vira é un derivado da xota, un baile que se popularizou por toda a Península Ibérica no século XIX. Nos territorios do norte de Portugal, a xota deu lugar ao vira ou, visto doutro xeito, vira é nome co que se coñece á xota nestas terras. Neste sentido, o feito de que a copla de volta máis frecuente nas xotas galegas denomine "vira" o baile, fai pensar que posibelmente tamén fose o nome dado as xotas en Galiza antigamente.Martínez San Martín (1998). pp.126-127
Acompañado sempre pola música do acordeón, o vira é un baile lúdico interpretado por un número variábel de parellas colocadas dúas fileiras, unha de homes e outra de mulleres. Ten dúas partes diferenciadas: punto e volta. Os puntos son pasos picados, valseados, embotados, etc; a volta adoita facerse en roda ou cruzando as filas con pasos valseados.
En Portugal existen múltiples variantes tanto musicais como na maneira de bailar o vira dependendo das distintas áreas xeográficas: vira de roda, vira estrepassado, vira roubado, vira afandangado, vira valseado, vira-flor, vira de trempe, vira galego, vira ao desafío, vira poveiro (da Póvoa do Varzim), etc.
En Galiza foi conservado nas comarcas ourensás da raia, en especial na vila limiense de Olelas onde mantén grande tradición. Tamén aparece de xeito illado noutros lugares como Bembibre, onde foi recollido polo grupo de baile e música tradicional Brincadeira no ano 1985. A actividade das canteiras da zona trouxo traballadores do norte portugués, sendo a mestura dos xeitos miñotos de tocar e bailar cos galegos a orixe a este baile.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Xota
Ligazóns externas
Veciños de Olelas: “Vira e a chula de Olelas” - Luar - TVG (1996) Vira de Bembibre - Pedro Blanco (2008) - Youtube. Vira de Olelas - Asociación Cultural Donaire (2018) - Youtube.
Categoría:Baile tradicional galego Categoría:Xota