Antonio Sánchez Taboada, máis coñecido como Lexo, nado en Sada o 16 de marzo de 1932 e finado en agosto de 2023, foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro.

Traxectoria Despois de xogar no Canido, no Arsenal de Ferrol e no SRD Esteiro fichou polo Deportivo da Coruña. Na tempada 1954/55 foi cedido ao Deportivo Xuvenil, que xogaba na Segunda División. Disputou só un partido, anotando un gol, e despois volveu á disciplina branquiazul, debutando en Primeira División na xornada 20, nun derbi contra o Celta de Vigo.

Na seguinte tempada foi cedido ao Racing de Ferrol xunto a Ledo, Antelo e Rafael Franco, pero lesionouse no partido de proba nun choque con Olavide, perdendo gran parte da tempada. Tras debutar e xogar só dous encontros volveu ao Deportivo para substituír nos derradeiros partidos da tempada primeiro ao lesionado Gárate e logo a Juananco. No verán de 1956 fichou polo Burgos xunto a outros tres coruñeses: Manín, Losada e Regueira, e na tempada 1957/58 xogou co Cartagena en Terceira.

En 1959 marchou a Venezuela, onde levaba uns anos o seu irmán Juan. Alí fichou polo Deportivo Celta, o equipo do Lar Gallego de Caracas. Foron con el o dianteiro Jaime Guillín e o adestrador Antonio Villar Chao. Xogou logo no novo Deportivo Galicia e en 1961 volveu a Galicia, onde xogou algúns partidos co seu antigo equipo, o Esteiro.

Posteriormente, de novo en Venezuela, xogou no Sporting Coruñés. Faleceu en agosto de 2023, aos 91 anos de idade.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Sada Categoría:Nados en 1932 Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Burgos CF Categoría:Xogadores do Deportivo Galicia Categoría:Finados en 2023