Dezső Gencsy, nado en Budapest o 2 de novembro de 1897 e finado no Porto o 8 de abril de 1977, foi un futbolista e adestrador húngaro. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección húngara. Tamén foi un xogador de xadrez de gran nivel.
Traxectoria
Como xogador Nado en Budapest, comezou nun dos clubs da capital, o NSC Budapest. Xogou alí na segunda división húngara, logrando o ascenso á primeira división na tempada 1918/19. Disputou unha soa tempada na máxima categoría, descendendo de novo a segunda ao remate desta.
A continuación emigrou a Alemaña, onde comezou xogando durante tres tempadas no FC Saarbrücken, na cidade de Saarbrücken. En 1924 mudouse a Hamburgo e xogou unha tempada no SC Union von 1903.
En 1925 deixou Alemaña e instalouse en Italia, xogando primeiramente nas filas do Derthona FBC, na segunda división, onde acabaron na segunda posición do grupo A. Na tempada seguinte mudouse a Xénova. Debutou co Genoa na Divisione Nazionale, entón a máxima categoría italiana, na tempada 1926/27. O club quedou terceiro no grupo A, e clasificouse para a fase final, na que acabou no cuarto posto. Ao remate desta tempada puxo fin á súa carreira como xogador.
Selección nacional Disputou un só partido coa selección húngara, o 5 de xuño de 1921 contra a selección de Alemaña, entrando como substituto de György Orth.
Como adestrador Na tempada 1934/35 comezou adestrando o SC Vianense, da localidade portuguesa de Viana Do Castelo, pasando no medio da campaña ao Académico FC do Porto, que disputaba a primeira edición da Primeira Liga portuguesa. Con todo, non puido salvar ao Académico FC, que quedou sétimo e descendeu.
En novembro de 1935 converteuse no novo adestrador do Deportivo da Coruña, permanecendo no club durante toda a tempada 1935/36 da segunda división española, e rematando na penúltima posición. O club salvouse do descenso pola desaparición do Deportivo Nacional.
Posteriormente volveu a Portugal, onde adestrou o FC Porto, en dúas etapas, o Famalicão e o Académica de Coimbra. Instalado no Porto, morreu en abril de 1977.
Notas
Categoría:Nados en Budapest Categoría:Nados en 1897 Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Futbolistas de Hungría Categoría:Adestradores de fútbol de Hungría Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Hungría Categoría:Xogadores do Genoa CFC Categoría:Adestradores do FC Porto Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Académica de Coimbra Categoría:Finados en 1977 Categoría:Adestradores do FC Famalicão