José Blanco López, tamén coñecido como Pepe Blanco ou Pepiño Blanco, nado en Ferreira de Negral (Palas de Rei) o 6 de febreiro de 1962, é un político socialista galego.

Traxectoria Primeiros anos Naceu na parroquia de Ferreira de Negral, no concello de Palas de Rei, o 6 de febreiro de 1962. Afiliouse ao PSdeG en 1978. En 1982 comezou estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, mais abandonounos. Traxectoria na política Foi secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia e presidente do Consello da Xuventude de Galicia. Nas eleccións xerais de 1989 foi escollido senador (1989-1996). Foi tamén concelleiro de Palas de Rei (1991-1999), e deputado por Lugo no Congreso dos Deputados en 1996.

En 2000 foi elixido secretario de Organización e Acción Electoral do PSOE, posto no que se mantivo ata xullo de 2008, cando foi nomeado vicesecretario xeral do PSOE. Dende o 7 de abril de 2009 ocupou o cargo de ministro de Fomento, en substitución de Magdalena Álvarez; permaneceu no cargo até decembro de 2011. A ese ministerio sumoulle o cargo de voceiro do Goberno de España dende o 12 de xullo de 2011.

En 2011 volveu encabezar a candidatura ao Congreso dos Deputados, como xa fixera en 1996, en 2000, en 2004 e en 2008, pola provincia de Lugo. Neses comicios de 2011 volveu saír elixido, pero a derrota electoral do seu partido levouno a facer o anuncio da súa retirada da primeira liña política.

Semanas antes das eleccións espallouse a acusación, por parte do empresario lugués Jorge Dorribo, de aceptar subornos a cambio de concesión de subvencións.

Foi candidado ás eleccións europeas de 2014, no número 10 da lista do PSOE, resultando elixido eurodeputado.

Traxectoria posterior En outubro de 2019 anunciou a súa incorporación á consultora Acento Asuntos Públicos (Acento Public Affairs, S.L.), fundada por el mesmo e polo tamén socialista Antonio Hernando. Segundo o xornal eldiario.es, ofreceu os servizos da consultora a empresas do IBEX asegurando ter contacto directo cos ministros do goberno de Pedro Sánchez.

En maio de 2020 anunciouse a súa entrada no consello de administración da empresa Enagás, cun salario de arredor de 160.000 € anuais, xunto co tamén expolítico socialista José Montilla; o nomeamento foi aprobado pola xunta da empresa.

Vida persoal No persoal, está casado e ten dous fillos.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Lista de senadores galegos desde a Transición Lista de deputados galegos no Congreso desde a Transición

Ligazóns externas Ficha do deputado José Blanco López na páxina web do Congreso dos Deputados Antigo blog persoal de José Blanco (sen actualizar dende 2009) . Web persoal de José Blanco .

Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE Categoría:Senadores por Lugo Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo Categoría:Ministros de Fomento de España Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Nados en Palas de Rei Categoría:Nados en 1962