Nicolás Alvarado Caporale, coñecido como Nico, nado en Buenos Aires o 24 de xullo de 1976, é un adestrador e ex xogador de fútbol e fútbol praia galego. É un dos xogadores máis destacados da historia da selección española de fútbol praia, na que sucedeu a Amarelle como capitán, e coa que disputou sete Campionatos do Mundo. Gañou tres Eurocopas, sendo elixido mellor xogador en dúas delas, e cinco Ligas Europeas, así como o Mundialito de 2013.

Dende 2017 adestra a selección de Belarús, á que levou á final da Copa do Mundo en 2025. Foi elixido mellor adestrador de fútbol praia do mundo de 2025.

Traxectoria

Orixes Aínda que naceu en Buenos Aires viviu na Coruña dende que tiña un ano e medio, pois seu pai, un músico da canción protesta, tivo que exiliarse durante a ditadura militar.

No fútbol Formouse como futbolista no Orillamar, no que xogou dende as categorías inferiores ata o equipo de modestos. No verán de 1998 fichou polo Malpica de José Luis Vara, co que conseguiu o ascenso a Rexional Preferente no seu primeiro ano e á Terceira División no segundo. No 2002 deixou o Malpica e volveu ao Orillamar, no que xogou ata 2005.

Dende 2006 a 2009 xogou co Sporting Universidade, co que ascendeu á Segunda Rexional. No verán de 2009 fichou pola UD Carnota, da Liga da Costa, na que militou ata 2011.

No fútbol praia

Milano Comezou a xogar ao fútbol praia na praia de Riazor e gañou o torneo que se disputaba no areal coruñés a finais dos anos 90. As súas boas actuacións alí fixeron que fora convocado para a selección española, coa que debutou nun torneo en Iugoslavia en 1998. Con todo, a falta de equipos e competicións deste deporte fixo que non entrase nun club de fútbol praia ata 2006, cando fichou xunto a Amarelle polo Milano Beach Soccer, de Milán.

En xullo conquistou na localidade de Vasto, á beira do Adriático, a Copa Italia, o primeiro título na historia do club lombardo. O título chegou despois de derrotar na final ao Catania por 7-6, anotando un dos goles da final, e sendo elixido mellor xogador da competición. Un mes despois en Catanzaro, gañou tamén a Serie A, vencendo na final ao Friulpesca Udine por 7-2, anotando de novo un dos sete goles. Revalidou ambos títulos en 2007, despois de gañar na final da Copa ao Cavalieri del Mare Viareggio (5-2) e na da Serie A ao Coil Lignano Sabbiadoro (3-3 e 6-5 na quenda de penaltis).

Tras non conseguir ningún título en 2008, ao ano seguinte o equipo volveuse proclamar campión da Copa nunha trepidante final baixo a choiva contra o Viareggio que finalizou con empate a nove goles no tempo regulamentario, o primeiro deles de Nico. Na quenda de penaltis, o portugués Madjer errou o lanzamento do equipo toscano, mentres que Amarelle anotou o seu, dándolle así a terceira Copa ao Milano. Na Serie A o equipo milanés chegou tamén á final, onde se enfrontou ao Napoli, capitaneado por Diego Armando Maradona Junior, gañando finalmente os napolitanos por 6-5. No 2010 sumou tres novos títulos ao seu palmarés, na campaña máis triunfante da historia do Milano, conquistando a Serie A, a Copa e a Supercopa.

FC Barcelona En marzo de 2011 foi incorporado polo FC Barcelona para a súa nova sección de fútbol praia dirixida por Amarelle. En marzo disputou en São Paulo a primeira Copa Mundial de Clubs. Aínda que pasaron a fase de grupo como primeiros, caeron nos cuartos de final fronte ao Sporting de Lisboa. A historia repetiuse ao ano seguinte, pasando como primeiros de grupo e caendo de novo ante o Sporting, mentres que no 2013 non conseguiron pasar da fase de grupos.

Na edición de 2015, celebrada no Río de Xaneiro, o Barcelona foi primeiro de grupo, nas semifinais eliminou ao Al-Ahli emiratí na quenda de penaltis, e na final proclamouse campión do mundo vencendo tamén nos penaltis ao Vasco da Gama brasileiro.

Selección española No momento da súa chegada á selección española, en 1998, esta estaba formada case totalmente por ex futbolistas retirados como Quique Setién, Abel Resino ou Emilio Butragueño, pero foise especializando co paso dos anos. miniatura|Nico xunto aos seus compañeiros da selección galega en 2008. Coa selección liderada por Amarelle, e con numerosos galegos como Roberto Valeiro, gañou durante a seguinte década e media tres Eurocopas e cinco Ligas Europeas, así como o Mundialito de 2013. Ademais foi elixido mellor xogador nas Eurocopas de 2008 e 2009, en Bakú e Roma respectivamente. Disputou sete Mundiais, sendo o xogador da selección española con máis participacións, e chegou a tres finais (2003, 2004 e 2013), perdendo as dúas primeiras contra o Brasil e a terceira contra Rusia.

En 2015 participou coa selección nos Xogos Europeos de Bakú, onde España quedou eliminada na primeira fase. Foi o capitán da selección española dende a marcha de Amarelle en 2013 e deixouna en 2015 despois do seu sétimo Mundial, en Espinho.

Selección galega Xogou tamén coa selección galega, dende a súa creación en 2008.

Como adestrador En 2017 converteuse no adestrador da selección de Belarús, á que dirixiu no Mundial de 2019 no Paraguai. Foi nomeado pola BSWW ao premio ao mellor adestrador do 2019, quedando finalmente segundo nas votacións, por detrás de Gilberto Costa. Ese mesmo ano conseguiu a primeira clasificación da historia da selección para unha Copa do Mundo, repetindo clasificación no Mundial de 2021, pero en ambos casos caeu eliminado na primeira rolda. No Mundial de 2024 a selección de Belarús acadou as semifinais, onde caeu eliminada ante Italia na quenda de penaltis, despois de conseguir o primeiro posto na fase de grupos e de eliminar a Tahití en oitavos e a Portugal en cuartos. Ademais, o equipo belaruso rematou terceiro tres anos consecutivos na Euro Beach Soccer League. a maior competición de seleccións europeas, nas edicións de 2023, 2024 e 2025.

A progresión da selección dirixida por Nico Alvarado continuou no Mundial de 2025, celebrado nas Seychelles. Belarús repetiu como campión do seu grupo na primeira fase e posteriormente eliminou a Irán e Senegal, para clasificarse por primeira vez para unha final da Copa do Mundo. Así, enfrontouse ao poderoso Brasil no Paradise Arena de Victoria, onde a vitoria acabou sendo para o conxunto suramericano por 4-3 despois dun disputado partido. Os seus grandes resultados coa selección belarusa levárono a ser elixido mellor adestrador do mundo do ano 2025.

Palmarés Milano Beach Soccer

Serie A (3): 2006, 2007 e 2010. Copa Italia (4): 2006, 2007, 2009 e 2010.

FC Barcelona

Copa Mundial de Clubs (1): 2015.

Selección española

Eurocopa (3): 1999, 2008 e 2009. Liga Europea (5): 1999, 2000, 2001, 2003 e 2006. Mundialito (1): 2013. Premios individuais

Mellor xogador da Eurocopa (2): 2008 e 2009. Mellor xogador da Copa Italia (1): 2006.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ramiro Figueiras Amarelle Roberto Valeiro

Categoría:Nados en 1976 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da UD Carnota Categoría:Futbolistas de fútbol praia