Virgilio Rodríguez Rincón, nado na Coruña c. 1889 e finado na mesma cidade o 2 de xuño de 1978, foi un futbolista galego. Xogaba como dianteiro e foi un dos fundadores do Deportivo da Coruña, autor do primeiro gol da historia do club, e presidente deste en dúas etapas.

Traxectoria

Como futbolista Nacido na Coruña, era o sexto dos sete fillos de Sebastián Rodríguez Enríquez e María Rincón Hernández, sendo seus irmáns Florentina, Amelia, Fernando, Sebastián, Guzmán e Zoroastro.

Era un habitual do ximnasio da Sala Calvet, onde comezou a practicar salto de altura e de lonxitude e a vogar coa traiñeira do Club Náutico. En 1906 foi un dos fundadores do Deportivo da Coruña, formando parte do equipo que disputou o primeiro partido da historia do club, contra o Corunna Foot-ball Club, con só 16 anos, 9 meses e 23 días de idade. Anotou ademais o primeiro gol nese mesmo encontro. Xogou como dianteiro no equipo durante varios anos, e participou en 1912 da conquista do primeiro título oficial do club, o Concurso España, derrotando ao Vigo FC.

A primeira imaxe en cor do Deportivo da Coruña é un óleo do pintor Francisco Lloréns, no que Virgilio aparece realizando un saque de banda.

Como dirixente A súa primeira etapa na directiva do Deportivo comezou xa en 1908, como contador do club. Posteriormente foi presidente do Deportivo Auténtico, unha escisión saída dos xogadores do Deportivo molestos coa directiva, e conseguiu a reunificación das dúas partes en 1918, converténdose no quinto presidente do Deportivo.

Despois ostentou outros cargos dentro da directiva, como o de secretario, o cal ocupou durante a presidencia de seu irmán Guzmán, ou vicepresidente Entre 1945 e 1946 foi novamente presidente, tendo que afrontar graves problemas económicos no club, pero logrando o ascenso á Primeira División ao remate da tempada. Fóra do fútbol traballou no Banco Hispano Americano.

Faleceu o 2 de xuño de 1978, aos 89 anos de idade, sendo o socio número 1 do Deportivo. Trala súa morte o club creou a Medalla ao Deportivismo Virgilio Rodríguez Rincón, sendo entregada a primeira delas a Manuel Cagiao Muíños, antigo dirixente do club e socio número 1 despois do pasamento de Virgilio.

Vida persoal Casou en maio de 1914 na igrexa de Santa Lucía con Adela Rodríguez Yordi, filla do lexicógrafo, xornalista e escritor Eladio Rodríguez González. A parella tivo sete fillos: Adela, María Luisa, Virgilio, María, Eladio, Josefina e Antonio.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1978 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Presidentes do Deportivo da Coruña