Juan Victorino González Enríquez, nado na Coruña o 24 de xuño de 1964, é un ex-judoka galego. Foi tres veces campión de España e competiu nos Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl.
Traxectoria Natural do barrio de Monte Alto, aos 9 anos acudiu ao Pazo dos Deportes de Riazor para anotarse a kárate, pero como a idade mínima necesaria eran 16 anos, apuntouse en judo. Formou parte do Club Shiai da Coruña, co que se proclamou campión galego e español en categorías inferiores, e en 1983 disputou o Campionato de Europa júnior.
En 1984 gañou en Málaga o seu primeiro título de campión de España absoluto, na categoría de 78 kg, converténdose no segundo galego en lograr un título nacional, despois de Pier Veira. Revalidou o título ao ano seguinte en Madrid, ao superar na final ao madrileño Fernando Vega.
En 1986 obtivo o bronce no Campionato de España e ao ano seguinte participou nos Xogos Mediterráneos na cidade siria de Latakia, chegando á final dos 78 kg, onde perdeu contra o francés Jean-Michel Berthet, regresando polo tanto cunha medalla de prata. Participou nos Xogos Olímpicos de 1988, sendo o primeiro judoka galego en facelo, e tras superar dúas roldas, caeu nos oitavos de final contra o campión olímpico de 1984, Frank Wieneke, da Alemaña Federal. Acabou no sétimo posto, volvendo á casa cun diploma olímpico.
En 1990 conseguiu a medalla de bronce no Campionato de España e ao ano seguinte o seu terceiro ouro. Pouco despois anunciou a súa retirada das competicións e a renuncia á súa case segura participación nos Xogos Olímpicos de 1992.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do judoka no sitio web do Comité Olímpico Internacional .
Categoría:Nados en 1964 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Judokas olímpicos de Galicia Categoría:Judokas nos Xogos Olímpicos de 1988