Joaquina Costa Iglesias, nada no Grove o 24 de marzo de 1967, é unha ex-piragüista galega que competía na modalidade de augas tranquilas. Competiu nos Xogos Olímpicos de 1992 en Barcelona.

Traxectoria Comezou a practicar piragüismo aos 13 anos no Club Breogán do Grove, e ao ano seguinte, estando aínda en idade infantil, proclamouse subcampioa de España cadete. En 1983 foi campioa de España cadete no K1.

En 1987 a Federación Galega de Piragüismo inhabilitouna durante tres anos por agredir a un xuíz-árbitro no Campionato de Galicia de Inverno disputado no río Lérez. Con todo, a sanción foille levantada pouco despois e nos seguintes anos confirmouse como a mellor piragüista de Galicia. Formou parte do K4 español e en 1990 disputou o Campionato do Mundo en Poznan, na proba de K2 500 xunto a Susana Torrejón. En 1991 foi campioa de España de Autonomías, tanto no K1 500, como no K2 500 (xunto a Ana María Penas), e no K4 500 (con Penas, Victoria Avilés e María Naveiro); ademais de campioa de España do K1 5000 metros. Ao ano seguinte revalidou os títulos de K2 e K4 e foi subcampioa en K1.

Competiu nos Xogos Olímpicos de 1992, en dúas categorías: K2 500 m (xunto á padexeira Belén Sánchez) e K4 500 m (formando equipo con Belén Sánchez, Luisa Álvarez e Ana María Penas. No K2 logrou meterse na final, obtendo a novena praza final, mentres que co equipo de K4 só puido chegar a semifinais.

Tralos Xogos Olímpicos, centrouse nos seus estudos de Fisioterapia, aínda que continuou participando nalgunhas competicións como o Mundial de 1993 en Copenhague, onde acadou a final, e pouco despois deixou a competición de elite. En 1996 viaxou como fisioterapeuta da selección española aos Xogos Olímpicos de Atlanta.

Recoñecementos En 1992 foi declarada "Filla predilecta do Grove", xunto ao tamén piragüista Alfredo Bea.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Piragüismo nos Xogos Olímpicos

Ligazóns externas Datos da piragüista no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional .

Categoría:Nados en 1967 Categoría:Nados no Grove Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 1992